Así sucede
Vén de presentar o CGAC novos produtos expositivos que aportan claves enriquecedoras para comprender a paisaxe da videocreación na actualidade. Unha serie de mostras e proxectos que axudan a entrar no territorio do vídeo, como soporte e medio, como temática e análise estético.
Atrapade o mensaxeiro
29 / 3 / 2005
Mentres o vídeo segue a formar parte dun panorama de cambios, tan adaptado e híbrido, os museos seguen a adecualo, a diferentes ritmos, nos seus espazos. É cuestión de tempo que se adapten medios e lugares, ritmos e resultados. Así sucede coas mostras “3’” e “Point of View”, que se presenta este venres no CGAC. Así sucede coa mostra que se inauguraba a pasada semana no soto do centro, o traballo do artista alemán Christian Jankowski, un dos máis activos representantes da videocreación, nunha serie de traballos que o relacionan ou retroalimentan coa baixa cultura, a música pop e o fenómeno dos vídeo-clips. Xeitos de mirar o traballo videográfico, xeitos de facelos públicos.
Imaxe musical
O traballo co vídeo, no vídeo ou dentro do vídeo, é a verdadeira importancia destes tres proxectos. No caso de Jankowski, preséntase na utilización do soporte mediático e publicitario, perfectamente exemplarizado no traballo “Ninguén mellor ca ti”, no que a coñecida cantante Marta Sánchez aparece protagonizando unha canción de Alaska, véndose a súa cara pero oíndose a voz desta última. O xogo coa propia identidade, unido á presentación de pequenas instalacións, que actúan máis como pequenos prototipos teatrais, posicionan o seu traballo nunha fráxil liña de cambios disciplinares. Pero é a peza/instalación que presenta na primeira sala do centro a que simboliza esa filosofía lene: o feito de posicionar o ambiente dun karaoke, incluso reconstruído no interior dun gran colector de madeira, fainos pensar nas superficies cambiantes do vídeo e do museo ou centro.
Imaxe condensada
As outras dúas mostras citadas fan unha aposta directa do vídeo, illándose do concepto físico, sendo a súa única preocupación e obxectivo a propia exhibición, a propia imaxe en movemento. Tanto “3’” como “Point of View” fan referencia ás vontades nas que o centro compostelán comeza a insistir, por un lado a propia dixestión libre do vídeo, desta disciplina, e por outra, quizais igual de interesante, na propia instalación dun espazo no que acoller os soportes temporais audiovisuais, presentados dun xeito paralelo. Dous polos do centro e dúas apostas complementarias. “Point of View” preséntase no soto, na parte inferior da librería, un lugar que xa fora empregado como espazo expositivo noutras ocasións, como en “Lost in Sound”, en “Outra mirada” ou na recente “A arañeira”. Agora recolle unha selección de traballos nun proxecto producido e realizado polo Museo de Arte Contemporánea de Nova York, e no que se escollen pezas de artistas de sobra coñecidos, como Douglas Gordon, Gary Hill, Pierre Huyghe, Francis Alÿs ou William Kentridge, verdadeiros referentes da videocreación máis recoñecida dos anos oitenta e noventa.
Quizais sexa a segunda mostra, “3’”, a que mellor sintetice o paso evolutivo da pasada mostra cara á actualidade, e que fai do vídeo un exercicio pedagóxico. O truco (curiosidade) da mostra está en que cada unha das pezas presentadas —esta vez no auditorio do centro— teñan a mesma duración: 3 minutos. E todas xuntas duran 30 minutos. A intención é provocar a propia atención do espectador, xogando coa propia percepción e concentrando (en vez de diluír) os formatos de tempo na videocreación. Yang Fudong, Doug Aitken ou Isaac Julien recollen esta exixencia de tempo milimetrado; quizais sexa esta a única das demandas do vídeo cando penetra nun museo: ser directo, ser breve, máis un slogan que unha conferencia.
Estes traballos fálannos de que algo cambia ou pode cambiar, polo menos nas disciplinas que se derivan do vídeo e as súas relacións co contexto, sexa do centro ou do museo; da galería ou da propia mercadotecnia