culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O museo vivido

Poñémoslle novos acentos ó museo, ó MARCO, novas pernas e brazos instalados dentro e fóra das súas paredes. Se a mostra “Eu, museo” insistía na ollada crítica sobre a institución, a mostra “20 desarranxos” aposta pola perspectiva cambiante e transversal do feito expositivo, un non-lugar no que se inclúen as actividades do tempo inmediato, da arte en tempo real derivado das performances. Todo mentres agardamos a mostra de Antón Cabaleiro na Fundación Laxeiro.

Atrapade o mensaxeiro
1 / 3 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  

Temos a experiencia dos anos de facultade, a experiencia de visitar mostras e exposicións, pasando por ARCO ou por Basilea, e case ningún rastro de performances. Moita literatura, moita bibliografía, pero case ningún xesto no real, na práctica, que poidamos dicir: estiven nunha performance. Fóra das obviedades e dos xestos cínicos, digamos que existe pouca actividade de programas de performances en museos e salas, xa non só a nivel galego, senón tamén nacional. Queda só un murmurio entre grandes etiquetas, caendo nun estraño territorio de non lugar, caendo das programacións de museos e relegado a poucos espazos alternativos. Lembramos a de Marina Abramovic no CGAC, algo en IFI, desde a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, agora desde o MARCO e pouco máis.

Despois das entregas de sangue dos vieneses, de certos golpes británicos e franceses, de xestos feministas norteamericanas, chegou o tempo das supervivencias, dos autores que fan da perfomance un xesto de vida, e sobre todo, chegou o tempo dos outros, cando os ollos xiraron cara ó sur e cara á xeografía oriental; aí comezouse a pensar noutra época para estas formas de expresión. Pasouse da crítica institucional e política, da loita de xénero, da identidade, da reivindicación doutros mundos, a outro tanto; todo desde a lectura do propio corpo, todo mudando de gobernos e de territorios. Adriano e Fernando Guimarães, presentes na mostra “20 desarranxos da arte brasileira”, representan o xeito de investigar desde a perfomance a súa relación co mundo, desde o corpo ata a posición conceptual.

Estradas performativas
Tamén vivimos, grazas a quen sexa, en estradas secundarias. As performances hai tempo que colleron esa dirección, quizais polas grandes artes ou as grandes programacións, e adquirindo vinculación en áncoras con outras disciplinas como a danza ou o teatro. Félix Fernández sabe moito disto, algo tamén Rubén Ramos Balsa, dos dous recordamos traballos que reflexionaban sobre a identidade perfeccionista no primeiro, ou no proceso de medición e cálculo de precisións no segundo. Disto saben moito disto os performers antes citados, e Esther Ferrer, Marina Abramovic, Ana Mendieta e tantos nomes como prolongación de mans, dedos, pés e abdomes implicados no chan, nas espiñas ou en caixas baleiras de bafo. Trátase de posicionarse coa entrega da pel, dos órganos e da respiración.

Pero ¿estamos a falar dunha performance dentro da mostra dun museo? Efectivamente. Nesa incerteza de non-peza é na que insiste un dos 20 desarranxos que Gerardo Mosquera deseñou para o comisariado da exposición no MARCO de Vigo, e que podemos ver ata o 5 de maio. O visitante chegará á planta baixa, ás novas imaxes da fotografía nos anos noventa, as que foi recompilando a colección da Fundación Telefónica, pasando pola grande bisagra do centro, hoxe dominada por unha gran mesa redonda na que podemos pousar o percorrido nas lecturas sobre moitos dos artistas presentes.

Brasil sen mitos
O ritmo das fotografías deste primeiro mundo, dá paso a un mundo híbrido e contaminado, o que se desprende da arte que se fai e produce desde unha óptica brasileira, xa no primeiro andar. Adriana Varejão cun mural de azulexos na entrada de tres arcos da a benvida ornamental, para logo atoparse con imaxes alternas e cambiantes. Atopámonos con autores brasileiros dialogando con catro intrusos que acaban por definir a tese de desarranxos do comisario: Win Delvoye, Kan Xuan, Jorge Machi e Jorge Barbi. Este último demostra unha vez máis —que ninguén se esqueza de que é un dos mellores artistas actuais— a súa mestría coas intencións irónicas: “No hay nada delante de tus ojos” e “Otro mundo” son as súas dúas pezas incluídas na mostra. As obras de José Leonilson son a verdadeira sorpresa destes desarranxos, pezas mínimas de parede, colgadas ou atadas desde o murmurio da roupa desprotexida; no fondo, a videoinstalación de Sara Ramo. Despois podemos ver en dúas pantallas de televisión as performances de Adriano e Fernando Guimarães no Museo de Arte Moderna de São Paulo; unha entrega que veremos pola tarde camiñar polas salas do museo que agora nos acolle. Antes de baixar, entregas camufladas e inesperadas nunha das salas ou no rechán das escaleiras. Descubride o golpe plástico e poético da obra invisible, alterna.

Falabamos antes de performances, e agora de desarranxos; esas serían as mellores pautas de seguimento dos pasos firmes, da dirección acertada, da programación do MARCO nos últimos meses, que parece madurar a grandes pasos nos seus dous anos de vida. Todo quedou perfectamente demostrado na mostra “The Last picture show” do ano pasado, e igual de evidente nos actos de celebración das performances de Adriano e Fernando Guimarães, os pasados venres e sábado, con cheo total de asistentes. Máis de cen persoas que percorreron diversas salas do museo, seguindo ós actores das catro accións: “Escuridão”, “Luz (-)”, “Respiração (-)” e “Respiração (+)”, realizadas primeiro no salón de actos, logo no panóptico e finalmente nunha das salas da exposición da planta baixa. Os visitantes, todos no chan, sentados, para observar o teatro de cálculos e científicas medicións dos performers brasileiros. O tema no que reflexionar foi a respiración e as súas variantes extremas; acumulación da súa importancia e a propia definición, como valor conceptual, dentro dunha trama máis crítica. O compromiso do corpo co seu contorno; diso tamén fala o museo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org