Pintura que non mancha
Dous artistas que ilustran un mesmo momento: a pintura xogando co soporte mentres chupan das máis variadas fontes. Arturo Herrera, no CGAC e Ana Cristina Leite, na galería Ad Hoc de Vigo, rexistran novas ou aparentes novidades de reler o soporte pictórico.
Atrapade o mensaxeiro
10 / 5 / 2005
Supón a superficie dun determinado soporte un inestable e sorpresivo campo de alteración nos ollos do observador. Isto, tan estudado e que fai do medio un logro, é un xogo de aparencias e inusitadas sorpresas, máis que localizado nas obras de Arturo Herrera e aínda máis acelerado en Ana Cristina Leite. Ambos os dous nomes coinciden estes días en dous espazos da nosa xeografía, o CGAC e a galería Ad hoc. Son modos de poñerlle un verniz, un xesto, un pulso ou unha erosión tenue, mesmo un murmurio de cor, sobre unha determinada superficie suxestiva. Falamos de fontes de influencia que se presentan no pano mesmo da ollada, cubertos cunha lene capa de sinatura persoal ou cunha cortina esgazada. Falamos de soporte, pensamos en influencias.
Atrapado
Intentamos percorrer a mostra que Arturo Herrera ten no centro compostelán sen aproveitar de golpe toda a súa información, máis que ebria, polas tres salas do primeiro andar. Os itinerarios, perfectamente marcados segundo as liñas que o propio artista improvisa ou experimenta a cada paso, serán pistas como migallas de pan enormes que o visitante vai gardando para seguir analizando en cada parede. Quizais sexa o seu traballo un perfecto exemplo da hibridación de contidos e medios desde a pintura, unha linguaxe de anacos que emprega uns códigos tan efectivos como escorregadizos. O ilimitado imaxinario ó que asistimos mentres seguimos acunando un cadro e logo un grupo deles, son as fontes iconográficas que imos atrapando case sen querer. É a propia historia a que lle dá de beber a este artista venezolano, como era no caso de Vick Muñiz, tamén presente nestas salas hai poucos meses.
Captar
Falamos e pensamos, de seguido, nas fontes. No seu caso residen nunhas historias e iconografías ben definidas e naquelas de películas de animación, do surrealismo, do expresionismo abstracto ou de toda a paisaxe que destila a cultura visual popular nun anaco de pintura recortada e logo implantada nunha escenografía tamén pictórica. As obras de Herrera insisten desde lugares fronteirizos; quizais a mellor das intencións está na impresión que desde o balcón da primeira planta temos da pintura que se adhire ó muro do Dobre Espazo. Curioso. Mentres tanto, Ana Cristina Leite retrata perfectamente a tendencia actual de revisión da pel desde a fotografía ou a pintura, en fin, desde a imaxe. Pensamos en diseccións sinxelas ou máis elaboradas, pensamos en quilos de pel que se presentan case sen alterar a súa mirada, só o seu escenario, o seu espazo. As obras de Ana Cristina, na planta principal enlazan cos traballos de Daniel Buetti, tamén un artista da galería, nesa fusión de corpos en certa decadencia ou nunha ambigua emerxencia de sentirse plena de beleza ou de necesidade. Plena atención, e tamén aparente sedución O seu é un exercicio de captar, non tanto atrapar, a ollada na escena cotiá, nas fontes de recursos inesgotables de revistas e xornais de moda que pasan polas nosas mans sen outra intención que ser link a outra beleza e outra pel, tan falsa como teatral.
Toda unha revisión do soporte, unha nova reviravolta da pintura, a mesma semana que podemos visitar as últimas pezas de Álvaro Negro na galería Fúcares de Madrid, ou a mesma semana na que se poderá ver (a partir de hoxe) a mostra “Radicais libres. Experiencias gays e lésbicas na arte peninsular” no Auditorio de Galicia, ou asistir a partir do xoves á inauguración das últimas fotografías de Manuel Vilariño na galería Trinta, tamén de Santiago. Seguirémoslle a pista a todos.