culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Coidado co CO: un gas doméstico que hai que ter en conta

A intoxicación por monóxido de carbono (CO) causa todos os anos a morte doce e estúpida dunha morea de xente. Esta sustancia maquiavélica está moi presente na nosa vida cotiá, mais poucas veces decatámonos da súa sombra ameazante. Coñecer un pouco mellor a este “asasino silencioso” pode salvarnos a vida.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Todas as células do corpo precisan dun gas para poder funcionar: o osíxeno (O2). O sistema respiratorio encárgase de levar o osíxeno da atmosfera até o sangue, o cal distribúe o gas por todo o organismo. Este sistema de transporte pode bloquearse no caso de existir no ar que respiramos un gas que se fai pasar por osíxeno e ocupa o seu lugar: o CO.

Transportando osíxeno a todo o corpo
Nos pulmóns o O2 do ar difunde e pasa ao interior dos vasos sanguíneos. Sangue fresco, cargado dun gas que é imprescindíbel para que as células produzan enerxía e realicen a súa función. Para facer este traballo coa maior eficacia o sangue ten un exército de mensaxeiros, os glóbulos vermellos. No interior destas células hai moléculas dunha proteína chamada hemoglobina, que teñen unha afinidade especial polo osíxeno, de tal xeito que cada unha pode cargar con catro moléculas de O2 –cando isto acontece, a molécula pasa a chamarse oxihemoglobina-. A hemoglobina é unha molécula fundamental, que está presente en practicamente todos os animais; para facerse unha idea da súa importancia no funcionamento do corpo humano, chega con ollar estes números: unha persoa adulta ten entre 25 e 30 billóns –si, con b- de glóbulos vermellos e, cada un deles, contén uns 250 millóns de moléculas de hemoglobina. Podes seguir multiplicando ti. Os glóbulos vermellos traballan constantemente, carretando O2 a todos os tecidos do corpo; ao facerse vellos, ao cabo duns 120 días, son substituídos por outros: cada día fórmanse no teu corpo varios miles de millóns de glóbulos novos.

Todos estes datos sirven para mostrar a voracidade do corpo polo gas que nos da a vida; unha célula sen O2 pode sobrevivir só uns poucos minutos, así que non se pode andar con bromas. En condicións normais este sistema funciona estupendamente, xa que na atmosfera hai osíxeno dabondo, mais hai moitas situacións nas que o ar que respiramos contén un gas que lle fai a competencia ao O2.

O inimigo invisíbel
O monóxido de carbono (CO) prodúcese na combustión incompleta de hidrocarburos, algo que ocorre acotío nos motores dos coches ou nos aparatos domésticos que queiman gas, madeira, carbón, etc. Cando hai osíxeno dabondo, a combustión orixina fundamentalmente a unión dun átomo de carbono con dous átomos de osíxeno, producindo CO2, que é un gas inofensivo; mais se a combustión ocorre con pouco O2, fórmase un gas cunhas propiedades totalmente distintas: CO.

O CO é moi tóxico, e ademais inodoro –non cheira- e incoloro, o que complica máis as cousas. O principal problema co CO débese a que ten moita facilidade para unirse á hemoglobina, ocupando o sitio do O2 e deixando ás células do corpo sen ese gas vital. Ademais o noso corpo, cando lle dan a elexir, parece que prefire o gas tóxico, xa que as moléculas de hemoglobina teñen 250 veces máis afinidade polo CO que polo O2, de tal xeito que poden cargarse de CO aínda que a concentración dese gas sexa moi pequena. A molécula que se forma con esta unión chámase carboxihemoglobina.

Todos temos algo de CO no sangue, os valores normais están entre un 0,5 % de carboxihemoglobina –en zonas rurais- e un 2 % -en zonas urbanas-; se ademais somos fumadores, o nivel pode alcanzar o 10 %, debido ao CO que ten o fume do tabaco. Con eses valores de CO no corpo podemos seguir vivindo, xa que queda hemoglobina dabondo para carretar o O2. O problema chega cando por algunha razón permanecemos durante un tempo nun espazo con moito CO. Valores de carboxihemoglobina do 20 % producen dor de cabeza e outros síntomas –mareo, debilidade, náuseas- , e se chegan ao 50 % poden provocar a morte en pouco tempo. Como é un gas que non cheira, nin se pode ver, os síntomas da intoxicación poden pasar desapercibidos –sobre todo ao estar durmidos-, o que explica que a maioría da xente que morre polo efecto deste gas non se entere do que está a pasar. Os órganos que precisan de máis osíxeno son os que primeiro sofren as consecuencias, como o cerebro ou o corazón, o que pode orixinar en pouco tempo a perda da consciencia e un fallo cardíaco.

Doce estupidez
As intoxicacións por CO son moi comúns na sociedade actual, unha sociedade que utiliza a combustión de hidrocarburos para mover coches e quentar comidas e habitacións. Resulta difícil de comprender a pouca información que existe sobre algo tan cotiá e perigoso, a pesar das mortes que se producen todos os anos. Hai un século, en 1902, Émile Zola morreu na súa casa de París, debido ao CO producido por unha cheminea que non tiraba ben; cen anos despois, enviamos sondas a Titán e mensaxes SMS, mais somos incapaces de ofrecer unha educación que nos impida morrer docemente cando acendemos unha estufa para non morrer de frío.

Unha moeda con dúas caras, como todas
Como ocorre con todos os produtos tóxicos, o problema está na cantidade, non na sustancia en si. De feito, hai pouco que se descubriu que o CO é producido polo cerebro en pequenas cantidades, e que pode ter a función de contribuír á comunicación entre as células nerviosas –neuronas-, favorecendo a memoria. Outro exemplo de que todo é cuestión da dose.

Se vos levantades con dor de cabeza pola mañá, probade a mellorar a ventilación dos aparatos que queimen combustible (calefaccións de gas, chemineas, braseiros, etc).


Ligazóns

http://www.nlm.nih.gov/medlineplus/spanish/print/carbonmonoxidepoisoning.html

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org