Cando as palabras limpan o corpo
Marina Abramovic visitou o CGAC a pasada semana para impartir un curso de performance, "Cleaning the house" na chamada "Casa da Terra", illada de todo. Ela, vintesete alumnos e unha testemuña de excepción, Silvia García, unhas das coordinadoras do Departamento de Actividades do centro; a mesma que agora nos conta as emocións que resultaron desa estadía e, prolongando a análise, fainos un agasallo: un fermoso vocabulario para poder camiñar ó carón de Marina Abramovic e prender luces nas sempre difíciles covas da arte da performance.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Vocabulario especifico do taller de Marina Abramovic.
"More and more of less and less" (Mais e mais de menos e menos) é unha das frases favoritas de Marina Abramovic. Facer moito de case nada, quedarse inmovil e non desperdiciar a enerxía en esforzos banais. Quizais quenes coñecen a obra que Marina Abramovic realizou nos anos 70, primeiro en solitario e logo con Ulay, imaxinen unha muller sufrida, acostumada a flaxelarse e a infrinxir danos ó seu corpo. Pero Marina non é autoindulxente, nin sufrida, nin eremita, máis ben posúe unha extrana enerxía, unha relación apaixoada coa espiritualidade que descubriu no seu contacto con outras culturas, e que a leva á emprender novas vías, buscando investigar na relación entre a mente e o autocontrol.
Quizais inspíraa algún devanceiro, o seu avó foi xefe da igrexa ortodoxa, e santo. Envelenárono por non querer unificar as igrexas ortodoxa e católica, dandolle de comer diamantes machacados, mezclados coa comida. Parece unha lenda coma as de Joan Fontcuberta, so que neste caso o corpo do avó de Marina segue exposto embalsamado nunha praza de Iugoslavia.
Ó corpo gobérnao a mente e nas performances, o corpo funciona ó mesmo tempo coma suxeito e coma obxecto. Se unha performance funciona, afirma Abramovic, entón prodúcese un intercambio de enerxía entre o público e o performer. Sae á superficie unha situación psicolóxica e sinestésica especial, ti sabes que o performer non actua, non finxe, e aínda que che gustaría pensar que non debe ser real, para protexerte, non podes evitar que un calafrio che percorra o lombo.
Marina utiliza un vocabulario especial para referirse á performance e á preparación necesaria, mental e física que a precede. A performance non se ensaia nin subliña, simplemente ocorre. Un vocabulario ligado as súas últimas obras, poéticas, leves, orientais. Proxectos moi alonxados do dramatismo das performances coas que se deu a coñecer. Obras da década dos noventa como "Energy Clothes" (roupa de enerxía), ou "Objects for non Human Use" (obxetos para uso non humán). O vocabulario de Marina foi a guía do taller, dado que os 5 primeiros días non se podía falar e as instruccións dos exercicios constituían toda inspiración verbal e o xerme das reflexións escritas en cadernos. As palabras dan idea do que sucedeu na "Casa da Terra" de Antas de Ulla, entre os días 19 e 25 de xuño de 2002, e tamén o clima especial que se creou durante o evento de performances que tivo lugar no CGAC o 26 de xuño.
Purificacion: Non falar, non comer, (nos engadimos a fogueira de San Xóan, 3, 7 ou 9 saltos e o anaco de frores e herbas)
Re-enerxizarse: Todo o relacionado con meterse nun río ás 7 da mañá, tamén andar 7 km nada máis erguerse.
Enerxía: Atopar a propia enerxía, poder utilizala para sentarse e non facer nada. Tamén a enerxía que xorde entre o performer e o público.
Os buratos do naris: Deben estar os dous desatascados, ese é o intre óptimo, están relacionados con erguerse cun pé pola mañá, respirar nove veces e osixenar o corpo.
O presente: Estar mirando para o papel mentres escribes durante unha hora o teu nome sen erguer o lapis do folio branco, somentes unha vez, o teu nome.
O río: Case todo está no rio, o pasado e o futuro, o xeito de recoller outra vez a enerxía. Se nos situamos nunha ponte e miramos cara a adiante podemos ver o futuro, se miramos cara a atrás o pasado.
A convivencia: Compartir na mesa unha infusión, unha cunca quente, esperar polas duchas e sorrir a pesar da fame.
A soidade: Moitos exercicios deben facerse en soidade, cada un debe buscar os seus propios lugares, un recuncho secreto do río, o seu propio espacio de meditación.
O xaxún: Unha vía máis para purificarse, unha vía máis e quizais non a máis dura.
O silencio: Outra vía de purificación, para os galegos e españois moito máis dura que o xaxún.
A ausencia: A ausencia do cotián, da xente que nos protexe, dos hábitos, das preocupacións que nos bloquean.
A concentración: Imposible ó principio, Marina sabe que a cabeza está noutro lado, que regurxitamos vellos problemas, que voltamos ó escenario habitual, pero cando nos desligamos do que está lonxe, cando vivimos o entorno, entón a cabeza asenta o silencio e aparecen as ideas.
A creatividade: Xorde cando conseguimos liberarnos e ser receptivos, traballando coa enerxía de cada un, para que aparezan as performances e novas vías, seguir facendo o que xa sabemos facer é o maior dos erros.
O illamento: Rematou cando a cabeza se colocou no futuro, no evento de performances, xa non serviu de protección a naturaleza, habería un evento, e o público estaría alí, e podería ocorrer algo ou non.
Marina pensa que o que ocurriu no CGAC foi algo especial, porque houbo un intercambio de enerxía entre o público e os performers, a pesar da súa experiencia como artista e como performer, ou precisamente por iso, emocionouse dun xeito sincero, e quixo comunicarllo tamén ó público e ós 27 participantes no taller que confiaron nela.