culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Primeiras impresións dunha correspondente nun mundo novo

Titán é a maior lúa de Saturno, a única no Sistema Solar cunha atmosfera importante. O ar nese mundo está formado, como na Terra, por unha mestura de gases, mais é moito máis denso, de tal xeito que desde o exterior é imposíbel saber qué aspecto ten a superficie. Hai uns días revelouse este segredo por primeira vez: unha nave espacial soltou unha sonda que, atraída pola gravidade, caeu sobre Titán. Antes de esnafrarse contra a superficie, atravesou a atmosfera e tivo tempo para sacar fotos e tomar moitas medicións. Os seres humanos acabamos de descubrir un mundo novo, algo que non pasa todos os días...nin todos os séculos.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
No ano 1655 o físico holandés Christiaan Huygens descubriu Titán, un corpo brillante de cor amarelo-bermello situado a uns 1.600 millóns de quilómetros de nós. Mais Titán era distinto a outros corpos do Sistema Solar; cuberto por un manto de gases -nitróxeno, metano, etc-, a súa superficie permaneceu invisíbel, incógnita aos ollos dos curiosos humanos durante case 400 anos. Até o outro día.

Bos días, chámome Huygens, e veño da Terra
O 25 de decembro de 2004 a nave espacial Cassini –que se encontraba sobre Titán, logo dunha viaxe de 7 anos, como resultado dun proxecto que levou 20 anos en planificar- soltou unha sonda da ESA (Axencia Espacial Europea), de nome Huygens, co obxectivo de explorar a misteriosa lúa de Saturno. O 14 de xaneiro ás 10 da mañá a sonda topou coa atmosfera da lúa a unha velocidade de 20.000 km/h. Isto elevou a temperatura da superficie protectora da sonda até os 1.600 graos, e freou o aparato até uns 1.800 km/h. Neste momento desprenderonse as cubertas protectoras. A misión chega ao momento crítico, comeza o descenso a través da atmosfera. Cómo será o mundo que está a punto de aparecer fronte aos ollos de vidro da sonda? Os científicos súan, tremen, teñen os ollos pegados aos monitores...

Un comentarista deportivo podería contar os momentos que seguiron desta maneira… “un grande paracaídas frea o aparato até 320 Km/h e, cando chega a 120 Km da superficie de Titán, outro paracaídas de menor tamaño toma o relevo. Dentro de 2 horas e media a Huygens esnafrarase contra a superficie da lúa –sólida?, liquida?, aínda non se sabe. Comeza a función. Hai pouco tempo; os sistemas de medición que levaban 7 anos durmidos actívanse e comezan a tomar datos de maneira febril. Tres cámaras toman fotos, ao mesmo tempo que outros aparatos miden a composición da atmosfera e a velocidade do vento. Ao chegar a uns 20 Km da superficie, do impacto, a sonda envía toda esa información á Cassini, que segue a orbitar a lúa. Na Terra os nerviosos científicos aínda non saben nada, esperan. Huygens segue a caer e 5 Km antes do impacto analiza a composición química da superficie. Pouco antes do incerto “atitanaxe”, a 700 metros, acende unha luz que permite estudiar con precisión a zona do golpe final e... patapum!!”…

Un bo comezo
Había moi poucas posibilidades de que a sonda sobrevivise ao impacto e de que, incluso así, as baterías durasen, mais para sorpresa e maior ledicia de todos, así foi –e tamén, por sorte, o paracaídas non cubriu a sonda. Entón outro grupo de instrumentos púxose a traballar. As présas eran nese momento moito maiores: non se sabía cánto poderían durar as pilas e, ademais, a nave Cassini pronto desaparecería no horizonte e non podería recibir ningún dato. As cámaras tomaron fotos, o espectrómetro analizou gases, e unha sonda, chamada penetrómetro, introduciuse na superficie. As pilas duraron 70 minutos.

Cando a Huygens calou para sempre, a nave Cassini enfocou as súas antenas cara á Terra e emitiu os valiosos datos...tardaron 67 minutos en chegar, viaxando á velocidade da luz polo inmenso baleiro que separa aos dous mundos. Tres potentes antenas situadas en California (EEUU), Madrid e Canberra (Australia) foron as encargadas de recibir a información.

Coñecendo ao curmán de Saturno
Había moitísimo interese en coñecer Titán. Os científicos cren que pode ser similar a como era a Terra ao comezo da súa existencia. Sabíase que en Titán hai sustancias químicas e moléculas –hidrocarburos, nitrilos- parecidas ás moléculas orgánicas da Terra, parecidas ás moléculas da vida. Aínda que a temperatura é duns -180 graos, hai sustancias que a esa temperatura son líquidas e poden ser o vehículo para a realización de reaccións químicas, por exemplo o metano –un hidrocarburo. Iso si, a esa temperatura as reaccións ocorrerán moito máis amodo; algo así como unha Terra a cámara lenta.

As fotos tomadas durante o descenso mostran canais, que se xuntan e desembocan nunha rexión máis escura. Aínda que parece que todas esas estruturas estaban secas no momento da exploración, os canais poden estar formados por ríos de metano e etano líquido, e as rexións escuras podería formar auténticos lagos ou océanos.
As medicións tomadas na superficie indican que está composta de xeo de auga e hidrocarburos. O espectrómetro detectou varios gases, como etano, acetileno e outros hidrocarburos. Tamén se mediu gas metano, o que suxire que puido haber unha choiva desta sustancia pouco antes da chegada da Huygens. As rochas están erosionadas, probabelmente polo líquido que flúe de cando en vez. O penetrómetro, logo de introducirse 15 cm nas entrañas do novo mundo, indicou que o solo ten unha consistencia branda, como a da area, cunha costra na superficie algo máis dura.

Hai alguén aí?
De momento non se encontrou ningunha evidencia de vida, mais a existencia de evaporación, nubes, choiva e ríos é un caldo de cultivo estupendo para o desenvolvemento de moléculas orgánicas complexas. É moi probábel que calquera forma de vida precise dun medio líquido para facilitar o transporte de moléculas e a súa interacción. Mares e ríos de hidrocarburos son tan válidos para a vida como os mares e ríos de auga que hai na Terra. Unha vida moi distinta, por suposto.

A radio que nunca se acendeu
Os datos recollidos pola Huygens eran extremadamente valiosos, así que como medida de seguridade transmitíronse á nave Cassini por duplicado, a través de dous canais de radio independentes, A e B. Así é todo, o equipo da ESA encargado das fotografías decidiu arriscar e, en vez de enviar a mesma foto dúas veces, utilizaron os dous canais para enviar fotos distintas, desa maneira conseguirían recibir xusto o dobre de imaxes. Ademais, un experimento para calcular a dirección e a forza do vento utilizou unicamente o canal A. Mais algo fallou e o receptor da Cassini do canal A nunca recibiu a orde de activarse. As sinais emitidas pola Huygens pasaron de largo e perdéronse no espazo. Menos mal que foron previsores. Todos menos os encargados do experimento co vento e os das fotos que, en vez de obter as 700 imaxes esperadas, encontráronse coa metade.
Mais nin así danse os científicos por vencidos. A emisión de radio da Huygens era de pouco intensidadae, similar á dun teléfono móbil, mais tamén chegou até a Terra –tamén a do canal A-, aínda que como unha sinal extremadamente débil –tan débil como a sinal do teu teléfono móbil que pode ser captada en Titán. Agora os astrónomos están tratando de recompoñer eses datos a partir das ondas captadas por unha rede de 18 radiotelescopios situados arredor do mundo.


A información que temos hoxe sobre Titán é moi prelimiar, produto de botar un vistazo algo apresurado ao correo enviado pola nave Cassini. Queda moito por facer, os científicos teñen que analizar con coidado as montañas de datos recibidos. Será cousa de varios anos.

Ligazóns


ESA


NASA

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org