culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Sen pausa

Temos ata o 7 de xuño para ver a última entrega da colección Caixa Galicia, para achegarnos ó traballo máis que atractivo de Laxeiro na sede desta Fundación en Vigo. Un percorrido pola súa traxectoria en obras perfectamente escollidas e ilustrativas da súa poética e dos seus cambios e evolucións.

Atrapade o mensaxeiro
12 / 4 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A proposta que presenta a Fundación Caixa Galicia en Vigo segue na liña dos traballos de exhibición, de dixestión e presentación da súa colección de arte, unha das máis interesantes do panorama galego. Laxeiro é, igual que Tino Grandío, Urbano Lugrís ou Isaac Díaz Pardo, exemplos de artistas da nosa vangarda que se atopan plenamente representados na citada colección; representados e ilustrados cun número importante de pezas, que permiten a posibilidade de facer retratos impecables da súa traxectoria e mostras individuais de cada un deles. Obras que contan diversas etapas e que serven de pautas para trazar a paisaxe cultural destes artistas, todos eles incuestionables e referentes da nosa historia. Se Grandío mostra a súa apegada pintura de grises e negros, de realidades distantes, Lugrís explora o mellor das aventuras de Simbad, das literaturas oníricas e evocadoras de Verne ou Díaz Pardo (que podemos ver estes días no Café Moderno de Pontevedra) desvela os inicios e a madurez dun pintor de carne, pois Laxeiro atrapa a última destas liñas e trenza do lado menos paisaxístico e menos referencial, si o máis real e tanxible, o valor da expresión desde a propia factura.

Laxeiro voz
A presente mostra, que ocupa as dúas salas da fundación, recolle 17 obras, entre debuxos, gravados e pinturas, de máis de catro décadas da traxectoria do artista do Deza. Pero sobre todo, a mostra serve para axustarse ás liñas principais do traballo destes autor, serve para comentar toda a súa iconografía e exemplos dun estilo directamente particular. Se tivésemos que sintetizar o traballo de Laxeiro nun só xesto estaría na pincelada negra, que cincela unha figura, que impregna monocromía pura antes que adornar o campo compositivo. A única palabra está nunha escenografía ateigada de elementos, nun Rembrandt na Ronda nocturna, nun novo fío groso, moi groso, que vai percorrendo as figuras, unha a unha ata amorealas en varios rexistros. Sempre me impresionou a súa capacidade debuxística, o trazo sucio e alterado, por iso curioseo nos traballos máis barrocos, nos que recibe xestos expresionistas antes que compositivos, como os corpos e as facianas de “A farsa”, acendidas, que non deixar fuxir nin unha migalla de loita, todo asolagado de pigmento-carne e pigmento sen espazo. Quizais, unha curiosa lectura dun relevo románico: non máis baleiro. Quizais a súa sensación de eterna loita de cambio, entre linguaxe e técnica narrativa, quede máis resumida nestes traballos, perfectamente derivados das obras das décadas dos 40, máis limpas e mitolóxicas; escenas invadidas por cabezóns e figuras esaxeradas, derivadas de calquera literatura esperpéntica.

Nova lectura
Pero tamén recollo e releo a mostra para volver a repasar, noutra cidade, os espazos do Café Moderno de Pontevedra; unha emblemática casa na que se Laxeiro realizou un mural no vestíbulo e un lenzo para o patio da primeira planta. Nun deses paseos, Almudena Fernández, mentres preparaba a súa participación en Latitudes II, imaxinou un Laxeiro desde o anaco, desde o fragmento; imaxinou unha nena que deixaba o seu lugar nunha escena festiva e pasaba a formar parte dun xogo de mecano, estruturado e calculado. A súa solución estivo en converter o lenzo, a pintura sobre tea e o pigmento de óleo, nun manto fabricado en PVC sobre o chan. Un novo pavimento, agora si, de nova pintura, que o visitante pisaba e percorría mentres observaba o verdadeiro Laxeiro. Así quero velo hoxe, repasando os seus pequenos e grandes traballos desde os anos 40, as súas fusións con outros nomes da modernidade e a loita por definirse atlántico, como indica Javier Buján no catálogo da mostra; director da fundación que leva o seu nome e que, desde hai anos, vela pola súa memoria e o seu perfil na actualidade creativa.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org