Museo, con M de motor
Aproveitamos a mostra “Eu, Museo” que nestes días se presenta no Anexo do MARCO, reflexionando sobre o feito museo, para visitar a nova empresa cultural que vén de inaugurarse en León, o MUSAC, realizado polo equipo Tuñón e Mansilla, que curiosamente visitaron o Consello da Cultura Galega a pasada semana con motivo das xornadas “A arquitectura desde Madrid”.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Tiña, antes de comezar este relato, unha idea clarísima de que ía falar só da nova inauguración do Museo de Arte Contemporánea de León (MUSAC) o pasado venres. Aínda máis, tiña claro que era o acontecemento destes días. E, sobre todo, tiña claro que sería un acontecemento dos próximos meses, en termos de relacións cos axentes creativos do territorio actual. Pero nada diso resultou ó final, ou si. Xa que cada vez que me achegaba á súa realidade, moitas razóns me dirixían ó noso contorno. Cada vez que un intenta falar dun novo museo, fálase do que debe ser, e das súas culpas e virtudes. Pensamos e programamos formas de musealización ou, polo menos, así visitamos a mostra “Eu, Museo” no espazo Anexo do MARCO, pensando no MUSAC ou en calquera outro centro, e viceversa, rebotándose cada vontade de posibilidades.
Terras de paso
O MUSAC é o novo museo que o goberno da comunidade de Castela e León vén de inaugurar na cidade de León, unha localidade sen centro de arte e que se une ás iniciativas do Museo Patio Herreriano de Valladolid, o Domus Artium 2002 de Salamanca (pasada CASA, pechada por cuestións políticas) ou o Museo Esteban Vicente de Segovia, dentro das dirección públicas e o Centro de Arte de Burgos (CAB) desde as privadas. Oito provincias ocupando un gran terreo sen mar apertado polo mosaico de moitas outras comunidades e un país; un cruce ou gran paisaxe de paso. Unha xeografía atravesada por un gran río que olla a Portugal e unha gran estrada nacional que comunica o centro da península co noroeste, única vía de comunicación real de Castela e León con Galicia, á espera dun, tamén, gran AVE. Co seu territorio sucedeu como co norte de Portugal, nunca era unha escala de visita. Agora o contorno está a variar, coa nova inauguración do MUSAC, esa dirección, esa terra que acumula esforzos culturais, serve de espello inmediato no que pasear. Así queremos velo, no seu litoral noroeste, xusto onde toca o noso telón do grelo.
A relación de Galicia, nas zonas fronteirizas, con esa área de Castela León é evidente, é algo incuestionable; detéctase na numerosa transacción económica e mercantil da comarca de Valdeorras, vía de entrada natural na xeografía galega. Agora toca que nesas direccións tamén se faga un oco ás liñas culturais, non moi abundantes nesas latitudes ourensáns nin lucenses. Falamos en máis dunha ocasión da necesidade de crear redes de comunicación; agora é un bo momento para reinventar unha nova autoestrada cara ó interior xeográfico, unha liña que complemente a que durante estes anos trazamos pola costa atlántica, desde a Coruña ata Lisboa, pasando por Santiago, Vigo e Porto. Esta é unha oportunidade perfecta; poñer escalas á sempre recoñecida viaxe cara á meseta.
Pois ben, como indicaba ó comezo, canto máis escribo estas palabras, máis penso en grandes preguntas e en interminables contradicións. Falamos de museos, e non penso nun organismo que sexa grande polo número de visitas que veñan rebotadas doutros museos ou centros, nin tan sequera penso nun museo que se faga máis importante ollándose no espello do próximo. Non. A institución museística debe de relacionarse co seu contorno inmediato, ollando no espello da súa xente, dos diversos axentes que o visitas a diario, ou a sociedade que mira a súa fachada e non quere ou non lle importa entrar a coñecer as súas entrañas; e pola contra si que entran no centro de saúde ou na oficina do butano. O museo ten que ser útil, se non, non vale a pena inverter nel. Pensar no MUSAC e intentar relacionalo co CGAC ou o MARCO é unha tarefa tan inútil como innecesaria, cada un ten a súa área e, sobre todo, cada un ten o seu día a día, os seus problemas e obxectivos. Ollamos cada proxecto da mostra “Eu, Museo” e entendemos parte destas grandes contradicións.
Un museo posible
O MUSAC, iso si, está facendo todo o posible para facerse útil, para converterse nun lugar que nace desde o valor práctico. Trátase de facer un gran contedor pero tamén un gran contido. Sempre estamos co mesmo, pero por moito repetilo, nunca resultan palabras baleiras. O equipo Tuñón e Mansilla, encargouse do seu proxecto arquitectónico; recoñecidos especialistas en proxectos museísticos nos que sobresaen os museos de belas artes de Zamora e Castellón e a nova sede da Fundación Barrié en Vigo, aínda en construción. Tamén deseñaron o próximo concello de Lalín; un achegamento territorial deste equipo que se detectou na súa participación nas xornadas A Arquitectura desde Madrid, organizadas pola Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega.
O gran motor dos contidos arrancou hai máis dun ano, para que, unha vez inaugurado, xa fora polo menos na terceira marcha, e subindo. Varios son os elementos cos que se comezaba a traballar; por un lado a selección dun equipo de bolseiros de Creación Artística, entre os que atopamos o coñecido artista novo Ángel Núñez —presentou as súas arquitecturas utópicas en Sargadelos e Bacelos— e outros de Xestión Cultural. Por outro lado, atendeuse con gran dedicación á creación dunha colección, a establecer as bases do que podería ser unha adquisición lóxica dos fondos do MUSAC, nun proxecto denominado Files, coordinado por Octavio Zaya, recoñecido crítico e comisario. Incluso o propio nomeamento desde hai tempo do seu director, Rafael Doctor, é un xesto máis de transparencia e efectividade impropia en moitos casos relacionados coa xestión cultural desde a política. Que tampouco é xesto de eterna seguridade.
Non hai moito que dixen que o museo xa non era un problema, pero, polo que levamos falando del, parece que, polo menos, unha dúbida, unha gran pregunta, segue a ser. Pasamos polo MARCO, desviamos a dirección cara ás súas costas e atopamos o novo espazo Anexo, onde nestes días se presenta o proxecto Eu, Museo. Non temos nada máis que analizar cada unha das propostas para darnos conta de que o feito museo segue a ser unha incertidume. Pasarse polo MUSAC, agora aberto ata o 4 de xaneiro sen exposicións, pode servirnos para analizar o seu presente e para poñerlle dentro todas as preguntas, cuestións e demais títulos; pero, sobre todo, os que teñen que pasar e pinchar os seus intestinos e corazón son os lucenses, porque para eles está feita esta nova empresa. MUSAC, que teñas moita sorte.
http://www.musac.org