culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A escultura galega na balanza

Cando a arte galega comezou a crer, a escultura ofreceu o seu apoio desde a forza do material e a vivacidade do conceptual; vinte forzas que reforzan esa realidade conforman a mostra “Galicia es cultura” que se presenta durante o verán no remodelado Centro Torrente Ballester.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A escultura galega do século XX presenta unha variedade de filosofías. Se a proposta inicial dos artistas de principios do século presentaban loitas entre tradición e vangarda, a dialéctica continuou ó longo do século, sendo a batalla final nos límites da dictadura e nas décadas dos setenta e oitenta. Esta esposición reflexa a arte plástica que xorde nesa época, nun intre no que comezou a agromar un espíritu diferente e, sobre todo, comezou a facerse crer. Un camiño paralelo ás realidades nacionais e internacionais, que retratan os valores do volume, a importancia de texturas ou a interrelación co espacio, mesmo na aposta do conceptual. O pretexto desta análise chámase “Galicia es cultura”.


Liñas cruzadas

As vinte liñas que describen esta mostra trazan vinte xeitos de construir; diferentes artistas que configuran unha realidade plural, unha primeira xeración que debuxa agora unha aposta pola abstracción, monumental no caso de Silverio Rivas, prolongada nas iconas petreas e menhires de Manolo Paz ou nas obras mestizas —rural e deseño— de Ignacio Basallo, para desembocar na escultura figurativa, agora híbrida, de heroes e paisanos de Francisco Leiro ou no surrealismo de soños, lendas e maxia de Paco Pestana. Todo vai mudando, nada queda preso. A escultura mira tamén ás lecturas do conceptual, dende o obxecto atopado de Jorge Barbi —nunhas varillas de acacia— ou desde o obxecto natural reciclado de Fernando Casás, como poéticas da memoria. A mostra extende tentáculos as outras obras, que fluctúan entre a cerámica organicista de Xavier Toubes, a abstracción de Jesús Valmaseda ou Rosalía Pazo Maside, o fráxil de Suso Basterechea, a mirada do íntimo, sutil de María Xosé Díaz, as presencias eternas de Caxigueiro e as evocación naturais de Manuel Patinha. Liñas que continúan nunha fusión de volumes que existen e afírmanse no espacio.


O debate do fráxil

O espectador asiste desde o cuestionamento do plástico ás novas miradas do conceptual, recollendo a alongada sombra de Duchamp. Nomes que seguen abrindo portas na década dos noventa, continuando, en moitos casos, as ideas expostas nos oitenta; Pamen Pereira afirma desde a mística dun mundo en voz baixa, Xoan Anleo desde a relación entre alta e baixa cultura nun círculo de tellas polo chan. O trazo histórico repta desde mediados dos noventa entre os licenciados na facultade pontevedresa e aqueles que acadan instrucción na práctica, no obradoiro ou taller, son dúas das moitas vertentes expostas: Carlos Rial expón obras de fusión, onde se valora o volume, o sintético, mentras que a xeración aberta por Salvador Cidrás presenta o dinámico e a hibridación; a interacción co espacio na obra de Cidrás explórase logo na linguaxe arquitectónica en Mónica Alonso como maquetas terapéuticas ou, nun itsmo final a arte total, na obra de Arturo Fuentes.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org