Mundo debuxo
Achegámonos ó ámbito da crítica de arte como fonte de referencias cruzadas; ollamos parte e partes das mostras que estes días podemos visitar para deternos na disciplina do debuxo como un dos mecanismos e linguaxes máis activas da creación actual.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Volvía comezar este Atrapade cunha dúbida, a de case tódalas semanas: sobre que escribir que poida ocupar tres ou catro parágrafos. Recorro a fontes habituais de xornais, revistas, webs ou notas, invitacións, folletos e demais papeis que se pousan no escritorio. Pásome polos suplementos da fin de semana e, no ABC Cultural, descubro a pseudocrítica que Javier Díaz-Guardiola lle fai a Ana Laura Aláez (outra máis) ou a particular interpretación que Óscar Alonso Molina fai da pequena pero curiosa mostra de Silvia Prada no Laboratorio 987 do MUSAC, comisariada por Tania Pardo. Pois ben, xusto antes de rematar comezo a darme conta de cómo comezar un novo texto, cun novo sentido e pretexto de non enganar ó lector. Doume conta da inesgotable fonte de información que se condensa en moitos textos, en moitos documentos que teñen unha dirección informativa-reflexiva concreta pero que desprende centos de claves que o observador percibe, incluso por riba da mensaxe principal das letras. Se nos falan dunha mostra, nos recollemos un zume disperso noutra xeografía, e esquecemos os parágrafos para ir a outra illa de letras, noutra revista, noutro libro. Quizais as novas formas de hipertexto na internet sexan un dos mellores exemplos prácticos deste fenómeno.
Crítica esponxa
Por iso mesmo, non me estraña que rematando de ler a crítica, xa me atopara no catálogo do MUSAC ou nunha páxina web, buscando referencias sobre a obra desta artista e, sobre todo, da importancia do trazo, limpo, nos novos produtos da arte actual; o novo sentido, con miles de matices, que está tendo a disciplina do debuxo, a súa factura, a súa particular adecuación a novos medios e formatos. Salvador Cidrás é un dos mellores representantes da obra fóra de disciplinas, pero da obra máis contaminada. Os seus últimos traballos presentan partes desta nova dixestión do debuxo. O seu non é un trazo limpo, nin tan sequera unha aposta polo bosquexo, o seu é obra en proceso, nun espazo, nun determinado plano que se altera dependendo do lugar. Lembramos os seus murais na Bienal de Pontevedra ou a cita en Latitudes I, e comprendemos ese interese pola liña que perfila unha paisaxe, un contorno arquitectónico, obxectos ou presenzas esquecidas nunha paisaxe. Logo vimos a adolescentes sen rasgos, só delimitados e identificados con roupas e testemuñas sociais.
Antón Cabaleiro, como puidemos ver a pasada fin de semana no Búmerang, fai do debuxo un dos seus últimos métodos de fusionar o home e a sociedade, pero alterando o modo habitual optando por unha factura máis tecnolóxica, con obras de trazo limpo que se presentan ben seriadas nun vídeo ben diante dun aluminio sobre unha pel branca. Sempre se mantén o manto branco, para remarcar a filosofía fráxil pero contundente do trazo do debuxo, sexa dun lapis, dun bolígrafo ou dun fío dixital de Photoshop. Santi Jiménez, que presentará proximamente os seus traballos na galería Espazo 48, dará unha nova pauta de debate sobre o debuxo, agora máis pictórico, como medio de seguir punteando a realidade. Quizais a expo “Sobre papel. Debuxos do Museo de Belas Artes de Sevilla” que a Fundación Caixa Galicia presentou en Lugo e, a partir do xoves na sede de Santiago, sirva de ollada ó pasado, pero sobre todo a un xeito de proceder no xerme da obra de arte que na época actual de reafirma e redefine.
Debuxo quente
Silvia Prada, como as instalacións de Raymond Pettibon, exerce de latifundista da vontade que a banda deseñada leva tempo definindo: unha narración que acumula moitos rexistros e mensaxes nunha mesma composición clara de espectáculo gráfico. Letras, claves, xestos e voces, ollos e acción; ou sexa, o que “La Cabeza Caliente” levan facendo estes anos, xente relacionada coa arte urbana como Alejandro Gómez Martín ou, mellor, o que debuxantes da banda deseñada underground e máis experimental investigan nas súas novelas gráficas. Abi Lazcoz, unha das próximas inquilinas expositivas dese Laboratorio 987, seguirá insistindo no compoñente espacial que ten o trazo, quizais nun sentido máis escenográfico e debatendo máis co espazo, non só como mero soporte.
Igual que o debuxo, a crítica de arte, esconde moito, sexa unha esponxa ou un tobogán, mesmo un funil sen pintura nin pigmentos, sempre está presente o pulso do que escribe.