Unha mirada feminina de Photo España 2002
A realidade vista a través dun obxectivo. Photo España recolle nunha nova edición a mirada desde e fronte ó feminino. Noa Losada, estudiante de Museoloxía, fai un percorrido polas rúas madrileñas visitando as máis de sesenta mostras que debuxan esta interesante proposta anual.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Ano 2002. Quen diría a día de hoxe que a fotografía ia constituir o formato artístico por excelencia do noso tempo. Unha realidade que nace case como laboura retratística ou documental e, pouco máis ou menos, permite agora poder aborda-lo mundo desde diferentes actitudes e intencións, con técnicas diversas, que levan á emisión das ideas máis personales de ve-lo mundo.
“PhotoEspaña”, consecuente co seu papel de vangarda neste eido das mostras fotográficas, chega un ano máis; nesta edición co título
“Femeninos”. Preguntarse o porqué da elección do tema da muller como nucleo xerador deste festival podería resultar rebuscado, mesmo obvio, xa que se está a converter nunha temática recorrente, o ser froito dunha das revolucións históricas máis importantes do século XX, a feminina. Pero o título fala de femininos e semella conducirnos a algo máis, a un novo concepto ou extensión do tema anterior, o do xénero —non do sexo—, a busca e cuestionamento deste camiño paralelo ó reformulamento da identidade, todo isto abordado desde múltiples perspectivas e visións que se apoderan da cidade madrileña, un pouco, tamén, da miña vida, coa intención de reflexión, coñecemento e goce dos viandantes.
Así comeza o paseo, que por falta de espacio e tempo reduciremos: veremos realidade,
Nan Goldin —Palacio de Velazquez, no Retiro—, a que todo o ve, busca a identidade nos seus ambientes máis próximos, así fotografa anacos da vida dos seus amigos. Nesta busca de identidade tamén fai acto de aparición
Elina Brotherus —Xardín Botánico—, onde por medio dunha proximidade propia da súa técnica, conforma un ambiente familiar, así ela, é a que aparece fotografiada en múltiples lugares, no fogar ou nas paisaxes, relatando retrincos do cotiá, cun sabor de soidade que semella caer sobre nós.
Continuamos o percorrido: e agora antóxaseme ficar no Círculo de Belas Artes, para abordar aquí as miradas de confusión de
"The Self" —Klauke, Mamyshev, Nagashima, Opie e Sawada—. Cuestiónanse os límites do eu, xa que este é totalmente manexable, a estas alturas, non existe nin raza, nin xénero, porque hoxe todo e mutable e as metamorfoses xa non son divinas —como as de Ovidio— senon froito dos avances da cirurxía estética, así, non sabemos moi ben o que somos, porque podemos parecer todo o que desexemos ser.
No mesmo lugar pódense percibir outras formas de ver, as visións voyeur de Araki, na exposición
"Chicas vs. Abuelas", onde reflexa os seus máis íntimos desexos proxectados sobre mulleres aínda non maduras, mediante composicións dunha destreza fotográfica inigualable. As rapazas, ó xeito de venus xacentes, son vistas desde un punto de vista máis alto, non de igual a igual, mentras semellan esperar a consumación do amor agardado. Como contrapartida á postura de Araki, está
Van Meene, fotógrafa dunha adolescencia repleta de normalidade, cara a cara, sen máis. A ancianidade vese representada por
Yanagi desde unha perspectiva soñadora dunhas rapazas que pronostican oráculos para 50 anos despois, e, por último,
Yamanaka achéganos á mais íntima e calurosa emotividade dun corpo desgastado polo paso do tempo con tal tenrura e cariño, que presentado o noso nivel semella provocar un anhelo de doce aperta.
Seguimos a transitar por outros derroteiros e, agora, máis miradas voyeur. Esta vez na Fundación Telefónica, na obra de
Helmut Newton; estaría a falar de mulleres desexables, perfectas e sensuais para a contemplación do home; mulleres boneca —así, el mesmo, emprégaas nalgunha das súas series—, pero ó mesmo tempo esta muller adquire rotundidade, fortaleza e aparece como a única dona do seu corpo, incluso nalgúns intres convértese en auténtica dominadora, nisto a obra de Newton aparece como precursora do forte posicionamento da muller na sociedade actual.
Máis miradas. Miradas clásicas onde a muller aparece representada fiel a uns canons de composición, o da muller sofisticada, esbelta e sumamente atractiva como sucede na obra de
Lillian Bassman —no Xardín Botánico—, enfrontada á anteriores olladas duras das iconas femininas, como é o caso das performers Abramovic, Piper ou Schneemann,
"Corporeal/ Cuerpo real —no Centro Cultural Conde Duque—, que camiñan cara a reflexión da condición e situación feminina cunha rotundidade aplastante e sen concesións, dende o máis radical, adquirindo, así, un posicionamento fronte o devir do xénero.
... E poderiamos seguir así ata 61 miradas diferentes, 61 espacios que Photoespaña propón para achegarse á muller. A esta aproximación súmanse as mostras de videos, percorridos, talleres de fotografía, web, para os que non poden visitar, divagar e vagar polas exposicións.
... Así unha vez máis Madrid enchoúpase de ideas fotográficas, que ás veces obviamos e, realmente, son merecedoras dun xesto de contemplación, dun minuto no que atopará un intre de mundos fotográficos “femininos” que ficarán na súa mente falando da pluralidade de perspectivas.