culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Terra in-corporada

O MARCO de Vigo volve sorprendernos cunha mostra individual no Espazo Anexo, presentando a obra de Carlos Rodríguez-Méndez. Un autor galego, nacido nas Neves, que traballa en Madrid e que era pouco ou nada coñecido na terra galega. O grupo de pezas presentadas —esculturas, vídeos e fotografías— darán que falar, nunha das mostras, xa seguro, da tempada.

Atrapade o mensaxeiro
22 / 3 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Un escultor que se encamiña antes no terreo, logo na plástica, é un escultor que fala en proxecto, en proceso. Antes de pousar un pouco de modelaxe, nin de textura, Rodríguez-Méndez identificouse coa terra e co tempo; os seus dous mellores aliados. Curiosamente igual que a mellor das arquitecturas populares. A súa integración no Espazo Anexo comeza desde a vertente claramente exterior do museo, campo de implantación e de acción. Un lugar, como o traballo deste autor, en progresión. Vémolo interpretando diversas lecturas e relacións coa terra: percorrendo as súas enormes pezas monocromas, agora secas e perennes, logo nun proceso de vinculación coa terra urbana, logo reconstruíndo un novo muro-trincheira.

Estes tres xeitos de actuar, ou así queremos velo posicionado nas tres direccións que presenta a mostra, están sempre marcadas polas propias pre-existentes relacións que existen entre o home e a terra. Son tres os xeitos de poñerse ou de falarlle a esa realidade. A primeira delas, como foi no caso de Ángela de la Cruz, é perfectamente visible ó entrar, unha serie de cilindros de tonalidade negra invaden o espazo branco, a maior das salas do Espazo Anexo, denominados “Columnas”. Cilindros realizados en turba, obras nas que se xoga ou repensa o feito temporal, xa que tardan moito tempo en secar. A presenza desta pezas, que se insiren nas catro paredes ó xeito de axentes estraños, instrumentos, que actúan como metáforas do home en identificación coa terra; anacos de tempo modelado. Estas obras, que puidemos ver no Ateneo de Madrid ou na galería KA, tamén en Madrid, cidade na que vive desde hai tempo, son exercicios de construción da terra, do material, mentres intentan localizarse no noso ámbito; son mitos caídos e lenes pausas entre o chan e o teito, a terra e o ceo. Os homes e os seus contornos.

Construcións
O proceso de construción, que se concentra nun xesto performativo e en evolución, ten o seu punto máis diverxente na serie de intervencións que o autor leva a cabo cando descobre un burato ou perforación na pel urbana; ou naqueloutras nas que emprega os materiais de residuos que se almacenan en colectores de obra. As primeiras, as gretas provocadas por cambios urbanos, pasan a formar parte dun tempo de acción, un novo escenario de construción. Desde o seu interior Rodríguez-Méndez expulsa todo o material de terra e pedras, ladrillos ou tellas para ir situándoo polas beiras ó xeito dunha trincheira, instalándoas como novos muros no plano exterior, na beirarrúa. A súa acción, que poderiamos dicir que se sitúa nos lindeiros dunha arte política e de compromiso, localizan o seu traballo na mellor liña da escultura pública actual española, igual que a que describe Santiago Cirugeda na súa intervención no exterior do EACC de Castelló.

Un día o coñecido crítico de arte Miguel Cereceda (que tamén lle escribe o texto do catálogo) atopou ó noso autor nunha das rúas madrileñas, mentres amoreaba vestixios de memoria e parou a falar con el; con esta anécdota, con esa mesma sensación de observar a un intérprete activo, de costas, seguimos repasando agora unha a unha as súas fotografías, nunha sala ateigada de xente. Poñemos un último comentario na comparación deste traballo coa mesma atmosfera da linguaxe povera ou de certos autores mínimal; na mellor das pausas na natureza de Penone, en Walter deMaría ou incluso en Jorge Barbi ou Adolff Schlosser. Pero para comprender mellor a súa poética, podemos achegarnos ó exterior do MARCO, na esquina coa Ronda Don Bosco, onde atopamos ó artista inmerso nun labor propio dun operario municipal, volvendo a sacar terra e anacos de pedras dun burato, azaroso. A escultura ós ollos de todos, incluso dos que miran con curiosidade (para eses, moito máis). O momento de Rodríguez-Méndez é ese mesmo, retrasando ata as últimas consecuencias o proceso e pulso de memoria que existe en cada lugar, incluso nun anaco de rúa.

Esta serie de intervencións sintetizan perfectamente a liña de traballos, de filosofía, do MARCO respecto ó Espazo Anexo. Primeiro, un exercicio de achega ós novos valores galegos, ós artistas non tanto máis novos, como menos coñecidos pero que ,como no caso actual, presentan unha traxectoria perfectamente complexa e elaborada. Segundo, a implicación da obra realizada, sempre nunha cómplice sedución co espazo; facendo ou pensado obra para ese lugar. Unha aposta clara polo rexistro dun panorama tanxencial, e todo, sen que pareza unha grande aventura, que seguro que o é.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org