culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

5/30 Antón Cabaleiro

O ámbito do corpo e a mediación na atmosfera comunicativa son algunhas das liñas de actuación da obra de Antón Cabaleiro (Santiago, 1977), unha das últimas incorporacións da nova xeración de artistas galegos. A súa presenza céntrase nun ámbito nacional, xa que traballa e vive en Madrid, pero sempre achegándose a Galicia participando en certames ou proxectos en intermitencias máis que destacables; a súa actual mostra na Fundación Laxeiro (froito da bolsa Laxeiro-Afinsa) é un bo exemplo, como o foi a súa selección na Mostra Unión Fenosa, no certame de Cambre ou no Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Pero a súa traxectoria perfílase, principalmente, na xeografía extra-galega, en colectivas como Generación 2005 de Cajamadrid, Circuítos de Artes Plásticas e Fotografía 2004 da Comunidade de Madrid, Injuve ou na presente “Divergentes’05”. Conclúen a súa traxectoria a inclusión activa en proxectos como Feedback (onde sobresae a participación nunha serie de vídeos na cadea de televisión La Otra) ou a mostra individual na galería Marlborough, como resultado do primeiro premio de Fotografía de El Cultural de El Mundo en 2003.

Atrapade o mensaxeiro
15 / 4 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Búmerang1. Es un artista galego que vive en Madrid, pero sempre mantés unha relación ou vínculo con Galicia. ¿Cales pensas que son as causas desta ida e volta e que advertimos en moitos artistas novos da túa mesma xeración?

A nivel expositivo, polo menos no meu caso, pode que pareza que vou e veño, pero non nos levemos a engano, nunca deixo de estar en ningures. A presenza ten máis que ver co criterio das seleccións das exposicións que se fan que coa miña propia actividade artística.
A nivel persoal, gústame establecerme en distintos lugares temporalmente, necesito coñecer diferentes modos e ritmos de vida para poder contrastalos co que para min é cotián. Contrastar é fundamental para aprender, comprender, e para renovarse.

Búmerang2. ¿Que é o que falta para que exista unha boa promoción de artistas galegos tanto dentro como fóra de Galicia?

As carencias sempre son as mesmas; en xeral hai unha falta de educación e de diálogo. Faltan ganas de querer cambiar este panorama, falta capital destinado a facelo e falta unha estrutura sobre a que camiñar. Este problema non vén só das administracións, tamén se debe ó egoísmo da maior parte do gremio artístico. Creo que vivimos nun lugar no que predomina unha mentalidade de burócrata extenuado; ó que lle importa máis o “qué dirán” que facer algo que verdadeiramente axude a que esta situación evolucione.

Búmerang3. Na túa obra advertimos un relato crítico do home/muller coa terra, coa sociedade. ¿Cales pensas que son os temas, as direccións do teu traballo?

Para min as experiencias cotiás son esenciais, pois de aí sae todo o material co que traballo. Principalmente, o que me interesa, é cómo nos afecta a evolución dunha sociedade tecnolóxica que vai sempre por diante de nós, ditando novas normas e transformando as xa establecidas; ofrecendo novos inxenios que á súa vez xeran novas necesidades. Unha sociedade que semella estar a punto de sobrepasarnos en todo momento e de devorarnos con esa velocidade coa que se desenvolve.

Búmerang4. Unha impecable traxectoria que fai presente a hibridación actual de diversos formatos (vídeos, fotos, debuxos, etc.), que se concentran na presente mostra da Fundación Laxeiro, froito da bolsa Laxeiro-Afinsa.

Na mostra da Fundación Laxeiro, “Coexistencias pacíficas”, coma en todo o meu traballo, o que se ve é o resultado dun proceso dixital. Cos novos medios calquera pode manipular imaxes, calquera pode aplicar un filtro sobre unha foto ou editar un vídeo. Sen embargo, eu non busco o que o dixital ofrece; non vou detrás da hiperdefinición nin da manipulación perfecta. As miñas pezas son coma colaxes, híbridos, nos que o proceso dixital é evidente. Busco que este proceso tecnolóxico se note ó primeiro golpe de vista para dar paso ó discurso que se atopa detrás da mera aparencia.

Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.

Estou desenvolvendo un proxecto de videocreación para o que fun seleccionado dentro dun programa internacional de residencias para artistas. Nel, creadores de todo o mundo, convivimos e traballamos ó mesmo tempo. A proposta chámase “Divergentes 05”. Ademais do contacto directo cos demais artistas, cada un de nós traballa cunha empresa, contando coa tecnoloxía desta para o desenvolvemento da peza. A miña residencia é na EITB, o grupo de comunicación da Euskal Telebista, e aínda que está en proceso, isto promete.
Ligazóns
Web de Antón Cabaleiro

Web do espazo Feedback

Crítica sobre a obra de Antón Cabaleiro

Crítica sobre a obra de Antón Cabaleiro

Exposición na Fundación Laxeiro

Fundación Laxeiro

Proxecto Artes Divergentes

Grupo Afinsa

Cadea de televisión La Otra


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org