A historia das formigas que constrúen trampas para facer emboscadas ás súas presas.
A organización social das formigas sempre foi motivo de asombro e admiración para os estudiosos da natureza; e sigue séndoo porque, a pesar do formidábel progreso das ciencias biolóxicas, seguimos sen ter unha explicación clara dos mecanismos que rexen a complexa estrutura desas comunidades. Agora, un grupo de investigadores franceses acaba de descubrir un novo comportamento de grupo; complexo, impresionante e, tamén, terrorífico: unha especie de formigas da Amazonia constrúe unhas elaboradas trampas para preparar emboscadas e cazar outros insectos moito maiores e máis rápidos. Unha auténtica mesa de torturas deseñada por un misterioso cerebro colectivo.
O sistema nervioso dunha formiga calquera é unha estrutura diminuta e moi limitada. Unha formiga soa é un animal cunha intelixencia mínima, que pode regular uns cantos comportamentos mecánicos, almacenar información na memoria e incluso asociar experiencias; mais pouco máis. “O cerebro das formigas non é capaz de relacionar a causa con o seu efecto”, dicía o especialista en formigas Wilhelm Goetsch. Mais, a cousa cambia ao estudar o “comportamento” dunha colonia formada por varios miles –ou millóns– destes animais: organízanse en complexas sociedades formadas por unha reina, machos reprodutores, soldados –que son femias– e obreiras –tamén femias–. En conxunto funcionan como unha orquestra de afinados instrumentos, orquestra que é capaz de construír formigueiros cun deseño específico que permite acumular o calor solar, ou ter graneiros e tamén despensas para gardar doces, ou coidar plantacións de fungos. Un montón de artistadas feitas por esos seres diminutos e disciplinados que gostan de andar en fila.
Manual para atrapar a un animal mil veces maior ca ti
A partir de agora os libros incluirán unha habilidade nova no curriculum das formigas, en concreto no da pequena especie Allomerus decemarticulatus: os individuos desta especie son capaces de organizarse para construír unha superficie chea de furadiños (ver fotos nas ligazóns indicadas ao final) baixo a que esperan agochados a chegada dun saboroso insecto –que pode chegar a ser até 2.000 veces maior en tamaño que cada unha delas–. Cando unha presa se pousa riba da trampa –un saltón, unha bolboreta– as minúsculas formigas, cun proceder digno das mellores cámaras de tortura medievais, agarran as extremidades e antenas e tiran delas até que conseguen inmobilizar ao refén. A continuación outro grupo de compañeiras sae da escuridade, abalánzase sobre a presa e traban nela até conseguir paralizala. Finalmente, a involuntaria fonte de proteínas é cortada en anacos e levada ao interior do pequeno formigueiro.
Un equipo da Universidade de Toulouse dirixido polo profesor Jéromê Orivel descubriu este comportamento entre os anos 2001-2003, tempo no que estudaron en profundidade o proceso de construción da trampa e da posterior caza de presas.
Unha planta e un fungo cómplices
Toda esta secuencia de perversidade fórmica acontece riba dunhas plantas chamadas Hirtella physophora, onde habitan en pequenas comunidades estes simpáticos e pequenos animais –a súa cabeza mide menos dun milímetro de diámetro–. Constrúen os seus niños nuns engrosamentos da base das follas que se chaman domacios (estes engrosamentos son modificacións que teñen algunhas plantas coa misión específica de dar acubillo a outros organismos; neste caso formigas, mais noutras plantas os domacios poden estar ocupados por carrachas ou incluso bacterias –domacio ven do latín “domatium”, que significa “casa pequena”–).
As ramas da Hirtella están cubertas por uns peliños –chamados tricomas– que son utilizados para construír a trampa. As formigas cortan primeiro os pelos da rexión da rama onde van montar o negocio, co obxectivo de limpar a superficie e facer un carreiro polo que poidan moverse con facilidade. Cos tricomas cortados fan unha bóveda por riba do carreiro, utilizando os que non cortaron como columnas; durante a construción deste armazón teñen coidado de ir deixando furados perfectamente distribuídos pola superficie, para ter acceso ao exterior e poder agarrar á presa. Inicialmente usan como cola para fixar as pezas un líquido que botan pola boca mais, non contentas con este acabado, as formigas utilizan a colaboración doutro organismo para rematar a construcción: cultivan un fungo que logo botan como cemento para reforzar toda a estrutura. Impresionante!
A perversidade da intelixencia común
Unha vez que a trampa está finalizada, as disciplinadas obreiras Allomerus esperan a chegada dunha incauta presa escondidas debaixo, coas mandíbulas abertas asomando polos furados. Logo ven o proceso de estiramento, parálise e morte da víctima, a cal, grazas a este sistema, pode ser moitísimo maior que as formigas sen que iso supoña unha complicación importante para elas. Para iso teñen a mesa de tortura.
Esta é a primeira vez que se observa en formigas a construción dunha trampa como medio de caza. Unha estratexia que ademáis require da asociación destes insectos cunha planta e máis un fungo. Un sofisticado método de caza levado á práctica por un misterioso super-organismo formado por centos de cerebros de Allomerus interaccionando entre eles mediante mecanismos que os biólogos aínda están moi lonxe de descubrir. O das formigas é un exemplo claro no que o funcionamento do “todo” e moito máis complexo que o das unidades individuais; algo así como se as formigas foran as neuronas que, traballando xuntas , dan lugar a unha consciencia única e superior a cada un dos individuos.
Xa vedes, unhas “simples” formigas.
Ligazóns
Fotografías da trampa construída polas Allomerus decemarticulatus
Noticia en Nature (inclúe un video)