culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Pausas do meu espazo

Pasarse pola exposición que Carme Nogueira presenta na galería Ad hoc de Vigo é sorprenderse cun exercicio de intelixencia e impecable lectura expositiva-teórica. Un novo xesto espacial dunha das artistas máis interesantes do panorama galego actual.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Existen lugares de presenza, lugares onde existir e lugares nos que non habitar. Existe o lugar ó que non queremos poñer nome e aquel que reve memoria sen pausa, sen control. O lugar é un terreo, é presente e pasado; un tramo de varios pasos ou de milleiros de segundos sen parar. O lugar faise e a sociedade ponlle apelidos; relaciónase. Carme Nogueira vén de presentar a súa particular ollada ó seu lugar, tempo despois de presentar os seus traballos na Bienal de Pontevedra de hai uns anos (nunha das mellores edicións), despois da súa participación no proxecto Procesalia e de poñerlle corpos alleos na súa última exposición no anterior enderezo da galería. Nesta mostra, que agora visitamos ateigada de amigos e despois de pasearnos polas pinturas-mobles de Ángel Ricardo Ríos na planta baixa, insiste nun dos temas da súa traxectoria, a recreación de espazos, a transparencia de significados entre comportamentos persoais e plasmacións físicas. Carme púxolle un título a esta paisaxe de dúas instalacións e dous vídeos, chamoulle O refuxio. Moito de espazo refuxiado ten esta exposición, de caixa baleira con novas caixas tamén baleiras nunha crítica murmurio ós tempos da arquitectura e dos seus posibles resultados de realidade. Cada un de nós somos arquitectos, polo menos coñecemos mellor o novo hábitat, o pulso da nosa vida. Os seus son “refuxios emocionais que construímos para defender unha postura persoal, para manter unha distancia crítica, un lugar propio” e que “tamén transforman o contexto social no que se localizan”.

Tempos refuxios
Hai tempo, máis do que imaxinaba, que descubrín que as boas exposicións non son aquelas que se inventan, nin as que deixan regueiros de pólvora, e tampouco as que quedan detrás das portas pechadas. Non son exposicións as que quedan sen falar ou as que vagabundean só na teoría. As boas exposicións, as de verdade, non se intúen, respíranse e pálpanse desde a enerxía de querer contar algo. Cando abrimos un libro ou prememos a televisión queremos que exprese, cando menos, un mini relato, pero dos que merecen a pena. Carme Nogueira entende esta premisa á perfección. Entende o feito expositivo como un micro apéndice de cada un de nós, un elemento, unha parte, máis que un obxectivo, máis que un pretexto. Unha lanza, un bolígrafo, unha caixa. Unha vontade, un desexo, un papel no presente. Por iso, volvemos ó comezo desta historia de catro parágrafos e dúas liñas, unha exposición nestas ocasións é máis que un lugar, un sinxelo e significativo lugar onde trasladar o noso refuxio.

A súa reflexión sérvemos de descanso dentro dunha das súas lenes pero contundentes arquitecturas de cartón. Nada de vivenda imaxinada nin de literatura baleira reside neste enderezo; máis unha deliberada anarquía de ocupación do espazo que, en palabras da habitante Carme, “non é simplemente unha resposta estética ou funcional, significa unha forma política de ocupar o espazo. En realidade trátase dunha “in-corporación”, un facer do espazo parte do corpo, que creza de xeito paralelo ás súas necesidades, de xeito orgánico”. Este crecemento “non regularizado, non ordenado”, traslada o seu traballo a reflexión propias do hábitat, da nosa arquitectura incorporada, recreada nos mínimos da realidade humana. Un espazo/contorno social ilimitado. “O modo de comportarse, mostrarse, resistirse, crea espazos propios que non se poden ver, pero que habitan o contorno. In-corporan actitudes que lle dan forma a un novo espazo, unha forma de vivir que é, en certo xeito, un "refuxio" no espazo social. Espazos persoais que funcionan dun xeito similar a esas formas de habitabilidade que denominamos arquitectura popular”. Volvemos a lecturas pasadas e a reflexión de Carme emparéllase coa que Pedro de Llano fixo sobre a nosa arquitectura popular, e sobre todo coas a que formulou das arquitecturas adxectivas. Construcións anexas sinxelísimas de entender: as que aparecen e se estenden unidas á matriz-vivenda e existen só nos momentos de necesidade económica ou social, nun crecemento lóxico. O seu paralelismo cun comportamento humano é esmagador.

Refuxio-tempo
A pausa no seu lugar ten historias que todos queremos escoitar. O refuxio ten esa capacidade de inventar un espazo no que sempre existir ou non, un lugar no que sobrevivir ou non. Letargo ou pausa. Tempo e futuro. Aquí nace ese novo referente, o corpo incorporado no tempo. Poñemos o corpo nun refuxio para deixar que a cronoloxía siga a xirar fóra mentres contamos os nosos tempos interiores; lle poñemos pausas á causa do noso illamento ou lugares-caixas para encher con novos sentidos. Carme fascina desde a sinxeleza, na construción (insisto, na propia creación dun refuxio) de estruturas que instala e dispón na galería. Aproveita a sala inferior da galería, a que posúe tamén unha entrada posterior a unha escura e secundaria calexa, cunhas mínimas e contundentes instalacións: dúas videoproxeccións e dúas fotoinstalacións perfectamente interrelacionadas. Dúas estruturas realizadas por caixas de cartón que reciben a propia pel da fotografía ou da imaxe-luz. Entramos no interior dunha das estruturas-refuxios e atopamos o baleiro do lugar sen nomes, do almacén sen produtos. Un lugar das posibilidades, abstracto. Un espazo destinado a poñer todos os nosos sentidos boca abaixo, etiquetalos pola súa función-pulsión nesta sinxela reacción de moitos graos de refuxio para nós mesmos.

Unha exposición realizada cos mínimos do cartón e das caixas baleiras. Unha mostra, insisto, que todos debiamos visitar, polo menos para arquitecturizar o noso particular refuxio. Grazas polo lugar.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org