culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

¿Cal é o teu corpo?

Comezamos con Sandro Chia e a súa exultante expresión de cores e mitoloxías no Centro Cultural da Deputación para examinar a mostra que sobre o corpo se presenta no Auditorio de Galicia, nun atractivo retrato polos xéneros da representación nun “travelling” que rodea as moitas ideas que sobre o corpo hoxe atopamos na arte peninsular.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O corpo tradúcese, no mundo da arte contemporánea, antes de ser presentado. Intúese antes de evidenciarse. Somos partes implicadas nesa historia, coñecemos o seu camiño. Un corpo é todos nos, é toda a sociedade. Pero sempre queremos admiralo como un experimento, un pretexto de experimentación desde o eu privado fronte ó eu colectivo. Poñemos o exemplo da figuración de Sandro Chia, sempre desde una imaxinería emocionada e preñada de anatomías. Corpos e máis corpos que son antes heroes que humanos, que sofren desde unha dignidade dionisíaca. Heroes que dominan un lugar, que se impoñen fortes e hieráticos con liñas negras e estadas de pintura barroca; sinuosos os seus corpos e incluso as cores tocadas pola pátina da auga. Fondos simbolistas ou chamas fauvistas, vermellos e amarelos deliberados e pregues aínda húmidos son os argumentos dun artista dos ben coñecidos que evolucionou amarrado fortemente á súa idea de corpo histórico nunha paisaxe ideal. Figuras que entroan lenzos, un gran cristo-pintor, un San Sebastián ou calquera santo que sobrevive ó martirio e sorrí nun escorzo inusitado.

Un pintor que se ampara nas simboloxías puras ou impuras que se adhiren nos corpos sen preguntar case un porqué. Do mesmo xeito que Baselitz, quizais máis acertado neste caso, ou como sucedera coa vangarda do expresionismo alemán, Sandro Chia aventúrase na apaixonante e, para el, tremendamente divertida tarefa de facer escultura. Esculturas-figuras que entroan o espazo como grandes santos, dialogando e facendo conxunto coas pinturas, ás que as aperta como fillos, quizais máis ebrios e dispersos, máis barrocos. Un escenario de exaltación é onde o propio pintor, que se crucifica nun cadro, sente a súa verdadeira liberdade creativa. Igual lle sucede, curiosamente, a Julian Schnabel.

Historias nosas
Nada emparenta a visión que Sandro Chía tenta inculcarnos de heroes e grandes fazañas desde o persoal-divino coa mostra sobre o corpo que vén de inaugurarse no Auditorio de Galicia. Ou si. Mudan as etiquetas e os bolígrafos. O conxunto das obras, instaladas na sala de exposicións, son produto dunha itinerancia da entidade Caja Madrid que comezou na Sala Alcalá 31 de Madrid. Pezas que naquel espazo funcionaron perfectamente e que non perden efectividade no traslado, adaptadas ó novo enderezo dun xeito moi efectivo. Dúas son as satisfaccións desta mostra, a selección das obras, realizada polo coñecido crítico de arte José Marín-Medina, e a propia expansión ilimitada de temas das pezas.

A dispersiva temática destes “xéneros” de representación queda perfectamente exemplificada nas obras de Cidrás e de David Trullo. Partes dunha mesma narración, o corpo, que adquiren unha resolución desde ausencia ou a presenza. O privado e o público; o lugar e o contexto. A peza “Quero ser coma tí” de Salvador Cidrás, cun gran protagonismo espacial nunha agradecida exixencia xeográfica, enlaza coa liña última de traballo deste coñecido autor, de reflexión desde a implicación do corpo nun lugar público. A atracción, deliberada, chega da man do sempre imaxinativo colectivo El Perro, na entrada da mostra. Nesta ocasión oferta ó visitante a posibilidade de entrar nunha cabina de seguridade. “SOS. Segurity on site” permite que poidamos resgardarnos dunha posible ameaza seguindo unhas doadas instrucións nunha crítica da sociedade actual. Esta obra representa unha das variantes da mostra, a reflexión corporal desde o obxecto, desde a ausencia da pel e da carne, sucede coa citada peza de Cidrás, formada por uns cascos de motorista, e exemplifícase á perfección no balancín de David Rodríguez Gimeno. Unha peza na que o propio artista se monta e fai xirar nun programado movemento e que agora persiste dominando o lugar como un vestixio dunha acción corporal, descansando nunha ameaza incontrolada.

Rexistrar o noso corpo
A seguinte vertente que debuxa a mostra é a que mellor dispersa a tese expositiva sobre os xéneros. Agrupamos un número de obras, onde falamos dunha certa busca de identidade, colectiva e individual, de integración pública ou de reconstrución privada. De novo un colectivo, “La cabeza caliente”, ofrece a lectura do corpo desde a pureza da liña, cunha gran débeda da banda deseñada e o graffitis, enriquecida nunha divertida busca de decomposición pedagóxica, case de médicos sen pudor literario sobre paredes de papel viaxeiras. Obras como as de Germán Gómez González ou Mariela Cádiz retratan o corpo diseccionado desde valores temáticos máis previsibles mentres que a inmolación de Javier Núñez —agora é tempo de inmolacións, non de heroes— ou o traballo do colectivo Behold publican novos xeitos de representación. Behold achégase sen pudor ó ámbito da moda, como fixo Alicia Framis, nunha contaminación deseñada e fortemente produtiva. Nun final case evidente está o traballo de David Trullo, nunha reflexión sobre a vida atrapada na intimidade hixiénica dun cuarto de baño; o relato que remata no ámbito cotiá, na topografía con nomes e apelidos.

Debuxos, fotografías e imaxes en movemento. Percorremos o corpo, o noso corpo humano, como invadindo un mapa coñecido. Poñemos a orixe, próxima, na propia pel espida e rematamos nun espello no que atopamos moitos temas, o ideal directo, o medo ou os desexos e obsesiones de sentirnos partes dun contorno. A mostra do Auditorio tenta poñerlle vías de reflexión ó que cada un de nós vai atopando fronte ó espello. ¿Cal é teu lugar? ¿Onde instalas o teu corpo?

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org