culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Participa do noso

Capturamos hoxe non un mensaxeiro agochado nunha mostra, senón ó actor falando da súa propia sombra teórica. Falamos de Diego Santomé, que participa no proxecto de charlas de novos artistas do colectivo Ícaros, e que se desenvolve esta semana no edificio Simeón da USC. Repasamos as súas pegadas creativas, sempre suxestivas, mentres paseamos pola mostra “As volvoretas queren voar” na galería Sargadelos.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Falabamos de novos refuxios os pasados sete días, falabamos de obras, como as de Carme Nogueira, que saen prolongadas como as voces ou as proclamas xustas. Obras que non existen sen antes facernos miles de preguntas, miles de dúbidas. Seguimos a pensar nas súas intervencións, quizais en cada intre que localizamos luces da mesma intensidade e carreiras tan programadas e pensadas como a citada. O mesmo sucedeu na exposición "As bolboretas queren voar" na galería Sargadelos de Santiago, con fotografías de Javier Iglesias e textos de Lupe Gómez; na mesma dirección que as sentencias pasadas de Luísa Villalta e Maribel Longueira no Museo Municipal de Ourense. Percorría a mostra agardando refuxios no mar da sociedade, e atopaba heroes, moitos heroes. O refuxio quedaba na ollada dunha xitana, na pedra e no escaparate de lume, no perfil da sombra que traza o relato fronte a unha fotografía e no intenso zume que Lupe impón nas súas prosas, fortes como tesoiras rachando a tea do social.

Lupe Gómez é unha desas autoras que sempre imaxino nun prolongado paseo, sempre escribindo, ollando aos lados ó tempo que inxecta letras nun papel. Aos lados quedan xentes, nenos e cans, asfalto e moreas de cores humildes; sempre a imaxino baixo un azul eléctrico, un "Azul estranxeiro" remedando o título do libro co que vén de gañar o último Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. O seu traballo, a súa implicación, nesta mostra serve de andamiaxe ás imaxes de Javier Iglesias, serve de voz pintada e ollos-letras. Esa mesma progresión da obra cara á súa teoría, a súa inteprertación, sen paladear a Susan Sontag, detectámola na charla que Diego Santomé pronunciou no ciclo de conferencia que organiza o colectivo Ícaros no edificio Simeón da USC; nestes días poderemos escoitar tamén a Patricia Dopico, Suso Fandiño, Álvaro Negro ou Rubén Ramos Balsa. A mensaxe é mínima e rotunda: poñerlle millerios de conclusións, pedagóxicas e claras, a unha obra, facer que exista, que siga a latexar despois da dose de veleno que lle impuxo o museo ou a galería.

Obra-proceso
A obra de Diego Santomé, da que xa falamos noutras ocasións, seguímola baixo un ceo de proxecto, de obra aberta, en progreso. Seguímola na mostra Indisciplinados no MARCO e na galería Bacelos, en Arco ou na pasada exposición A Arañeira no CGAC. Sempre intento ver a Diego nun estudo que fusiona o máxico e o real, o práctico e o utópico; nun presente empregando os medios da súa contemponeidade, os seus, os de todos, do mesmo xeito que o ámbito do cine ou da música. Non resulta casual que sexa nestes dous escenarios nos que comeza a ser solicitado con proxectos dos que seguro falaremos. A súa pretensión de buscar miles de preguntas e dúbidas faino prolongar os tempos de resolución das súas obras; el mesmo di que segue a abrir moitas direcións teóricas porque non sabe como pechar as obras. Esa mesma idea de non remate, de ironía máxima, de provisionalidade, tecnolóxica e persoal, é o que fai del un dos máis atractivos autores da paisaxe da arte actual a nivel peninsular.

Recollemos os seus traballos, os que agora mesmo está a preparar para o centro de arte de Salamanca, e atopamos as súas inquedanzas, a vontade de invención continua, de gran dúbida e vacilación, as innovacións técnicas sorprendentes e as fortes doses de vinculación práctica co público. Diego quere que a súa obra sirva, sexa útil; case como unha axencia de publicidade ou de promoción. Todo ó servizo dos espectadores, dos lugares, verdadeiras dianas dos seus obxectivos. Propostas abertas, nunca imaxinadas como pezas, como “Pasen e vexan” que incide na interactuación co público, empregando un teféfono móvil, a curtametraxe experimental “Proxecto nº 5” ou a obra “Fundación Diego Santomé”, que funciona como unha entidade aberta e en progresión, unha peza que evoluciona en cada exposición na que se presenta, do mesmo xeito que se alimenta un museo ou unha colección.

Atrapar a súa sombra, a súa etiqueta, parece tarefa improbable, porque cada unha das súas intencións-proxectos levan a mensaxe de autoalimentarse coa seguinte intención-proxecto. A lección é doada: agardar unha nova entrega. Se tes un problema ou queres implicarte en máis dúbidas, podes contactar coas súas obras.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org