Escultura a diario
Ourense dá estes días para unha visita máis que atenta, e repousada. Deixabamos hai varios días as pinturas de Ángel Cerviño conversando con Celan ou con Elvis na sala da Deputación, para logo repasar as últimas abstraccións de Luis Fega na galería Marisa Marimón, seguir sorteando as pezas públicas que se afincan nas rúas do ensanche para, por último, ter a necesidade de poñerlle un novo inquilino á sala Alterarte, coas “esculturas dun minuto” de Rosendo Cid.
Atrapade o mensaxeiro
26 / 4 / 2005
As novas formas da escultura, ou as novas voces, relatos ou reflexións da escultura, podería ser o título perfecto para estes parágrafos. Pero son as “esculturas dun minuto” as que, ó final, definen e orientan este texto; son, sobre todo, o pretexto dun paseo por Ourense pero tamén o mesmo modelo que podemos aplicar a moitas das vilas e cidades galegas, nas que imos atopando unha, dúas e logo outra escultura ou estatua afincada no chan urbano e público, con todo o dereito a debater cos viandantes. Diso vai este texto, de entender a escultura en toda a súa dimensión, non só política e, sobre todo, non de decoración.
A mostra de Rosendo Cid, que estará aberta ata o 6 de maio, pretende ser un punto de aparte na comprensión do termo disciplina; quizais niso tamén está algo da sensación do proxecto Alterarte. Entendido máis como unha liña que como unha etiqueta, o ciclo xa leva medio ano de vida e afírmase no ámbito da arte actual (moi complicado) da xeografía ourensá, que comezara coas propostas de Jorge Perianes —lembremos as súas pequenas realidades surreais—, Sara Sapetti coa arte-comida, Acisclo Novo ou, hai un mes, Álex Mene cunha aposta de flores e pedras. Insisto, achegarse a unha escultura, e máis se é pública, é un tema máis que complexo, que nada ten que ver con amoblamento político; por iso, ante o poboamento plástico, hoxe toca unha aposta micro-poética, tamén plástica.
Micro-esculturas
Lembro unhas fotografías de Andrés Pinal, moi coñecidas, nas que colocaba enriba da súa man un pequeno obxecto, e logo era fotografado; algo similar, pero sen un compoñente surrealista ou narrativo, quizais máis intencionado e crítico, é o que Rosendo Cid realiza nas súas fotografías presentadas na mostra. Cada unha delas está formulada como unha acción escultórica intensa e instantánea, máis que como esculturas propiamente. O comezo está nun obxecto, físico, e na súa manipulación, para despois ser rapidamente fotografado. E iso que Rosendo é un escultor, ou non; o que si está claro é que é máis escultor que moitos que modelan ou esculpen. A escultura tamén sabe de tempo, e non está na eterna pátina de brión sobre un busto no medio dunha praza; como define o comisario da mostra, "cando unha escultura se fai nun minuto aínda agarda toda unha eternidade para seguir a configurarse”. Por iso insistimos na necesidade continua de reformular conceptos, por iso invito a calquera ourensán a pasear por estas fotografías, máis entendidas como documentos ou bosquexos que como grandes cuestionamentos.
Coñeciamos o traballo de Rosendo Cid, en mostras colectivas como Trompe l’memoire ou Novos Valores, pero resulta certamente cambiante nesta mostra o seu grao de relación entre obxecto e presente; unha maior condensación nunha invención deliberadamente inxenua e de valores que nacen no prototipo e quedan nun comportamento íntimo, tocando a pel.
Finalizamos cunha volta ás letras intensas que, por intres, aparecen nos xornais. José Paz na súa impecable entrega dominical en La Región realiza unha acertada lectura da pintura de Ángel Cerviño. Imaxes de textos e sentencias, que “non son para todos os públicos. E non por ser atentatorias, nin por obscenas, nin subversivas, nin por excesivamente intelectualizadas, non; tan só son intelixentes, que é algo, que non tolera o censor moderno; léase mercado”. Disto tamén vai o texto.