ARCO entrerúas
Como xa indiquei nalgunha ocasión, ARCO é máis que unha feira de arte contemporánea, é unha empresa de actuación a nivel urbano, que afecta e involucra a toda unha cidade como Madrid: programas como “Madrid Abierto”, a relación de mostras, ciclos e certames que se realizan polas diversas salas, centros e museos sobre a dirección mexicana que protagoniza esta edición, festas VIP’s e, como non, toda a aposta das galerías de arte, moitas delas con autores mexicanos, pero outras con mostras de nomes máis que coñecidos. Hoxe falamos do ARCO que habita en Madrid.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Onte fixemos unha reflexión, calculada e desenvolvida case hora a hora, do que foi un día na feira. Se poñiamos o plano como campo e guía de cabeceira, hoxe poñemos o plano da cidade, o que facilita a asociación de galerías de Madrid co programa “Arte Madrid”, onde en pequenos puntos vermellos localizamos todos os destinos desta tarde. Unha iniciativa, incluso con páxina web (www.artemadrid.com), que se debería repetir no caso galego, cunha páxina da asociación (AGGA) que non se actualiza de forma regular. Fúcares, Marta Cervera, Antonio Marchón, Max Estrella, Elvira González, Joan Gaspar, Juana de Aizpuru ou Distrito Cuatro, en poucas rúas preto da Castellana; un pelín máis afastadas, e en parellas: Elba Benítez e Heinrich Ehrhardt, Soledad Lorenzo e Marlborough, Trama e a sempre interesante Javier López. Unha concentración envexable, que recorda á rúa Miguel Bombarda de Porto. Galerías con espazos máis que ambiciosos, en patios traseiros, dialogando coa memoria dos lugares ou en primeiros pisos; grandes entradas e grandes paredes. Pois iso, que nestes días, toda a cidade se pon as pilas para recibir a miles de visitantes ávidos de produtos contemporáneos e as galerías, moitas delas tamén presentes en ARCO, non descoidan as súas vivendas e ofertan mostras máis que interesantes. Iso sucede coa proposta de José Damasceno en Distrito Cuatro, Mateo Maté en Oliva Arauna (cunha divertida revisión e crítica do concepto nacionalismo), Yasumasa Morimura en Juana de Aizpuru (coa súa particular ollada á historia, apropiándose da obra de Goya) ou Paloma Navares en Max Estrella.
Por suposto que existen outras galerías que non están nesa listaxe, que non todo é cuestión de primeira ou segunda división. Iso sucede coa mostra que Almudena Fernández presenta na galería Astarté, a poucos metros de Soledad Lorenzo. Nun primeiro piso desenvolve toda a súa definida aposta de relacionar ornamento e abstracción, cor e mensaxe. Tres estancias nas que a autora galega realiza unha expansión de recursos pictóricos, desde unha invasión de pel na parede, ata unha lámpada de mesa, unha alfombra ou un banco todo tapizado dun lenzo labiríntico.
Máis que galerías
Seguimos na zona centro-norte de Madrid. A sala de exposicións de La Caixa presenta unha das mostras máis importantes do ano: Bill Viola. Cando saen non sabes onde meterte, e non paras de falar de cada un dos vídeos ultralentos que este mestre da emoción nos inxecta. Paseamos polo barrio de Salamanca, para deixarnos caer pola Fundación Juan March —sempre cunha programación especial coincidindo con ARCO— onde vemos a un grupo de nomes recoñecidos ó redor dunha etiqueta máis que clarificadora: “Contemporánea”. A vertente contemporánea atopámola en Damian Hirst, Thomas Schütte (do que aínda lembramos a expo na Casa Serralves de Porto), Jeff Wall, Araki e o gran Nan June Paik. O vídeo dos Fischli/Weiss é sempre un bálsamo de eternidade.
Despistámonos polo Retiro, nas estruturas de cor do arxentino Óscar Lloveras, mentres Gabriel Orozco non acaba de sorprendernos, como si outras moitas veces, no Palacio de Cristal ou, o mesmo, coa “Habitación 523” de José Manuel Ballester no Palacio de Velázquez. Deixamos a zona centro, coa fumata dun distante “Coloso en chamas”, pasamos polo Círculo, coa revisión da pintura española contemporánea, e subimos ó andamio que José Dávila instalou na fachada da Casa de América. Logo, deixamos que Angela Bulloch en Helga de Alvear destine máis quilos de atención nas súas caixas de luz, e detémonos coa mestría de Jean Fabré en Espacio Mínimo, as dúas galerías nas murallas do Reina Sofía. Tres grandes carteis e unha cola das de anos de fame recordan que hoxe a entrada é gratuíta; despois de aumentar o prezo das entradas en ARCO, seguro que todo o free estará ateigado. No interior do museo, quedo coa mostra de Oteiza e coa de arte mexicana: ECO. O de Oteiza é un mundo á parte, impresionante e nunha continua necesidade de cambio. A selección mexicana define o porqué dunha das áreas máis activas e críticas da actualidade: Julio Galán, Claudia Fernández, Santiago Sierra, Thomas Glassford, Silvia Gruner, Javier de la Garza, Francisco Toledo, Carlos Arias, Eduardo Abaroa, Rubén Ortiz ou o vídeo, que xa puidemos ver na pasada edición Umlimited de ArtBasel, de Miguel Ángel Ríos.
Galegos fóra da vivenda
Deixamos o Reina Sofía, aínda con máis quilos de cola, e paramos en La Casa Encendida, despois de observar en plan 45º a ampliación do museo de Jean Nouvel. Dedicámoslle tres fotografías e un par de comentarios; lembramos a súa Fundación Cartier de París ou o Centro Cultural de Lucerna, pegado ó lago suízo como un coitelo afiado, e entendemos o porqué da súa obsesión cromática e sensitiva. “Generación 2005” recibe ó espectador con ganas de poñerse o rol de historiador; vemos que hai ata seis galegos entre a selección, aínda que ningún premiado. Moitos xa coñecidos, e outros non tanto. Perfecto. A importancia desta gran embaixada, case igual á equivalente catalá ou vasca, fala dun novo cambio ou “xeito de cambio”. Sei que falei disto no texto de ARCO, pero é moi importante definilo e aclaralo. O mesmo sucede coa mostra, eventual e moi curta, dos proxectos 2005 da Casa de Velázquez, na Cidade Universitaria, onde atopamos a tres galegos coas súas primeirísimas propostas públicas. Un pazo que se ve invadido, durante catro horas, por propostas feitas ex-profeso para o seu xardín posterior.
Marchamos de Madrid, con todas as turbulencias concentradas no avión, poucas en ARCO e nas mostras madrileñas. Si, anotamos as novas dúbidas e preguntas, as novas entregas colectivas e novos nomes. Seguimos, agora desde casa.