En busca dunha explicación neurolóxica a certas habilidades místicas
As experiencias místicas que moita xente alcanza mediante a meditación ou o fervor relixioso están entrando no campo da ciencia. Son o resultado de procesos psicolóxicos inexplicábeis ou, pola contra, simples trastornos mentais? Poden conseguirse eses estados mentais mediante o adestramento? É posíbel encontrar a espiritualidade nalgún recuncho do encéfalo? Os científicos, botando man da tecnoloxía e tamén dalgúns místicos, pensan que poden dar resposta a moitas desas preguntas.
Hai uns cantos artigos describín unha xuntanza que tivo lugar no Massachusetts Institute of Technology (MIT) –á que tiven a sorte de asistir- entre científicos e monxes budistas. O obxectivo era compartir experiencias e falar de amores e desamores entre relixión (en concreto, Budismo) e ciencia. Unha das decisións que se tomou, co apoio dun encantado Dalai Lama, foi a de estudar a actividade do cerebro dalgúns monxes mediante o rigoroso método científico. Tratábase de coñecer se os monxes, a través desas longas xornadas de meditación, chegan a estados mentais distintos dos normais; de medir, ao fin e ao cabo, a electricidade do misticismo.
O laboratorio do Lama
A proposta non caeu en saco roto: acaba de publicarse o resultado dese experimento na prestixiosa revista PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences). Chama a atención iso de ler, nunha separata científica, que os suxeitos dun experimento sexan budistas que levan practicando as “tradicións Tibetanas Nyingmapa e Kagyupa por períodos de tempo de 10.000 a 50.000 horas”; e tamén resulta curioso ver, na sección de agradecementos, un recordo a “Súa Santidade o Dalai Lama”. En ciencia, normalmente, os suxeitos son moléculas, algas ou ratas; e os agradecementos van para os técnicos de laboratorio e algún que outro colega.
Pois resulta que o profesor Richard Davidson, da Universidade norteamericana de Wisconsin, marchou ao cuartel xeral dos budistas en Dharamsala, India, a estudar a actividade eléctrica dos cerebros destes individuos cando se encontran baixo un estado de meditación chamado de “compaixón pura”. Os electroencefalogramas (EEG) resultantes, comparados cos de monxes novizos –con pouca práctica nesa meditación- resultaron espectaculares: a meditación produce nos monxes un incremento, nunca visto antes na literatura científica, na amplitude e sincronización dun tipo de actividade cerebral: as chamadas ondas gamma. Estas ondas están directamente relacionadas cos procesos afectivos e cognitivos, de tal xeito que os científicos cren que “o adestramento mental pode levar o encéfalo a niveles maiores de consciencia” (signifique o que isto signifique).
Visión occidental
Esta experiencia científica é unha das poucas que demostra que é posíbel modificar a función e as capacidades do sistema nervioso humano simplemente…pensando; ou, mellor dito, non pensando en nada e concentrándose nun estado de “bondade e compaixón incondicional”. Xa postos a falar de curiosidades, resulta interesante que un dos medios que primeiro anunciou esta investigación foi o “Wall Street Journal” no número do 5 de novembro; probabelmente aos “brokers” non lle vería mal algo de “bondade incondicional”. Ou ao mellor os deportistas da Bolsa de New York están pensando noutra cousa, xa que o artigo remata así: “Isto abre a sedutora posibilidade de que o cerebro, como o resto do corpo, poida ser modificado de maneira intencional. Igual que o aerobic perfila os músculos, o adestramento mental modifica a materia gris con formas que os científicos aínda están comezando a descubrir”.
Místicos ou enfermos?
E falando de experiencias relixiosas, outra recente e interesante investigación tivo como obxectivo o estudo científico, ou mellor, o descubrimento (nos dous sentidos da verba) dos mecanismos mentais que causan o éxtase, a Unio Mystica que algúns cristiáns din achar con Deus. Xa nos anos 60 e 70 algúns científicos destacaron a relación entre algúns tipos de epilepsia e os “ataques” de relixiosidade extrema. Agora, un equipo de científicos suízos, acaba de demostrar que existe unha explicación neurolóxica para as chamadas “experiencias fóra do corpo”, na que os que as sofren cren estar espertos e ven o seu corpo e o mundo desde unha localización fóra do propio corpo.
Estudar estes casos é difícil, xa que non hai moitos. Dos seis casos investigados -algúns dos cales, como Santa Teresa, dábanlle unha interpretación mística ao fenómeno-, cinco tiñan un dano cerebral ou unha disfunción nunha rexión do cerebro –a unión temporo-parietal- directamente implicada na coordinación dos sentidos que informan da situación do corpo nas tres dimensións espaciais. O dano, ou a existencia de pequenos ataques epilépticos nesta rexión, orixina a desaparición dos límites reais entre o corpo e o espazo, de tal xeito que unha persoa pode percibir o seu corpo ocupando unha posición que non coincide coa real.
A meditación profunda, cando está controlada por un cerebro san, parece que pode provocar cambios funcionais que aumentan as capacidades cognitivas. Pola contra, o dano en rexións concretas da cortiza cerebral pode orixinar a ilusión de intensas experiencias místicas.
Tede coidado cos golpes na zona temporo-parietal (un pouco por riba das orellas).
Ligazóns
Artigo
sobre neuroloxía espiritual en "Economist"
Artigo en PNAS sobre a actividade mental dos monxes Budistas:
1. Resumo
2. Artigo completo
Neuroloxía
das "experiencias fóra do corpo"