culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Sobre arquitectura

Temos unha nova mensaxe na selección de esixencias dos produtos expositivos en Galicia: a apertura cara a novas disciplinas. Unha delas é a que representa a arquitectura, pero tamén podería ser a moda, o deseño, o urbanismo ou o teatro. A Fundación Barrié presenta un exemplo impecable de como achegarnos ó ámbito arquitectónico coa mostra “Arquitecturas ausentes no século XX”.

Atrapade o mensaxeiro
3 / 5 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Existe en Galicia unha carencia importante de análise da arquitectura desde unha vertente expositiva. Salvo experiencias como as presentadas nalgunhas sedes do COAG, sobre todo na da Coruña, ou exemplos certamente novidosos como o demostrado polo MARCO coa mostra, hai varios anos, da obra de César Portela, pouco máis asoma na terra expositiva galega. Lonxe queda a iniciativa do CGAC coa obra de Terragni e Siza. Unha desas poucas citas que, de cando en vez, atrapan algo do río arquitectónico é a que oferta a Fundación Barrié da Coruña. Resulta moi escasa esta atención cara unha disciplina que podería ter e establecer centos de relacións e lecturas transversais; como sucede coa moda, o deseño ou as artes escénicas. Insisto, esta é unha nova mensaxe, pero unha máis nesa outra dirección que levo tempo remarcando, a necesidade de reformular o arquitectónico desde un lugar máis reflexivo, máis social, na liña que realizan desde o COAG coa edición da publicación Monografías ou na nova faciana da revista Obradoiro. Ou, por exemplo, na presente edición de carteis e vídeos realizados polo Consello da Cultura Galega; valorar e admirar o seu sentido social, informativo, directo.

Falo de entender a arquitectura desde unha vertente máis pública, ver as súas contaminacións ou áncoras con outras áreas disciplinares. Observar a súa faciana menos construtiva, ver a escala intermedia na súa propia realidade. Fundacións, galerías, espazos institucionais e incluso casas de cultura ou aulas socioculturais teñen que ir recollendo cada vez máis a esixencia e necesidade de reler o arquitectónico, nunha busca de sensibilización e concienciación; como sucede co proxecto Terra. Falamos de introducir máis proxectos expositivos, moi adaptable a concretarse nas paredes e no espazo dunha ou doutra sala expositiva.

Construcións na memoria
As arquitecturas ausentes, ou mellor, as exhibición ausentes, son unha das posibles identificacións para estes parágrafos inmediatamente anteriores. Pero son outras arquitecturas ausentes as que agora recollen o fío desta esixencia de sentir o arquitectónico nun espazo expositivo. Son os proxectos, as edificacións ou planimetrías que, ó longo do século XX, quedaron na pausa do proxecto, nun esquecemento deliberado ou na imposibilidade de levarse a cabo os que, ata o 29 deste mes, podemos percorrer nas salas da Fundación Barrié. Podemos observar o que puido ser, o que foi e desapareceu, pero tamén o que aínda hoxe é presente pero é esquecemento e ausencia. Mariano Bayón é o comisario dunha mostra que presenta unha segunda escala despois da súa primeira exhibición na sala das arquerías de Novos Ministerios de Madrid; un espazo dependente do Ministerio da Vivenda nos que se presentan proxectos expositivos de tese arquitectónica. Unha colectiva que emparella con outras mostras presentadas, neste mesmo espazo, de autores mestres do movemento moderno (Le Corbusier, Frank Lloyd Wright ou Mies van der Rohe), de referentes peninsulares como Corrales e Molezún ou de apostas na liña da Bienal de Arquitectura Española ou da Nova Arquitectura Mexicana.

Visitamos cada un dos proxectos presentados, entramos en cada un dos seus mundos e contornos, incluso nas escenografías, para imaxinar unha realidade e un pasado ausente. Utópico, experimental. A intencionada mensaxe de homenaxe ós autores e ás tendencias que moitos deles marcaron ó longo destes anos é unha das oportunidades que o observador pode recoller. Son obras non construídas xunto a outras que, no caso de súa construción, perduraron moi pouco no tempo, ben pola súa demolición ben por nacer coñecedoras da súa eventualidade temporal. Incluso se atende a casos nos que as continuas modificacións dun edificio, aínda conservado, alteraron a súa función e, sobre todo, a súa mensaxe, desprotexidos para sempre da súa identidade orixinaria.

Mensaxe final: repensar a arquitectura.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org