culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

A maior lonxevidade das mulleres: un asunto de corazón

As mulleres viven máis anos que os homes e non se sabe moi ben porqué. Desde hai tempo varias teorías tentan explicar esta diferenza na lonxevidade, mais ningunha está demostrada definitivamente. A comezos deste ano un grupo de científicos do Reino Unido propuxo que a explicación pode estar, entre outras cousas, na musculatura do corazón.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O corazón é un músculo imprescindíbel para o funcionamento do corpo. É unha máquina que traballa bombeando sangue a todos os tecidos; desta maneira arterias, veas e capilares distribúen osíxeno, nutrientes e outros elementos a todas as células do corpo. As células son terribelmente ávidas e precisan dunha alimentación constante ou, pola contra, morren ao cabo duns minutos. Como funciona este músculo tan especial?

Músculos obedientes
A maior parte dos nosos músculos teñen como misión mover o esqueleto, tirando dos ósos dun lado para outro: estou a falar da chamada musculatura esquelética –por certo, este tecido é a parte fundamental que, os que somos carnívoros, comemos dos outros animais: xamón, filetes e churrasco son bos exemplos de músculos esqueléticos–. Cada músculo está composto por miles de longas células ou fibras musculares cunha propiedade moi especial: poden contraerse e diminuír de lonxitude seguindo instrucións do noso cerebro, da nosa vontade. Para contraer por exemplo o bíceps –ese músculo do brazo que ensinamos cando “sacamos bola”– o noso cerebro envía unha orde a un grupo de neuronas que están en contacto con esas fibras musculares e, ao recibir a sinal, as fibras, rápidas e obedientes, acúrtanse. Estas fibras poden crecer en tamaño (hipertrofia muscular) dependendo da cantidade de traballo que realicen, aumentando desa maneira a cantidade de tensión que poden realizar; ao facer exercicio os músculos implicados tenden á hipertrofia. Coa idade, e tamén coa falta de exercicio, as fibras van diminuíndo de tamaño e morrendo.

Músculo automático e incansable
Un corazón en repouso late unhas 100.000 veces ao día, bombeando nesas 24 horas uns 7.000 litros de sangue –cántos litros e latidos levas xa na túa vida?–. O músculo do corazón é moi parecido ao que move os ósos, mais ten unha propiedade especial: a contracción das fibras non depende da nosa vontade, senón que ocorre de maneira independente, automática e continua –menos mal–. En condicións de repouso hai unha contracción –un latido– aproximadamente cada segundo (a frecuencia media é de 65-70 latidos por minuto), a cal pode aumentar ou diminuír dependendo do momento do día e da actividade que se está a facer. Ao aumentar a actividade física as células do corpo precisan máis fluxo de sangue e, por tanto, a bomba traballa a máis velocidade: o corazón aumenta a frecuencia –e outros parámetros, como a forza de contracción–. As fibras do corazón teñen ademais outra característica que as fai diferentes ás dos músculos esqueléticos: a contracción realízase de maneira extremadamente organizada e sincronizada. Os millóns de fibras que o forman seguen unha secuencia precisa de acurtamento, que lle permite funcionar como unha bomba certamente moi eficaz. Isto conséguese grazas a que as células están ligadas unhas a outras a través de conexións eléctricas polas que circula a orde de contracción.

As vellas deben de namorarse
Que ten que ver todo isto coa diferenza en lonxevidade de mulleres e homes? Parece que moito, entre outras cousas porque as enfermidades do corazón son a principal causa de morte no mundo occidental. Na Unión Europea as mulleres viven un termo medio de 82 anos, mentres que os homes quédanse en 76. Pode haber moitas razóns para explicar estes números, por exemplo diferenzas hormonais e o efecto destas no sistema cardiovascular –formado polo corazón e os vasos sanguíneos–, ou modificacións globais no organismo como consecuencia da distinta importancia evolutiva de homes e mulleres. Estas e outras teorías seguen no ar, mais agora temos un dato novo moi importante: un grupo de científicos da Universidade John Moore de Liverpool acaba de descubrir que o corazón feminino é moito máis duradeiro.

Os investigadores, liderados por David Goldspink, compararon o corazón de 250 voluntarios –xente san que levaba unha vida sedentaria– con idades entre 18 e 80 anos, e encontraron unha diferenza espectacular entre os corazóns de distinto sexo: os homes de 70 anos teñen un terzo menos de fibras musculares que os de 20 –as células van morrendo co tempo–, e por tanto un corazón cun 20-25 % menos de potencia. Que pasa coas mulleres? Pois…nada: o corazón das mulleres de 70 anos ten practicamente o mesmo número de fibras e a mesma potencia que o dunha rapaza de 20! Por algunha razón que aínda é descoñecida o paso do tempo afecta moi pouco á supervivencia das fibras contráctiles do corazón femenino, e este feito pode estar directamente relacionado coa diferenza en lonxevidade respecto aos homes. Mais o organismo é plástico e pode exercitarse. Os científicos de Liverpool tamén observaron que os homes que fan exercicio de maneira continuada chegan a vellos cun corazón cunha potencia comparábel á dos rapaces de 20.

Facer traballar ao corazón diminúe a morte paulatina de millóns de fibras musculares. Ti dirás.

Ligazóns

David Goldspink
http://cwis.livjm.ac.uk/psd/reach/DavidGoldspink.htm

Por que viven máis as mulleres?
http://elmundosalud.elmundo.es/elmundosalud/2005/02/11/mujer/1108136913.html

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org