culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

As preposicións

Repetimos unha e outra vez: a pintura non está morta. A mostra “Sky Shout” demostra a verdade desta sentencia. Visitamos as salas do Auditorio de Galicia da man, dos pinceis e das contaminacións de moitos dos artistas seleccionados. Temos ata mediados de marzo para descubrir cantas mortes, suicidios e preavisos tivo a citada pintura. Bendita señora.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Pasaron anos nos que a pintura foi ferida de morte, anos onde se formularon centos de estratexias de caída ou de ocultamento. Foron tamén as épocas, máis que anos concretos, nas que a pintura escollía, a cambio, a loita directa, nada de retagarda nin avanzadillas esporádicas. A pintura ten a fortuna de ser unha disciplina, un xeito de artellar creación, con miles de anos de historia. Por iso, valores como o cambio e a mutación nunca foron identificados, a priori, con ela, polo menos nos primeiros saltos. Aí estivo o erro de moitas etiquetas. Falábase da ollada caduca, da ollada máis que madura e erosionada da pintura; pero as críticas centrábanse nos formatos, nos óleos e nos lenzos, pero esquecíanse dos autores, das mans e intencións que pensaban/imaxinaban en pintura. Aí perderon a batalla. Pero volverán, e pode ser que a gañen. Tamén na arte existe foras de xogo e cabalos de Troia; pode ser que un día, se cadra, non se pense.

Desvíos alterados
A pintura non está morta. Grita unha das obras que se presentan no Auditorio de Galicia na mostra “Sky Shout. A pintura despois da pintura”. Fiona Rae, autora da citada obra, foi unha das seleccionadas na polémica mostra “Sensation” —aquela de Damian Hirst, Sarah Lucas ou dos irmáns Chapman—, quizais unha das que con máis intelixencia e menos fala-barato soubo dixerir a novidade de ser artista-sensation. Esta obra preséntase na mostra ó xeito de elo ou eixo articulado, punto de fractura do itinerario. Pero o comisario da mostra, David Barro, pretende que antes volvamos ó comezo da exposición, onte xa se inicia a vontade de cambio e redefinición do valor pintura, que a propia selección de obras se encarga de asentar. A primeira das pezas vémola xa desde o exterior do Auditorio, incluso cando baixamos desde a Facultade de Empresariais, reflectida nas augas caldosas. Unha silueta dunha moza espida xira sobre si mesma nun movemento estrito e controlado; unha liña de puntos, luces de cores amarelas, nunha caixa negra, son os compoñentes pictóricos da obra de Julian Opie. A súa proposta indica esa primeira escala de caída da fronteira da disciplina e insiste no custe visual. Facemos un salto na mostra para atoparnos coa magnífica peza de Helmut Dorner, afincada nunha parede amarela de perfectas proporcións. Mentres deixamos ás costas ó idolatrado Gerhard Richter, sempre impecable, Dorner representa a pintura de polos cambiantes, a inestabilidade compositiva sen pensar en marcos nin bastitores. Un fondo, como dicimos, amarelo e outro vermello, gris ou verde, negro e branco noutras paredes. Cada unha das partes ou seccións polas que transcorremos na mostra foron tratadas como cadros/composicións de perspectivas. Tim White, Sam Samore, Herbert Brandl, incluso Helena Almeida, foron expostas atendendo ás súas chiscadeiras de relación espacial. O mesmo sucede co cadrado/habitación que forman a triada de obras de Jörg Sasse, Pedro Cabrita Reis e Álvaro Negro; liñas mínimas e exaltadas, acendidas e cambiantes, efémeras de luz e mutables coas cores das paredes. A escenografía da mostra queda perfectamente clara nesta composición.

Pigmentos exaltados
Que a pintura non está morta queda claro nas obras dos representantes galegos nesta mostra, o propio Álvaro Negro, Almudena Fernández e Tatiana Medal, que veñen demostrando, desde a súa xuventude, a premisa de cambio e experimentación da pintura actual en Galicia. Os cambios nas súas obras pertencen nos mesmos rexistros dos cambios internacionais; as súas dixestións do mundo da pintura, nunha centrífuga de variabilidades de formatos, cara ó vídeo, cara á fotografía e cara á expansión, pero tamén na transformación de resultados froito das contaminacións. A enerxía híbrida como no conxunto de fotografías de Tatiana Medal ou no equipo, nunca antes exposto, de libros-pictóricos de Almudena Fernández, libros mudos e libros que expulsan o seu valor textual, quedando espidos e valorados polos seu prezo pictórico; gran parte do traballo desta autora está máis que demostrado nestas pezas.

Nada de morrer, nada de resurreccións
Rematamos o itinerario, saíndo pola parte traseira, por detrás do pano da propia pintura, para volver a nutrirnos da ironía de Fiona Rae. Antes poñemos os graos xustos de historia ó argumento que imos percorrendo. Faltaba o ingrediente histórico. A peza videográfica de Naoya Hatakeyama, nunha reinterpretación lúdica das “Meninas” de Velázquez. Preséntase como o mellor que podemos ver arte actual, fóra de disciplinas. Un soberbio peche desta festa/drama da pintura. Antes de saír, percorremos os últimos centímetros de chan pictórico con outro mensaxeiro que atopamos atento, coas reflexións de Carlos Maciá, un dos más activos artistas galegos do momento actual que vive en Madrid, recente gañador do certame “Na Vangarda” e seleccionado no recoñecido certame “Generación 2005” de Caja Madrid. Todas as súas palabras demostran o “viviña” que está a pintura.

Rematamos cun novo aviso a mensaxeiros viaxeiros. Xa queda menos para Arco. Onte visitounos Rosina Gómez Baeza, directora da feira, acompañada de directoras e directores das galerías presentes nesta edición 2005: Ad Hoc, Bacelos, Marisa Marimón, SCQ/VGO e Trinta. Seguiremos a obras de Jorge Perianes, Cidrás, Carlos Rial ou Vari Caramés e, por fin, o anuncio de axudas por parte da administración pública para promoción das galerías fóra das nosas fronteiras. ¿Veremos moita pintura? ¿quizais en pecado de morte?

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org