culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Buscando vida no planeta Terra

A especie humana ven de pór unha cápsula de exploración en Titán, unha lúa de Saturno, co obxectivo de investigar a posíbel existencia de vida extraterrestre, e tamén para coñecer un pouco mellor a evolución do propio planeta Terra. Mais, antes de afondar nesta fascinante aventura espacial, podemos facernos unha pregunta obvia: no caso de que existira vida nun planeta... sería fácil de detectar?

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Os científicos dedicados á exploración espacial fixéronse esta pregunta hai tempo, para asegurarse que os cartos invertidos nesas empresas non se utilizan de balde; e fixeron un experimento coa propia Terra. É posíbel saber se hai vida na Terra desde unha nave orbitando ao redor noso? A pregunta pode parecer estúpida, mais resulta que é preciso achegarse moito a un planeta para poder detectar características tan específicas como a vida. De aí a enorme curiosidade que esperta entre os expertos a misión Cassini-Huygens, de aí a importancia de observarnos a nós mesmos.

A Terra fai de coello de indias
O científico planetario Carl Sagan relatou, coa súa coñecida habilidade, a experiencia levada a cabo no ano 1990 coa nave espacial Galileo, da NASA. Esta nave pasou a uns 1.000 Km da superficie da Terra e, cos datos que recolleu, os científicos xogaron a adiviñar se era posíbel identificar vida aquí abaixo. Supoñendo que estivese pilotada por seres ignorantes das características do noso planeta...podería detectar vida? Vida intelixente? O relato que sigue está baseado no de Sagan. Vexamos cómo farían uns supostos extraterrestres para explorar a Terra, da que non saben absolutamente nada...

No rango de luz visíbel o primeiro que se observa desde as alturas é un planeta con zonas marróns (continentes), azuis (océanos) e brancas; dúas destas rexións brancas están nos polos (casquetes polares), mais outras móvense continuamente por riba de todo o demais (nubes). Medindo a temperatura de conxunto, a partir da radiación infravermella que emite, descubrirase que na maiorías das rexións está por riba do punto de conxelación da auga (H2O, un material común en todo o Universo), excepto nos extremos brancos, que está por debaixo. Estudiando con máis detalle as diferenzas no espectro de luz emitida, os supostos extraterrestres poderían deducir facilmente que hai auga sólida nos polos e vapor de auga nas nubes. Ademais, esas enormes cantidades de vapor de auga servirían para deducir que a parte azul do planeta está formada por auga líquida, xusto a necesaria para producir tanta nube. Auga líquida! Toda unha novidade no Sistema Solar (Polo de agora. Parece ser que en Marte non é, ou foi, tanta novidade; alí tamén hai naves humanas explorando).

Demasiado osíxeno
Utilizando as propiedades da luz reflectida (ou sexa, seguimos a voltas co espectro de luz), pódese detectar a existencia de CO2 (anhídrido carbónico) e de O2 (osíxeno). Incríbel! Exclamarían os visitantes, na atmosfera deste planeta hai cantidades enormes de O2. Resulta que o O2 pode fabricarse a partir de auga e luz. A luz do Sol pode romper a auga (H2O) en osíxeno e hidróxeno, mais incluso con tanta auga non hai maneira de que as contas cadren; neste planeta (vamos a chamarlle Terra), hai moito O2. Isto animaría bastante aos visitantes extraterrestres, pois só se coñece outra maneira capaz de fabricar osíxeno a partir de luz e auga: a vida. Mais, de momento, só é unha posibilidade.

Vacas e sospeitosos seres verdes
Ao ampliar a visión da nave sobre as rexións sen auga (os continentes), e sen cambiar de aparato de medición (o espectrofotómetro) descubrirase que neste planeta hai, en xeral, dous tipos de superficies; unha moi parecida á doutros planetas, lúas e asteroides (unha ensalada variada de minerais e rochas), mais outra non tan típica: o análise indica que hai rexións inmensas dunha superficie que absorbe luz, moita luz. Será este estraño material o culpábel de producir tanto O2? Estará vivo? As cousas empezan a encaixar, a hipótese da existencia de vida colle forza. En concreto, este ente ten unha voracidade especial pola luz azul e vermella, deixando escapar o resto (os supostos extraterrestres están a observar a cuberta vexetal que é, claro que si, de cor verde, o tipo de luz que non é atrapado polo pigmento clorofila). Neste momento da viaxe espacial os visitantes terían argumentos para decir que neste planeta hai auga (H2O) que é utilizada xunto coa luz solar por un curioso manto verde, probabelmente dotado de vida, para atrapar o hidróxeno e liberar á atmosfera o osíxeno. Para que quererá o hidróxeno? (pois para formar, xunto co carbono do CO2, que tamén absorbe, moléculas orgánicas).

Hai, ademais, outro indicio que tamén apuntaría aos escépticos observadores a existencia de vida neste planeta, e é que, nese análise dos gases da atmosfera, tamén se encontrarán con gas metano. En principio non hai nada que relacione directamente ao metano coa vida, mais hai un detalle: este gas é incompatíbel cun ambiente con tanto osíxeno, xa que o osíxeno elimínao a grande velocidade. Hai, de novo, unha explicación alternativa: a existencia de vida que o produza en cantidades apreciábeis (de feito, o pouco metano que hai na atmosfera procede da actividade de, por exemplo, bacterias, cultivos de arroz e, tamén, dos peidos das vacas; non é broma).

Faros de intelixencia
Chegados a este punto os extraterrestres poderían volver ao seu planeta e contar que é moi probábel que na Terra exista algún tipo de vida (independentemente da química na que esté baseada. Atoparemos nós en Titán, grazas ao dúo Cassini-Huygens, información desta categoría? Niso estamos). Mais claro, esta suposta nave do relato de hoxe non leva só un detector de espectros de luz, senón que tamén leva aparatos para detectar outros tipos de radiación electromagnética; por exemplo, ondas de radio. Hai moitas actividades no Universo que as producen, como os campos magnéticos e os lóstregos (que existen tamén noutros mundos), e polo tanto pode ser unha información útil. E aquí ven a grande sorpresa para os extraterrestres que observen a Terra: este planeta emite ondas de radio con frecuencias constantes, a veces moduladas de maneira moi complexa.

Non hai nada coñecido no Universo, excepto a vida intelixente, que, até onde sabemos, poida producir tal cousa. Esa estrutura das ondas de radio é un indicio moi claro de vida intelixente (e, de feito, o estudio da estrutura das ondas de radio que nos chegan do exterior é a principal ferramenta que temos os humanos para buscar vida intelixente extraterrestre, como xa contei nalgún relato anterior).

Extra, extra!
Xa poden dar a noticia no seu planeta: case seguro que na Terra hai vida intelixente. Qué pinta terá? Será esa sustancia verde que se alimenta de luz e auga? Aínda que pareza mentira, para observar desde o ar indicios de vida intelixente na Terra hai que achegarse moito, ou inclusive aterrar (por iso tamén nos interesa aos humanos achegarnos todo o que podamos a, polo de agora, os planetas do Sistema Solar; a sonda Huygens caeu hai uns días en Titán con intencións deste tipo). Desde o ar, cunha resolución de 1 Km de distancia (cada pixel na pantalla da nave espacial correspondería a 1 Km), é imposíbel ver indicios de intelixencia na terra; non apreciarán os extraterrestres nin grandes edificios, nin canteiras, nin as pirámides de Giza... as liñas rectas que dan forma a esas construcións humanas teñen menos de 1 Km. Para poder observar os efectos da actividade dos seres intelixentes é preciso aproximarse máis, polo menos até alcanzar unha resolución de 100 metros, entón si que se apreciará, sobre todo, moitas liñas rectas (edificios, rúas, campos de cultivo, etc). Mais os seres vivos, os causantes de todo iso, seguimos invisíbeis para os estranxeiros (aínda que os supostos extraterrestres poderían pensar, antes de afondar máis, que os seres intelixentes son as autopistas ou os grandes edificios, inclusive un con forma de pentágono).

Para que a forma dos seres humanos (e outros animais de grande tamaño) se faga visíbel nos monitores dalgún suposto visitante extraterrestre é preciso que se acheguen moitísimo (ou que, por exemplo, amplíen moito o sistema de imaxe), tanto como para obter unha resolución de 1 metro. En realidade somos moi pouca cousa; a pouco que un observador se aparta da superficie da Terra, zas!, desaparecemos.

Que por qué enviamos unha nave a Titán, esa lúa de Saturno na que nas imaxes dos telescopios xa se ve que non hai nada?

Pois porque, ao mellor, é preciso achegarse máis. Quen sabe.


Bibliografía
Este relato é unha adaptación do capítulo “Hai vida intelixente na Terra?” do libro “Un punto azul pálido” de Carl Sagan.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org