Espazo mutable
Queda unha semana xusta para Arco. Queda esta nova entrega semanal nun achegamento ós proxectos sen-espazo: na presentación de Alg-a e nunha nova ollada á iniciativa Feedback. Tamén microcitas de ducias de mostras que, de paso ou de reviravolta, podemos pasar, pisar e visitar; desde o CGAC, o MARCO, a Fundación Caixa Galicia ou as galerías VGO e Ad hoc, entre outras.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Centos de citas ineludibles para estes días: unha para esta semana e as outras para cando vexades. A cita inmediata é mañá mércores, na presentación de “Alg-a” na sala Nasa de Santiago (www.alg-a.com). O resto dos chamamentos quedan para o ocos das vosas axendas: museos, galerías e fundacións; cafés, bibliotecas, pubs e casas de cultura. “Alg-a. Comunidade dixital de Arte libre”, pertence ó grupo de empresas/proxectos que se expanden nun non-espazo, dialoga na rede e, de cando en vez, existen ó carón dos pés e das zapatillas. Sempre existe, nos sons e nas imaxes, sobre todo nas posibilidades de alterar a creación. A acto do mércores contará coas participacións de Ludd 34560, Perro-gato tour, Berio Molina e Isaac Cordal co traballo “See there´s silence here”. Sempre resulta complicado entender unha superficie de comunicación, un equipo cambiante integrado por “organismos que flúen nas correntes alternas, mergulladas baixo a capa pastosa do composto petroartístico”; así se presentan. Plataformas de experimentación e valores variables da arte sonora e dixital, tan descoñecidas nas nosas terras como faltas de proxectos de visibilidade; Alg-a, como o é IFI, como os traballos de Chiu Longina ou Sinsal Audio, demostran un tempo de dirección alterna (con todos os condicionantes) e que algo está a cambiar nesta nosa nova paisaxe. Todos facemos, desde a nosa parcela, porque as cousas muden/cambien.
Tempo cambiante
Isaac Cordal pertence a esta sorte de superficie dúctil e cambiante. Os seus traballos, nas variantes máis diversas, levamos tempo seguíndoos nos certames Novos Valores ou no do Auditorio de Galicia, en “Maquinacións”, “Libro de artista”, IFI, recentemente, no espazo Caja Madrid de Pontevedra e no Reperkusión Festival. Queda estes días novamente suliñado, no proxecto antes citado e na súa participación nunha mostra no Espacio Feedback, en Madrid.
Feedback é máis un lugar de traballo, un laboratorio, o mesmo que Alg-a, aposta pola ollada experimental. Codirixido por Estefanía de la Torriente e a ourensá Eva Mendoza, ten entre os artistas colaboradores, nomes coñecidos como Félix Fernández, Manuel Eirís ou Antón Cabaleiro. Na súa páxina www.espaciofeedback.com podedes atopar os diversos proxectos e iniciativas que desenvolven. Sobresae a actual de organizar vídeos que son retransmitidos pola canle de televisión “La Otra” (www.laotra.es) e no que participaron xa, en diversas emisións, moitos dos autores citados. Recoméndovos o programa “De formas”, no que fan un achegamento ós outros acontecementos da arte contemporánea en Madrid. Este xoves inauguran a mostra “Autorretratos: Proyecta 05”, baixo o comisariado de Eva Mendoza, reunindo os traballos de Daniel Silvo, Ana Pol, Isaac Cordal, Lucía Fernández Muñiz e Francesca Roncagliolo. Un “percorrido polo artista e a súa imaxe, o seu autorretrato, que nos transporta a unha realidade compartida pero vista desde outros ollos e vivida desde outros corpos”. O traballo de Isaac Cordal, “See, there’s silence here”, recoñece, en palabras da comisaria “un camiño introspectivo, no que a alternancia entre o visual e o sonoro burla a mirada habitual, transformándoa en mirada- oído”.
Pasade por Madrid, e aproveitade para ver as últimas obras que Almudena Fernández presenta na galería Astarté, camiño de Jon Mikel Euba na Soledad Lorenzo.
Máis no peto
A relación de citas expositivas que brindamos ó comeza non fai máis que acelerar a nosa intención (case imposibilidade) de pisar todas. Pasamos por Ourense, pasamos por Vigo, pasamos por Cambados, pasamos por Ferrol. Pasamos pola abstracción erosionada de Canogar, pasamos polo doce coitelo de Jorge Varela na mostra Adosados, pasamos pola pintura esnaquizada de Calapez no CGAC, pasamos pola plástica artesanal de Eva Lootz en Trinta, pasamos polo sushi de Alex Majewski en Ad hoc, pasamos polos caparazóns de Elena Gómez, pasamos pola arte contaminada de José Damasceno ou Adriana Varejao no MARCO ou pasamos polas liñas de Seoane dedicou á Torre de Hércules. Pasamos/pisamos.
Se quedades con folgos, podemos levar un anaco de Calapez á casa, xa que na tenda do centro atopamos unha tirada de gravados dunha edición de vinte. Unha iniciativa que ía comezar coa proposta colectiva Compostela, e que algúns agardaban inquedos para levarse outro anaco de “día solar” de Rubén Ramos. Non sei se é porque se achega Arco, pero volve a febre mercantil. Por certo, tamén podemos pensar que existe algo máis que Arco, e existe: a feira “DeArte Contemporáneo”. Outra cita feiral en aumento que vén de pechar as súas portas e á que asistiu unha galería galega: Borrón 4, de Cambados. Que vivan as estradas secundarias!