culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Daquela pel

Fran Herbello pertence ós tempos da fotografía de corpo. Cada unha das súas entregas expositivas supoñen novas oportunidades para tantear e redescubrir a súa impecable traxectoria. Na mostra que ata o 6 de abril poderemos ver na Fundación Torrente Ballester, en Santiago, presenta a súa nova serie de traballos “Mal de corpo”, un novo xesto na súa disección da fotografía.

Atrapade o mensaxeiro
8 / 3 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Daquela era unha liña entre a vida e a morte. Hai un par de anos retratábamos, ó pouco de comezar esta paisaxe de Atrapade o mensaxeiro, a obra dun autor coñecido, un deses artistas dos que se ves unha obra e xa queda para sempre na retina dun diario, nunha parcela no almacén da arte actual. Fran Herbello presentaba o que denominabamos “O diario da navalla”, no que quería determe nun percorrido pola invasión dunha vánitas experimental no espazo. Pero xa o seu lugar na arte galega estaba destinado a ser definido e estable, malia a súa curta traxectoria profesional. A súa obra preséntase distintiva, impecablemente etiquetada con miles de pulsións emotivas, fortemente subxectivas, por calquera que asista a unha das súas entregas fotográficas, sempre teatrais, sempre presente-pasado.

Daquela liña
Daquela falabamos da delgada liña que podemos dispoñer, debuxar, entre a vida e a morte e insistiamos na perfecta adecuación da fotografía, como a poesía, para retratar esa fronteira asolagada. A fraxilidade, a forza e fugacidade dun intre de tempo. Pero falamos de dous tempos, o motivo de poñer a mirada no retrovisor é porque nestes días podemos ver as súas últimas entregas de corpos na Fundación Torrente Ballester. Aí comeza a nosa intención de marcar un novo xesto de cambio na súa obra, nesta primeira vontade histórica, de detectar a evolución ou os puntos de muda na obra dun determinado autor. A mesma liña da que falabamos, a que delimita vida e morte, vólvese cada vez máis grosa, non tanto como un río encorado como cun manto de poética feita carne e pel. A necesidade continua de mirar atrás, de mirar a vida, é o impulso xusto que Herbello necesita para incitar a un espectador e que entre no seu travelling de olladas plurais desde o corpo.

Daquela anatomía
Daquela os tempos estaban nas igrexas, loitando entre proporcións eclesiásticas e paisaxes profanas. O neno non vía a cidade, vía sempre o seu rural. Eran os camiños do loito e do ex-voto experto en mitos e emocións, experto en medos e grandes loitas no purgatorio do día a día. Os camiños e as siluetas das operacións parecen anoarse ou queimarse cada vez con máis intensidade na sociedade; así son as fotografías deste guionista. Cada unha das súas entregas fotográficas son diferentes relatos arredor da existencia, como resultado de poñerlle ou quitarlle a máscara a un sempre irremediable paso do tempo. Daquela quería atar a vida a un rosario, atar os seus recordos a un molde de man, para presentalo nos seus tempos, e quería ofrecer unha hostia de pel para dose diaria do seu purgatorio. “Mal de corpo” insiste na vertente temática dunha anatomía, non tanto da imaxe nin da semellanza, nome da súa anterior serie de fotografía, senón dun novo corpo diseccionado, teatral e sen unha historia concreta que levar á boca, só a historia do corpo e a historia.

Daquela navalla
Daquela a navalla, afiada e disposta, permitía que o espectador sentise o impulso de identificar cada obra como resultado dun momento concreto, como desencadeante dunha operación concreta, dunha mensaxe concreta e dun tempo tamén concreto. O misterio, o pano, que toda historia esconde, percorre esta mostra como dentro dun gran proxecto no que non importa tanto cada obra, como a liña panorámica que desprenden todas adheridas. Se antes cada pezas lle daba palmadas ó espectador no lombo, para que non quedase durmido detrás do biombo, agora insírelle unha nova pel diante dos ollos, un/unha home/muller no que proxectarse como un espello. Quédanos a sensación dun gran pano de fotografías inmerso nun espazo rehabilitado de marca significativa, pero sobre todo, quédanos unha mostra como resposta editorial, unha liña de presentación dos produtos do Centro de Estudos Fotográficos (CEF), que fan do fotográfico un tema, un pretexto, de comunicación co social.

Daquela, son navalla espetada nunha pel sen tempo. Disto falan as fotografías sen tempo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org