culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O nómade

De catro correos electrónicos ata a traxectoria dun dos mestres do comisariado: Harald Szeeman, que vén de falecer na súa Suíza natal. Pasamos pola súa traxectoria e percorremos miles de quilómetros na busca dun pretexto de parada, como maletas dun nómade inexperto.

Atrapade o mensaxeiro
22 / 2 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Recibo catro mensaxes no manto preñado de varios textos que me falan do que podemos ver estes días, entre outras cousas, de tres guionistas-redactores da creación actual: “Morre Harald Szeeman”, “non te perdas a expo de Bill Viola”, “moi ben o búmerang” e “o próximo 7 de abril inaugura o MUSAC coa mostra Emergencias”. O primeiro chega antes de ler calquera titular nos xornais, vén á memoria a primeira vez que vin en directo a este mestre das exposicións, mentres paseaba pola Bienal de Venecia, co fondo das fotografías en branco e negro de Cristina García Rodero. A súa silueta de gran figura vestida de negro, coas mans nas costas, como atadas, e os ollos detrás dunha topografía case eterna. Do mesmo xeito que Susan Sontag está nun ceo ou nun inferno, ou nun purgatorio, todos contemporáneos e nada divinos, Harald está ó seu carón, soltándolle miradas chinas cruzadas con xestos de eslovenos, perfomances e soños dun suízo a unha neoiorquina. Sobre a segunda mensaxe, nada máis que dicir, que se aínda non pasastes por La Caixa, pois aproveitade as ofertas de Iberia e gastade un pouco de tempo na calidade emotiva, cun punto relixiosa pero impecable. A terceira mensaxe trasladámonos á obra prolongada nas palabras, a mesma vontade que abrimos esta fin de semana coa sección Búmerang, dedicado ás novas voces da arte actual; a primeira escala: Carme Nogueira, impecable redacción de suxestións e alternancias ata chegar a Chantal Akerman. Sobre a cuarta mensaxe, imos deixar un parágrafo-paréntese de tempo para repousala, para chegar a ela despois dun paseo xeográfico inexperto e iniciático. Claro que si.

Paisaxes alternas
A paisaxe, namentres repasamos mensaxes e ligazóns, faise cada vez máis inexperta, plural. Dunha exposición no Withney ata a Patagonia retratada por Juan Rodríguez na Fundación Torrente Ballester. De Arthur C. Danto a Paul Auster pasando por Manuel Castells ou Jose Luis Brea. Seguimos a pensar en Pedro Calapez dialogando co CGAC, Gabriel Orozco co Pavillón de Cristal, logo descubrimos as pinturas de “Faces in the Crowd” na Whitechapel de Londres, Cy Twombly ou Tim Hawkinson co Museum Withney de Nova York, João Penalva ou Robert Grosvenor no Museo Serralves, Gerhard Richter a bicos co K20 de Dusseldorf, Bruce Nauman coa Tate Modern ou Antón Patiño inxectando pigmentos de memoria na galería SCQ. Tamén repasamos cada un dos participantes de ECO loitando coas paredes do Reina Sofía. Pensamos en México, logo en Brasil, repasamos as lecturas e películas de facultade na materia de Historia e Cine e paseamos polo MARCO namentres todo un sentimento non-brasileiro salpica unha magnífica mostra que existe grazas á vontade crítica e reformuladora do seu comisario, Gerardo Mosquera, curiosamente un cubano que vive en Nova York e que, como nós, relee a arte brasileira en 20 desarranxos. E volvemos a recoller os pasos de Gabriel Ozozco e comezamos a recoñecelo, como fixemos coa mostra The Real Royal Trip comisariada por Harald Szzeman hai un par de anos no Patio Herreriano, onde estes días atopamos a Víctor del Río nun dos seus proxectos. As miradas, pouco a pouco, deslízanse cara á Castela León, coa próxima mostra inaugural do MUSAC, o 7 de abril, e que levará por título “Emergencias”, nunha lectura sobre a súa colección, nun espazo dirixido por Rafael Doctor.

Figura con fondo actual
Deixamos un último parágrafo á obra e figura de Harald Szeeman, un dos mestres da interpretación e exhibición da arte contemporánea, verdadeiro artellador das mostras de tipo temáticas, de tese, nas que xuntaba autores das máis diversas latitudes e inesperadas xeracións. Nas súas mostras falaba a obra, non o autor. É xusto o noso recordo ó seu traballo. Ademais do recente apadriñamento da I Bienal de Arte Contemporánea de Sevilla, ou da citada mostra de arte español “The Real Royal Trip...by the Arts” no PS1 de Nova York, o seu currículo estivo escrito por palabras maiores: director da Kunsthalle de Berna, do museo de arte de Zurich, comisario da Bienal de Venecia ou da Documenta 5 de Kassel. Releo unha entrevista e cada vez comprendo máis a vontade de sentirse emocionado coa arte, como parte da vida. Parte da contemporaneidade máis activa pasou polas súas teses expositivas en máis de duascentas mostras, entre individuais (Picabia, Nevelson, Prouvé, Morandi, Tobey, Ensor, Merz, Serra, Baselitz, Beuys, Yves Klein ou Duchamp) e colectivas. Todas, referenciais no estudio dun determinado grupo de autores e dun grupo, aínda maior, de tendencias.

Seguimos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org