culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Faro ó volante

Toca unha semana faro. Unha desas semanas preñadas de inauguracións e presentacións varias, ese tipo de días nos que miras en varias direccións ó mesmo tempo, uns días nos que ou tes un par de dobres ou non podes estar en todas ó mesmo tempo. Calquera lector preguntará: ¿pero que necesidade hai de ir a todas ou de estar en todas? A resposta queda para outro día; nin que dicir ten que non é cuestión de un ou varias respostas acertadas. Hoxe falamos non tanto das inauguracións como das propias mostras, dos seus contidos.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Visitamos as tramoias de varias mostras que nestes días se inauguran en fundacións, galerías e centros de arte. Paramos polos emerxentes da arte actual, para atoparnos co descubrimento de novos autores, mentres visitamos a historia, poñemos un pouco de música pop e rematamos seducidos polo accidente. Puntos de paradas de seis apostas diversas. Hoxe toca ser axenda ou diario de visitantes atentos; hoxe toca ser un pouco Anxos Sumai.

Dúas: brigada + emerxente
Mércores 16. Dúas citas: as Brigadas Internacionais na Fundación Caixa Galicia e a mostra colectiva “Emerxentes” na Casa da Parra de Santiago. As Brigadas Internacionais chegan a unha nova escala itinerante; unha achega desde a fotografías e os documentos orixinais, ó ámbito da historia nun repaso pola parte máis social e activa da guerra civil: a participación e a realidade das brigadas de homes e mulleres doutros países. Entender o lado quizais máis utópico da súa interacción neste conflicto; poñerlle facianas ós milleiros de brigadistas de multitudes de xeografía estranxeiras que se achegaron a defender un ideal, aínda posible naqueles anos, pero que se esvaeceu no final da contenda. A outra aposta fálanos dos “Emerxentes”, curiosamente unha etiqueta similar á que o MUSAC de León prepara para a súa mostra inaugural (1 de abril). Carlos Maciá, Fernando Yánez, Cristina Mejuto, Arturo Reboiras, Lorena Lázara y Jorge Couceiro, presentan os seus últimos traballos desde a nova pintura, a nova pel decorativa, a hibridación ou a dixestión dunha certa abstracción urbana. Exemplos como a presente mostra, serven de intento do que podería ser un magnífico campo de promoción. Todos sabemos das vantaxes das mostras colectivas, sempre como escalas de maior visibilidade dos certames de arte nova. Emerxentes é un xesto de plataforma dentro da política institucional, tan necesario como urxente.

Tres: pop + hábitat + seducción
Xoves 17. Inaugúranse tres mostras en tres puntos diferentes: Jankowski no CGAC, “Seducidos polo accidente” na Fundación Luis Seoane e Curro e Isabel Ulzurrún na galería Trinta. Tres apostas desde diversas direccións. A mostra do CGAC insiste nunha vertente de exhibir unha nova cara da arte nova, de certa presentación no ámbito nacional; o perfil buscado con Marine Hugonnier, João Onofre ou David Claerbout preténdese reforzar ofertando a traxectoria dun autor novo, atractiva e moi completa. O visitante que se achegue estes días á aposta de Jankowski, atopará a súa particular paisaxe de atracción pola baixa cultura, principal e perfectamente exemplarizada na música pop. Un karaoke na planta baixa, nun ambiente de participación e de plena incitación ó espectador. Na cafetería, mentres tomamos un café, podemos escoitar ós que se atrevan a intepretar diversas cancións coñecidas do pop.

Mentres se executa unha arte en tempo real, plenamente derivada do ámbito do video, a mostra que presenta a galería Trinta, a poucas rúas do CGAC, aposta pola creación desde a ollada íntima e procesual da escultura. Os irmáns Isabel e Curro Ulzurrún presentan, na primeira vez que mostran os seus traballos en conxunto, un sutil xogo de diálogos desde as texturas e os propios procesos de poética plástica; sinxelas reflexións sobre os sistemas de hábitat, da ausencia e da propia construcción de espazos ou pequenos refuxios. Finalmente, xa na Coruña, a exposición “Seducidos polo accidente”, comisariada por Agar Ledo e David Barro, permite achegarnos á Fundación Luis Seoane máis actual, a mesma que se identificaba cos produtos “A construción do espectador”, "En tempo real" ou “Trompe la memoire”. A seducción dun accidente da man de moitos nomes coñecidos, algún galego, e sobre todo desde diversas interpretacións temáticas dun tema de plena actualidade. A relación de conferencias programadas para o mes de abril profundarán neste ámbito de híbridas tendencias que afecta a moitas disciplinas.

Venres 19. Anoto na axenda: pasar pola nova aposta do espazo Anexo do MARCO, nas instalacións de Carlos Rodríguez-Méndez. Toda unha magnífica sorpresa, do que xa falaremos. Porque como vexo que esta semana en vez de facer unha aposta (falamos de posicionarnos en cada parágrafo), fixen máis un equipo de baloncesto, pois acabo a entrega con máis suxestións tanxenciais: o último de Antón Patiño na galería SCQ, Carlos Maño en C5 Colección, as “Arquitecturas Ausentes” na Fundación Barrié ou, saltando a Ourense, alterarnos con Álex Mene ou coas “Outras presenza” na Casa da Xuventude.

Sábado 20. Tomade un café nalgunha cafetería da zona vella de Santiago, Pontevedra ou A Coruña; mirade ás paredes, estades nun xesto de exposición. Pillámoste.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org