Releo Arco
Camiño de Arco coas mans nos xornais, nos suplementos; a voltas cos foros e blogs que nestes días se petan de opinión sobre porqué Arco segue a ser un referente, segue a ter cada vez máis visites, e máis críticas e máis, e máis, solicitudes de acceso. Moitos de nós iremos a próxima fin de semana á feira máis importante de arte contemporánea en España; hoxe toca ollala desde a distancia, desde a posibilidade e desde a continua relectura de textos e textos.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Cada vez que comezo a escribir estas liñas, miro cara ós lados (atrapo ideas e mensaxeiros) pero sempre acabo no outro lado, no de sentirme nunha necesidade e nunha obriga de actuar de mensaxeiro. Por iso, serven as palabras que retratan esta semana, vinte ou trinta liñas, para poñer unha alfombra vermella camiño de Arco pero, máis que falar da cita madrileña, falaremos do antes-biombo de Arco. Xa que nestas mesmas páxinas de Culturagalega.org darán boa conta, nestes días, desta aventura mercantil e, por intres, artística. Sempre estamos obrigados a falar, sempre nestas datas inmediatamente anteriores, do que será, do que se vai falar ou do que pretendemos que sexa; niso estamos, no que a cada un lle toca de Arco, nin máis nin menos.
Releo artigos
Leo e releo esta fin de semana toda a relación de apostas e reapostas que os suplementos culturais propoñen para estes días. Ou sexa, o de cada fin de semana. Coincide con Arco, polo que todos os terreos, case mínimos, en moitos casos, dedicados á Arte, fanse de súpeto fortes e collen ocos da literatura, do teatro ou do cine, incluso chegan a protagonizar a portada do suplemento. Volvo a reler o texto de Laura Revuelta e o de Alberto López Cuenca, todos sobre México, lindo e querido, sempre rodando e rodando. Volvo a repasar, agora no Babelia, o de Carlos Jiménez e Roberta Bosco, esta última nun insistente artigo sobre a importancia da Arte.Red, tan apremante e fascinante como pouco coñecido. Releo parte do Babelia, todo o que ten que ver con Arco; pero sempre remato pousado nos artigos de literatura e nos de Ángela Molina, hoxe nun ácido texto sobre o porqué da non existencia de artistas españois fóra das nosas fronteiras. Logo pásome ó Exit Express onde o amigo Seve Penelas e o equipo da revista ilustra qué e por cánto podemos mercar en Arco, onde atopamos á novísima Victoria Diehl, que estará presente na feira coa galería María Llanos de Cáceres.
Releo páxinas
Releo a reflexión de Calvo Serraller sobre o último ranking dunha revista alemá sobre os cen artistas máis prestixiosos do panorama da arte actual. As súas palabras insisten, tan atinada ou loxicamente, na non inclusión de autores españois, e si vinte-e-tantos alemáns e vinte-e-tantos norteamericanos, poucos franceses, ingleses e un ruso. Tamén poucos orientais. Pero non lle dediquemos máis liñas; as listas, cando teñen un moedeiro detrás, é o que teñen. Pero si debemos citar que o protagonismo “español” desde a xestión está máis que asegurado, con Todolí na Tate Modern, Juncosa no Museo de Arte Contemporánea de Dublín e o equipo de Rosa Martínez e María de Corral na dirección da próxima Bienal de Venecia, a mesma que nesta edición conta co comisariado de Bertomeu Marí no pavillón español, coa participación de Muntadas; por fin!
Releo máis páxinas
Volvo sobre o artigo de Mercedes Rozas no Culturas de La Voz, sobre artistas novos. Un grupo de cinco nomes, todos coñecidos, Ana de Matos, Inés Casado, Renata Otero, Juan Rivas e Victoria Diehl (ás tres primeiras podemos velas na mostra Adosados, na Fundación Granell). Diso tamén van as citas de fin de semana, diso tamén teñen que ir; de achegar o máis novo, sexa do xeito que sexa; lonxe de Arco.
Releo o suplemento especial que a revista Artnotes saca con motivo de Arco. Sobresae o apartado de artistas galegos na cita madrileña. Facédevos con el, merece a pena. Pero tampouco vos preocupedes, estes días a arte (si, a contemporánea) interésalle ós xornais, e invadirá páxinas de cultura e sociedade; será outras das noticias destes días en moitos dos medios periféricos de media península. Vai un exemplo: os artistas lucenses Mónica Alonso e Antonio Murado levan a Arco as súas últimas creacións, e así calcado no caso de Lalín, Coruña, Pontevedra, Vigo, Alacante, Almagro ou Alxeciras. Tamén está ben.
Pois iso, reviso a guía de mostras que poderemos ver en Madrid. Despois anoto en vermello visitar a Bill Viola, Gabriel Orozco, Teresa Margotes, os novos de “Generación” 2005 de Caja Madrid, José Damasceno ou Angela Bulloch (en diversas galerías e centros de Madrid), pasaremos e pasearemos polos stands de Arco; a eterna loita entre paredes de “pladour” e a captación de mulleres e homes cos pins de coleccionista. Vicente Blanco, Jorge Perianes, Basallo, Carlos Rial, Vari Caramés, Tatiana Medal, Diego Santomé ou Leiro, as compras do CGAC, o stand institucional da colección do MACUF e caras coñecidas que unha e outra vez saudamos entre golpes e moqueta gris. Tamén o novo Black Box, os Projects Room e os novos xeitos arquitectónicos de facer de Arco un lugar de paseo, non de manifestación. Cousas das que falaremos.
Relectura final
Releo a un articulista: quen non vai a Arco non é ninguén. Que todos queremos ir á Arco, está claro, pero que todos somos Arco, nada de nada. Visitade foros e blogs, darédesvos conta do mundo antes, despois e baixo Arco.
Remato. Releo a aposta de Jorge Migoya na mostra “Eu, Museo”, a golpes coa parede, mentres coloca estrelas fóra do museo. Que cada un colla a súa estrela antes de pasar por Arco.