Obras na maleta
Comezamos o ano cunha clara ollada retrospectiva á obra de Xosé Freixanes, que presenta os seus traballos na galería Trinta ata mediados de mes, pero desvirtuamos o relato, no final do conto, para rematar cunha aposta inusual, nestas entregas mensaxeiras, polo investimento en arte, na poesía ou na particular historia que garda calquera obra de arte. Curioso ou non; pero é tempo de compromiso.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Xosé Freixanes fai do seu traballo unha deliberada sensación de gran proxecto. Unha gran liña na que se atan todos os seus produtos dos últimos anos. Naturezas pictóricas de mestizaxe e hibridación que non lle son alleos. Despois de presentar a súa poética no Círculo de Belas Artes de Madrid, ou recentemente na galería May More, da mesma cidade, devolve a súa faciana cara a terra natal para amosarnos un traballo de gran carga poética. A poética pona o autor como se dunha estada intemporal se tratase; xa que a súa evolución non pasou por licuadoras nin por grandes reviravoltas, si por lecturas e visitas asiduas ós mundos externos. Non resulta casual que os seus días sexan lentos. Sempre foi Freixanes un pintor dos que se dispersan na ollada contaminada, sen desprezar o valor do diálogo, do encontro, pero nesa capacidade de busca case inconsciente de acadar unha icona ou un certo valor identificador. Sempre recordo a súa proposta para a Igrexa de Bonaval, hai dous anos, cunha gran alfombra de po de arroz e de lousa, a súa específica inventiva transformou unha realidade allea nunha visión próxima; só cun sinxelo manto de cor e intención. Tamén recordo o comezo da súa lectura de peles e corpos indios, con figuras femininas e ollos, e pés, e roupas diferentes. Poucos mitos e si moitas respiracións. Miradas calculadas e pernas que son ríos. O gran proxecto do que falabamos converte esta mostra nun exercicio de nova entrega novelada; uns traballos perfectamente recoñecibles, que seguen a mostrar un marcado signo cultural, de memoria e identidade comprometida co lugar.
Espazos híbridos
Na galería Trinta sempre temos que falar de espazos, de particións, como sucede no MARCO ou en Ad hoc. Na planta pola que entramos instalouse un mosaico de numerosas obras realizadas en papel sobre a parede. En fronte ó visitante, unha paisaxe fragmentada con flashes de cores e repasos. Á esquerda quedan outras de maiores dimensións, pero mantendo a realidade compartimentada. Cada unha delas, ou todas en conxunto, actúan ó xeito dunha gran emoción (insisto, gran emoción), con pequenas historias e grandes vestixios. O visitante percorre cada unha delas, unha cabeleira ó vento que logo é unha lagoa negra, un vello que ri ó carón dunha mancha azul ou as mans que se afanan en arrastrar a mel cromática. Outra de pés cun baleiro azul ou unha dunha vaca con cornos totémicos. Valores culturais.
Memorias e tempos en colaxes e composicións que dan lugar a unha nova paisaxe xa na planta baixa, onde segue o manto de papeis apuntalados á paredes e novos formatos agora en lenzos, máis referenciais. Nace a figura e nace a abstracción; nada de impulso. Novos escenarios onde non mudan os intérpretes nin as voces; aumenta a escala. Pero os traballos sobre papel gardan a esencia dos prototipos ou dos esbozos de escritorio, do tempo medido coa man, nun tramo de vista inmediato.
Un anaco de exposición
Gardar o tempo nun anaco, nun chaveiro ou nunha maleta e poñelo nas paredes da nosa casa. Calquera se sente identificado coa natureza humana de Freixanes. Por iso, e sen que sirva de precedente, hoxe quero invitar a investir en arte, en arte contemporánea. Sempre falamos de galerías, e só insistimos na súa capacidade de colector creativo, pero ademais son espazos comerciais, e falamos de obras como cargas creativas, pero esquecemos o seu valor ou compoñente como produtos mercantís. Resulta claro que cando falamos ben dunha obra, falamos inmediatamente de que é un bo (e posible) investimento; son cousas diferentes pero son aspectos completamente dependentes un do outro. Por iso, se recomendo as obras de Freixanes, sobre todo os debuxos, estou dicindo que son boas obras. Iso dígoo eu; sempre é unha cuestión de posicionamento e de palabras.
Xa que falamos de posible adquisición e ¿investimento? no ámbito da arte, estes días preséntase na galería Pardo Bazán da Coruña nunha mostra de evidente e lúdico título: Lanzadeira. Exposición que actúa de perfecto exemplo das direccións definidas polas estradas secundarias das empresas contemporáneas, do mesmo xeito que funciona a exposición de Antía Moure na galería Sargadelos de Monforte ou o certame de arte do concello de Cambre. O proxecto está organizado polo colectivo “Indaga”, e poderemos visitar ata o 16 deste mes. Visitar e, como falabamos, adquirir. Jano, Brais Rodríguez, Diego Herrera, Carlos Arrojo, Noemí Montes ou o colectivo Rei Centolo (coñecidos polos seus deseños de camisetas na súa tenda de Pontevedra) propoñen modelos asequibles de punto de saída da nosa colección. Prolongando esta inusitada iniciativa de invitación mercantil, tamén podedes pasarvos polos fondos de almacén de galerías como SCQ, Ad hoc, Marisa Marimón, Bacelos, Ana Vilaseco, Espazo 48, Paloma Pintos, José Lorenzo ou VGO, onde nomes coñecidos xunto a outros menos visibles ofertan produtos que podemos instalar enriba da cama ou ó carón da lámpada de pé.
Poñemos cartos sobre as plataformas da arte, poñemos algúns graos máis de implicación á nosa visita ou crítica ás empresas culturais. Pero todo é cuestión de tempo, de petos e de días; hai días que non queres levarte nada dunha galería.