culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Unha ollada á segunda grande revolución informática

Os ordenadores ou computadores persoais, tal e como os coñecemos, están en proceso de desaparición. Os científicos da computación vaticinan que pronto chegará a Segunda Era, na cal o importante será a computación, non os computadores. A compañía Sun Microsystems, un dos principais creadores de hardware e software, ven de dar un paso máis nesta transformación co lanzamento da “Sun Grid”: xa podemos usar os computadores de Sun a un prezo de 1 $ por hora e procesador.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A evolución da máquina
A Primeira Era dos computadores estivo –aínda está– dominada pola miniaturización: aparatos cada vez máis potentes, máis baratos, máis presentes no día a día. Cando eu tiña 14 anos, a finais de 1983, conseguín, logo de moito batallar, que os Reis me trouxeran un ordenador persoal: un Sinclair ZX81. Tiven que convencer ás súas maxestades de que trouxeran algo que practicamente non existía. Daquela os ordenadores eran unas máquinas pouco comúns, a piques de comezar unha revolución. O ZX81 tiña 1 KB de memoria e 3,25 MHz de velocidade; non tiña disco duro, cor nin son; como monitor utilizábase un aparato de televisión. Non existía software comercial, así que para traballar con el había que escribir os programas usando un sistema operativo moi simple. Por suposto, non había conexión a Internet. O meu pequeno ordenador era unha máquina completamente illada do resto do mundo.

O aparato que estou a usar para escribir estas liñas ten 1 millón de veces máis memoria que o ZX81, mil veces máis velocidade. Mais, basicamente, é o mesmo tipo de máquina: o concepto de ordenador persoal mudou pouco nesta Primeira Era. Son máquinas que serven para almacenar e organizar información (ordenador) e, ás veces, para realizar cálculos matemáticos con eses datos (computador). Durante todos estes anos a maioría de compañías dedicadas a vender ordenadores e os programas cos que funcionan non mudaron a filosofía principal: o obxectivo é “vestir” cada vez con máis e mellores galas ao bicho. Mais a máquina vai deixar de ser importante; gigahercios, megabytes e memoria RAM desaparecerán da publicidade, porque en realidade iso nunca foi o que lle interesou ao usuario. O importante é o manexo de información, algo que mudará o noso concepto de ordenador persoal grazas á posibilidade de conectar uns aparatos con outros.

A evolución da computación
A rede está madura e en pouco tempo vai facer desaparecer os ordenadores de sobremesa, porque, como di o slogan de Sun Microsystems: o ordenador é a rede, ou a rede é o ordenador. A idea que dominará a Segunda Era dos computadores vai ser a información, non os aparatos encargados de manexala; iso é o que di David Gelernter, profesor na Universidade de Yale (EEUU) de Ciencia Computacional e un dos impulsores da “computación distribuída” –ou “en paralelo”, ou “en grupo”; estes termos son bastante confusos e veñen do orixinal en inglés “Grid computing”–. Do mesmo xeito que o importante en astronomía é o Cosmos, non os telescopios, no mundo da computación o importante é a “ciberesfera” e as “ciberestruturas” dentro dela, mais non os propios computadores.

A computación distribuída consiste na coordinación de información e capacidade de computación sen a existencia dun control central, baseado en software libre –e demais estándares abertos– e con máis fiabilidade que as máquinas illadas. Segundo di David Gelernter, os ordenadores converteranse en simples terminais dunha inmensa rede global. As máquinas deste enxame darán lugar a un lugar común de almacenamento e tratamento da información: a “ciberesfera”. Similar ao ciberespacio actual, mais coa diferenza de que ese espazo será o disco duro global. Na Internet de hoxe os datos están almacenados nos ordenadores individuais, e a rede é un simple sistema para transmitir datos dun lado para outro. Na “ciberesfera” os datos non están en ningún ordenador, e están en todos á vez –igual que os cartos están en bancos, en todos á vez, en lugar de estar debaixo da cama–. Encontraremos terminais na casa, no traballo, en bares, supermercados, teléfonos, aparatos de TV, calquera aparato electrónico; e calquera destes terminais converterase no noso ordenador persoal –unha vez nos identifiquemos cunha clave, unha tarxeta, o iris do ollo, a pegada dactilar ou a voz–.

Unha factura máis
Un aspecto importante desta deslocalización do ordenador persoal é que, como dicía arriba, cobrará importancia o que realmente interesa: a información e a computación. Cada vez que utilicemos un ordenador, e só durante ese tempo, pagaremos pola capacidade de computación utilizada na “ciberesfera”, igual que facemos agora coa electricidade: prendemos o interruptor e a lámpada funciona, iso é o que nos interesa, independentemente de onde veñan os kilovatios e das características técnicas da empresa de electricidade.

A empresa Sun Microsystems acaba de por en marcha este servizo, a “Sun Grid”: por un prezo de 1 $ / cpu-hora pódese contratar a capacidade de computación das máquinas de Sun, o novo sistema de computación “prêt à porter” ou, como eles din “utility computer”. Como se chama esta nova unidade de consumo? Algúns xa lle chaman “computon”, que ven de “computation” e “photon” –o nome dunha unidade de enerxía electromagnética–. O ordenador persoal comeza a desaparecer para converterse nunha simple terminal. Xunto coa luz e a auga, pronto virá a factura do “computon”.

Cambio de mentalidade
Esta revolución da informática vai traer, tamén segundo David Gelernter, un cambio fundamental na organización da información. O sistema actual funciona como un armario, con caixóns ríxidos, ben definidos, cada un coa súa etiqueta: temos carpetas con ficheiros perfectamente organizados, con nomes específicos, en lugares específicos do disco duro. Este sistema foi deseñado por programadores e para programadores; mais non é un bo sistema para non programadores, cousa que nunca tivo intención de ser. Non hai nada que impida que os documentos carezan de nome, ou que teñan moitos, ou que distintos documentos compartan un mesmo nome, ou que pertenzan a varios directorios á vez, ou a ningún.

A cantidade de documentos que manexamos é cada vez maior. Na “ciberesfera”, nun sistema de información difuso como na “computación distribuída” non ten sentido seguir metendo os documentos en caixiñas. Nos sistemas futuros o almacenamento farase automaticamente tendo en conta moitas características distintas –tipo, tamaño, data, procedencia, etc–, e para a recuperación utilizarase un sistema de busca similar ao novo buscador interno de Google, o “Google Desktop”.

Ligazóns

David Gelernter

Sun Grid

Google Desktop


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org