culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Os 11 parágrafos

Rematamos o ano cunha ollada no sempre instalado retrovisor. Doce meses recollidos en once parágrafos, xa que nunca queremos rematar o último dos nosos capítulos. Veremos os máis destacables produtos de galerías, museos, centros e fundacións, pero tamén os nomes, moitos nomes, que durante este ano mostraron xeitos, algúns imaxinativos e arriscados, outros non tanto, de habitar a arte contemporánea.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Un
Rematan doce meses cunha libreta chea de notas e post it case sen ler enriba de catálogos colectivos e individuais. Remata con moitos nomes novos e moitos xa coñecidos que fixeron deste ano un escenario de perfecta visibilidade. Quixera falar das mostras que considero máis representativas do ano, pero tamén dos proxectos, das iniciativas, dos nomes e dos pequenos pasos da arte contemporánea en Galicia. Quixera. Ó final resultará un exercicio de loita entre as lembranzas de visitas, os catálogos e os centos de parágrafos analizando e rexistrando o que foi este ano que estamos a rematar. Diso vai o noso Atrapade o mensaxeiro.

Dous
Teño que comezar dicindo que nunca me sentín cómodo facendo grandes balances nin severas olladas ó pasado. Si me interesa, sen embargo, capturar as voces e tirar dos fíos que van quedando enriba do escenario. Si me gustaría, tamén, que as voces non quedasen nun contorno de grandes lugares, de grandes centros, e nin tan sequera no territorio galego, se non que se expandise o líquido da reflexión sobre outras realidades. Por insistir que non quede, temos que proxectar o noso espello lonxe do noso territorio; xente como Xosé Freixanes, María Ruído, Seve Penelas, Mónica Alonso, Tono Carbajo, Salvador Cidrás ou Antón Cabaleiro enténdeno á perfección e, desde diversas posicións, fano efectivo.

Tres
Despois de borrar dous comezos deste parágrafo vexo que o máis sinxelo e transparente será falar dalgunha das expos e iniciativas que tiveron lugar este ano. E falar, tamén, das non exposicións e das non iniciativas que non tiveron lugar este ano. Por comezar con alguén: falamos da nova sede que a galería Ad hoc abriu en Vigo, na rúa Durán Loriga, xerando unha parcela, mínima pero a estudar, doutras galerías e o MARCO, máis aínda coa nova reapertura do Espazo Anexo, onde podemos atopar estes días o proxecto “Eu, Museo” e a pasada instalación de Ángela de la Cruz. Entre as exposicións da citada galería sobresae a de Carme Nogueira, baixo unha fascinante etiqueta de Refuxio. A súa pretensión mínima, de certa resistencia, fai desta unha das mostras do ano. Seguindo coas galerías sobresaen moitos dos produtos de Trinta, especialmente o de Xesús Vázquez e o aínda presente de Xosé Freixanes. Na galería VGO a mostra de Almudena Fernández e en SCQ as de Tatiana Medal, Jorge Ribera e Leiro; deste último, sobresae a mostra presentada na Fundación Granell e a interesante intervención no Pavillón de Cristal no Parque do Retiro en Madrid. Da galería Bacelos destaca a mostra de Jorge Núñez, un autor imaxinativo que presentou as súas obras tamén na galería Sargadelos de Santiago. Neste último espazo resalta tamén a mostra de Silverio Rivas polo esforzo de autosíntese do seu traballo. Clérigos coa mostra de Carlos Maciá ou Marisa Marimón coa Película de Pel e Efraín Almeida quedan como pretextos de achegamento a recrear unha arte contemporánea desde esas cidades.

Catro
Outra cita importante foi a presentada pola entidade Caixanova no seu Centro Social, facendo un percorrido pola arte latinoamericana do século XX, na súa liña de colaboración co Museo Reina Sofía. Dentro das mostras da Fundación Barrié sobresae, sobremaneira, a de Iconos da fotografía. Desde a Fundación Caixa Galicia salientar as mostras “De Guerquino a Cánova”, a colaboración coa Fundación Thyssem, a de Jean Gaumy e o proxecto Latitudes, de achega á creación actual en Galicia (non por ser autor cómplice quero deixar, deliberadamente, de citar unha iniciativa que considero necesaria).

Cinco
No MARCO citaría a reapertura do Espazo Anexo, e as mostras “The last picture Show” e “A creación do necesario”, a primeira por poñer no plano galego novas liñas posibles dentro da fotografía e a segunda por permitir abrir un camiño de investigación e resultado no ámbito do deseño en Galicia. Dentro das mostras que o CGAC presentou este ano sobresae a de Nancy Spero e o proxecto “Compostela”, onde destacaban os traballos de Gunter Forg e Rubén Ramos Balsa. Esta última enmarcábase dentro dos actos do Xacobeo’04. Dentro deste proxecto cultural quedou a mostra sobre Arte Persa, a Exaltación das Artes, a de Cristina García Rodero e a intervención de Manuel Ruibal no Campus Norte de Santiago.

Seis
Dentro das mostras do Auditorio de Galicia sobresae a itinerancia sobre o corpo promovida desde a entidade Caja Madrid; entidade, esta última, que pechou este ano a súa sede no Palacete Mendoza de Pontevedra, lugar onde asistimos ás mostras de Juan Ribas ou Isaac Cordal. Seguindo as mostras dos museos, no Provincial de Lugo destacou “Excéntricos” e a colectiva lucense “Ars Moenia” e no MACUF a de Eduardo Arroyo ou Oteiza, o ano no que o Guggenheim lle dedicou unha importante e recoñecida retrospectiva.

Sete
Foi o ano da Manifesta de San Sebastián e de bienais, coincidindo coa edición da primeira Bienal de Arte Contemporánea de Sevilla, onde atopabamos o noso Virxilio Viéitez. En Galicia asistimos a unha edición moi criticada da Bienal de Pontevedra, onde se incluíron os traballos de Suso Fandiño, Rubén Ramos Balsa, Almudena Fernández e Mónica Alonso, e a cita —despois dun ano de retraso— da Mostra Unión Fenosa nunha renovado espazo do MACUF. Foi tamén o ano dun dos certames máis imaxinativos e arriscados, IFI, que vén recollendo logros nas últimas edicións e, desde Ourense, do proxecto que segue a madurar do Outono Fotográfico.

Oito
Varios son os casos individuais reseñables neste ano: o protagonizado por Rubén Ramos Balsa con citas fóra de Galicia na galería Fúcares e na galería Mario Sequeira, Diego Santomé coa mostra individual no ARTIUM de Vitoria e Álvaro Negro, con catro mostras, na Fundación Laxeiro, nas galerías Marisa Marimón e VGO e a súa inclusión no proxecto Latitudes II, xunto con Almudena Fernández; autora, esta última, que tivo unha exultante mostra na galería VGO. Pero tamén foi o ano de Maribel Castro, Victoria Diehl, Noemí Otamendi, Mar Vicente, Eduardo Valiña, Antía Moure, o citado Antón Cabaleiro —con varias citas expositivas—, todos os autores participantes no proxecto “Eu, Museo”, Manuel Eirís, Jorge Perianes ou Félix Fernández, que vén de presentar os seus traballos nunha serie no canal de televisión “La Otra” de Madrid.

Nove
Foi un ano tamén de carencias. Un ano no que se segue a notar a falta de máis iniciativas e proxectos de achegamento á arte actual galega, incluso ós novos artistas. Máis certames e máis mostras na liña dos ciclos, xa pasados, Malas Artes, Miradas Virxes ou Procesalia. Comezan novas andainas, como o proxecto “Alterarte”, promovido desde o Campus de Ourense, e seguen a reforzarse citas de promoción como a de Novos Valores da Deputación de Pontevedra, o Premio de Artes Plásticas da Deputación de Ourense, o Cambre, o Auditorio de Galicia, o minoritario pero notable de Comarcas do Sar ou o recente, renovado, Na Vangarda, promovido pola Consellería de Familia e Xuventude. Pero seguen sen aparecer espazos de factoría e de produción, mostras que falen de proxectos, ou experimentos na liña de Hangar ou Arteleku.

Dez
Si foi o ano da cita dalgúns artistas e algúns críticos na Illa de San Simón —todos veremos como prosegue—, a viaxe ó Museo de Valdivia de Mónica Alonso e de Vicente Blanco ó Espacio UNO do Reina Sofía, a apertura do MUSAC de León nas portas xeográficas de Valdeorras, o da desaparición da revista Guía dos libros novos e a aparición dunha nova publicación periódica, o xornal Artnotes. Tamén foi un ano de cambios na Fundación Luis Seoane, coa nova dirección de Silvia Longueira. Tamén foi o ano da chegada dun novo goberno socialista a nivel nacional, que trouxo o criticado cambio de dirección do Museo Reina Sofía, pasando de Juan Manuel Bonet a Ana Martínez. Foi e é o ano da creación do Instituto de Arte Contemporánea (IAC) nunha iniciativa pioneira e sobresaínte que todos debemos apoiar.

Once
Rematan estes doce meses coa morte de Susan Sontag e de miles de seres humanos vítimas dun maremoto en Indonesia. Caen todas as banalidades, todas as reflexións, como a auga nun cesto.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org