culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A estrañeza da mirada

Atopamos a Román Padín recreando unha viaxe literaria na distante II República. O resultado é “Valle Inclán apócrifo”, un retrato do escritor durante a súa estadía en Roma como director da Academia, convertido agora en exposición instalada na Casa Mariñeira da Pobra do Caramiñal.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Sempre seduce ver, sentir, a ollada dos demais, sentirse observado. O trazo calcúlase voyeur, e aínda máis na imaxinación dun visitante. Logo chega a ollada allea, a que non vemos, a que se escuda no biombo, nas costas. O trazo esmérase en traducirse sixiloso, prudente; pasos no corredor e mantas para o frío. Todo é cuestión de perspectiva, de olladas. Así quero atopar a Román Padín diante do seu cadro preferido; así quixen dialogar diante do meu cadro preferido, un lenzo de figuras que ollan un gran Caravaggio na Casa Mariñeira, onde nestes días dispón unha pequena selección dos seus traballos. Ata aquí chega a literaria sombra que comezabamos coa visita á viaxe de Cosme de Medici en Santiago, hai xa un par de semanas.

Narrativas atopadas
Esmérome en poñerlle moitos títulos a esta inquedante curiosidade narrativa. O espectador sente o pulso da obra en canto mira a súa dimensión temporal. Sucede cunha novela ou cunha liña de estrada no campo, incluso cunha lámina ben impresa nunha enciclopedia. Eu sempre imaxinei a Valle Inclán posando, despistado, diante dun espello deforme, tentando fuxir na silueta de Álvaro Cebreiro ou incluso preñado no surrealismo azaroso e casual de Eugenio Granell. Quixen recrealo no manto de Max Estrella ou na perfumada rebeca de la dunha rapaza nunha casa sen calefacción. Queda agora nunha imaxe de costas, ollando un cadro barroco, ó carón dun rapaz enigmático, representando o personaxe dos bolseiros na Academia. Dúas figuras franqueando a composición nun rumor de turista, non accidental, quizais voluntarioso, nun museo concreto dunha cidade concreta. Roma perseguía os pasos do ilustre Ramón, o mesmo que nacera xusto no medio da ría, dirixíndose ó museo, á galería moderna ou á Vila Medici. Recollía zume de coñecemento para ensinarllo ós seus bolseiros, os mesmos que nunca comprenderon a súa transcendencia e a entrega humanista do escritor.

O repaso pola historia esperta pantasmas e soños, converte en dúctil o que non é literariamente moldeable; se cadra dixerible, fluído, verdadeiro. Así sucede coa figura de Valle, aquí apócrifa, e os seus moitos relatos. Román Padín actúa de guionista esperto e presenta a figura, a silueta do magnífico escritor, en diversas escenas ó xeito de anécdotas e pequenas historias que sucederon ou puideron suceder. Reconverte unha paixón, un soño de escritor, utópico e universal. Pasamos por unha trituradora a resina literaria, a referencia a unha baixa cultura en flashes culturais, as chiscadeiras evidentes á historia da arte, unha liña, unha mancha e un pretexto informativo, todo nun plano de evidente e definido teatro. Non paseamos illando as influencias, nin tan sequera poñéndoas ás beiras, Román recólleas todas como partes dun puzzle privado, cotián; fai de seu cada unha das súas imaxinativas lecturas. Porque este proxecto nace dunha primeira viaxe, que logo se repetiu nos pés de Román Padín, pero nace tamén dunha pequena viaxe nos tempos literarios, nos da propia Pobra do Caramiñal —unha das terras do escritor— á que agora volve, e nos tempos nos que non se perdía nin unha pinga de ilusión comunicativa.

Camisetas e jeans
Poñemos un teatro e xa temos un mundo imaxinado. Personaxes e tremoias, panos e baldosas en perspectiva. Todo o mellor da liña, do trazo, dunha banda deseñada e a mellor das literaturas nas cores, vermellas e azuis. Logo as cores propias dos cadros, xa no segundo termo; novas escenas teatrais que reciben o atento rexistro das figuras do primeiro termo. Figuras que antes trazaban grandes pasos nuns xardíns lavados de verde, dannos agora as costas mostrando os seus jeans e as mensaxes e logos icónicos das súas camisetas. Figuras e esquemas que se volven metafísicas na presenza, reais na propia vontade do guionista. O autor estira os seus alentos manieristas nun libre estilo de lánguidos manequíns, quizais declamando a Paloma Picasso ou a Jean Paul Gaultier, posibles fitos dun divismo.

O inesgotable funil literario de Valle Inclán nun novo e suxestivo relato. Román Padín lúdico, experimental, vístese de testemuña dunha viaxe no tempo e nas profundidades, romanas, da cultura.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org