Chámolle espello
Mentres dixerimos a visita ó MUSAC, con motivo da súa inauguración a pasada fin de semana, recollemos a obra de tres artistas que coinciden estes días en diversas salas, Tono Carbajo, Curro Ulzurrún e Ángel Cerviño, presentando sutís ou imaxinativas coincidencias dentro dunha traxectoria impecable.
Atrapade o mensaxeiro
5 / 4 / 2005
Existen dúas realidades: unha persoa e un espello, unha persoa e unha panorámica, unha persoa e unha fiestra aberta. No ámbito da arte contemporánea, do mesmo xeito que nas obras da historia da arte que resistiron fóra de cronoloxías, sempre existe unha dedicación impulsiva a presentar dúas presenzas, mostrar a dualidade. A busca dun campo de experimento no que sempre expulsar a loita interna e a reflexión externa fai que moitas destas pezas que nacen cunha vertente bipolar reteñan unha atención inusitada, unha literatura nos ollos que se acende ou apaga segundo acadamos as pautas de muda. Case sen darnos conta, esa mesma sensación entre ficción e realidade, entre a representación e a presentación, sucede nalgunha das obras que presenta o MUSAC na súa mostra inaugural “Emergencias”, e que paseamos a pasada fin de semana. Así definimos as fotografías de Francesco Jodice en Bangkok ou Seattle, pero sobre todo o vídeo de Shoja Azari “Unha habitación con vistas”, que demostra o relato visceral e crítico de estratos e lecturas variadas, en olladas contrapostas; unha dirección social que se explota na plena pornografía informativa de Thomas Hirschhorn ou na de Alfredo Jaar.
Partes ou anacos desta ollada complexa detectámola na obra de tres artistas que estes días se presentan en diversos espazos, curiosamente desde campos de traballos diferentes: a fotografía, a pintura e a escultura. Curro Ulzurrún na galería Trinta de Santiago, Ángel Cerviño no Centro Cultural da Deputación de Ourense e Tono Carbajo na galería VGO de Vigo, conforman tres traxectorias moi coñecidas e diverxentes que se emparentan nesa sensación de obra que evoluciona consciente da carga de dúas direccións paralelas, nunha sorte de vías do tren ou de eterna metáfora.
Escultura metáfora
A primeira escala recala na galería Trinta, xusto despois de ver as últimas obras de Carlos Maño en C5 Colección. Case na mesma liña ou, digamos, no mesmo sabor que Pamen Pereira, as pezas de Curro Ulzurrún, que presenta os seus traballos por vez primeira xunto á súa irmá Isabel, son pura sensatez de diálogo. As súas pequenas esculturas e composicións actúan ó xeito de fráxiles presenzas no espazo da galería, son sinxelas estruturas de filamentos de madeira, cordas e pólas que sosteñen elementos de habitabilidade. Exemplos de maquetas de casas imposibles, de niños e mobiliarios policromados, por intres acariñados por plumas ou sinxelos materiais naturais, que serven para seguir alimentando a vontade de artista dual, na súa metáfora de encontros e desencontros; como é Pamen Pereira, Miguel Ángel Blanco ou o recentemente falecido Adolf Schlosser. Símbolos continuos de cambios desde a materia ata o home, desde o home ata a natureza; no medio, as dúbidas.
Público-privado
Prosigo nesa busca de lugares-obras de dualidade. Hai tempo comecei un texto sobre a obra de Tono Carbajo cunha cita de Augusto Monterroso e cun título: “estadas na memoria”. Hoxe volvo reler ese texto e marco a distancia mínima da obra dun dos artistas que mellor diferencian e fusionan as direccións contrapostas. O seu traballo é un resultado do día a día, unha fiestra aberta e unha pulsión emocionada de eu-paisaxe e eu-sociedade. Cada unha das pezas que presenta nas dúas salas da galería VGO, fálanos de lecturas coñecidas, preñadas en colaxes e composicións que identificamos nunha continua loita por establecerse no presente; obxectos coñecidos e vestixios de roupas como voces dun xesto cotián. Tono Carbajo atrapa a nosa voz cotiá, conflúe desde un relato interior, de arquitectura, en aperturas de zoom nun mundo exterior, próximo, achegado á calidez do coñecido, como mantas poñendo máis calor. Unha intimidade que coincide coa ollada pública, nunha prolongación privado-público. Seguimos falando de relatos diminutos, de poemas axóuxere, detidos, atentos a unha acción; de poemas lume, prendidos de cambios. O continuo xiro de cabeza, pasear por espazos transparentes, queda sempre como unha tatuaxe imborrable.
Pintura interrogante
Parada Ourense, na última obra de Ángel Cerviño no Centro Cultural da Deputación, nunha sala que se presenta dividida en dous campos, un negro, outro branco. Nunha das obras da denominada “pinturas negras”, atopamos a figura retratada de Elvis coa sentencia diante do nome Celan, ou a figura de Hitler co nome Dante. Unha dualidade de presenzas entre o presente e o pasado, nunha pintura que quere ser interrogante e impresión documentada; un funil, unha esponxa e unha estada serven de instrumentos para recoller a mellor liña da historia, a interpretada polos homes e mulleres, relatada, escrita, vivida, e dispoñela nun mesmo céspede cotián de eu-experimento. Eu son dúbida presente.
Finalizamos, deixamos as obras de Ulzurrún, Carbajo e Cerviño, para seguir paseando na distancia polas pezas máis interrogantes do MUSAC. Despois da inauguración, da festa e dos parabéns, chega a pura obscenidade do día a día, sen aplausos, pero con moitos espellos. Aí ten que resistir, xa que falamos de dualidade, o MUSAC, os políticos e o público.