O enchufe e o interruptor
Son moitos os xeitos de artellar unha colección e moitos, tamén, os xeitos de facela presente, de apoiala nun contexto e espazo determinados. Vigo nestes días presenta tres dixestións, diversas, de como reler ou tratar unha colección, desde o Centro Social Caixanova, ata a Fundación Caixa Galicia, pasando polo MARCO.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Visito Vigo a través da webglob dunha artista nova, Amaya González. Desde hai varias semanas veño seguindo a evolución, curiosa e interesantísima, dun grupo de artistas que se inclúen no proxecto “Eu Museo” que se realizará, a partir de decembro, no espazo Anexo do MARCO (www.marcovigo.com). A súa participación consiste en analizar o fenómeno da colección como extensión e parte dun museo, pero analizándoa máis como un feito cultural, en evolución e experimental. Aí pincho a miña interese, nesa capacidade de facer de algo coleccionable un pretexto de investigación. Hoxe atopo a Amaya no xardín duns coñecidos coleccionistas, onte recibiu unha imaxe dun home de Barcelona que agrupa reloxos, e hoxe, de tarde, véxoa pasear por un mercadillo de Vigo. Analizar o feito dunha colección sempre foi un tema que interesou a artistas e críticos; agora adquire, se cadra, unha nova reviravolta. Recollemos carrete e seguímoslle o fío.
Lugar: Vigo, a mesma cidade que, curiosamente, demostra ser un dos exemplos de cómo centralizar as forzas culturais nun momento de dez minutos de paseo; en tres rúas paralelas e cinco cruces. A concentración, deliberadamente, dispersa outras olladas e, insisto, converte en secundarios outros itinerarios; así sucede co Museo do Mar ou o Verbum, na zona de Samil. Definido o marco de “Vostede está aquí”, varias rúas, prazas e interseccións concentran dúas fundacións, catro galerías (entre as coñecidas e outras máis dispersas), un museo e varias salas institucionais. E todo baixo o perfil híbrido do Sereo de Leiro e as tendas de deseño e de grandes marcas de perfil popular. Unha curiosa cidade; tan grande e híbrida como contraditoria.
Guillermo Vázquez Consuegra deseñou un paseo que agora bordeamos atopando un anaco para un coche santiagués. Paramos diante dun cartel: “Arte na rúa”. O poder dun produto híbrido, tamizando o valor dunha colección. Quedaba claro, a idea de colección e as súas posibles saídas reiteraban e ían acompañar o retrato desta tarde. “Arte na rúa” foi unha desas iniciativas da entidade bancaria Caixanova, e da que todos falaban, que levaba ás fachadas de edificios en rehabilitación exemplos pictóricos da súa colección, con nomes representativos da tendencia rexionalista ou vangardista. Unha colección exportada á rúa, como outras que acadan novos enderezos, estancias institucionais e lecturas individuais. Se antes falabamos de webglobs, agora falamos de trazos nun espazo: os trazos iconográficos localizaríanse no MARCO, cunha impresionante selección das coleccións dos museos estatais franceses; os trazos iberoamericanos no Centro Cultural Caixanova coa colección de arte de América Latina do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou, finalmente; os trazos inconformistas na Fundación Caixa Galicia, na liña de lecturas dos fondos da súa colección, agora centrados na obra de Isaac Díaz Pardo. Trazos complexos, posibles, de dialogar coa historia, cada un ó seu xeito. Por iso non dixerimos as obras, nin as exposicións, falamos do momento, do pretexto de presentación dos fondos artísticos dunha institución.
Lámpada de teito, interruptor colectivo
Varias son as formas, case tipificadas, de achegarse ou exportar unha colección, e as dúas mostras que agora atopamos demostran dúas direccións acertadas. A mostra do Centro Cultural Caixanova oferta unha nova escala expositiva na liña de colaboración co Museo Reina Sofía, centrada na súa colección. “Arte de América Latina” presenta o xeito claro de reunir unha serie de obras que retraten unha determinada área xeográfica, neste caso Iberoamérica, tratando de centrarse nunha época cronolóxica ampla para demostrar un itinerario colectivo e de diversos movementos. Beatriz Milhazes ou Alejandro Corujeira, Ray Smith ou Tunga, Pérez Bravo ou Botero, verifican varias cerimonias de interpretación da arte nese hemisferio sur. Fóra ou non fóra de ditaduras, fóra ou non fóra de tradicións, ou non fóra da modernidade, a arte nesas latitudes sempre se ofreceu como un expoñente de hibridación impecable, como o foi a literatura e a música. Atrapamos letras para unha paisaxe variada: Virgilio Piñera falaría dunha illa en peso, mentres Marta María Pérez Bravo ou Milagros de la Torre expresan a líquida aspereza da realidade cotián; e o milagre de Candeal ilustra unha escena paixón inxectada na xugular: fogo en Miguel Río Branco, pel atmosfera na serie Creencias de Maruch Santiz Gómez ou invento urbano en Horacio Coppola.
O obxecto percorre o MARCO pousándose en cada anaco de espazo temático, ó xeito dunhas grandes caixas, pretexto de organización da exposición “O estado das cousas”. Reunir un grupo de autores recoñecidos e presentes en todos os manuais non tería máis importancia se non fora pola imaxinativa vontade de etiquetaxe conceptual. Un emparentamento e maridaxe por intres curioso, que axuda a alimentar unha respectiva tendencia, que en moitos casos nace do propio obxecto pero que se prende na relación co traballo dun determinado artista. Unha mostra que, por extensa, non deixa de fascinar. Pasamos pola nova tenda, rimos coas novas inventivas de Rei Centolo nas súas camisetas se seguimos o itinerario, xa no primeiro andar.
Lámpada de lectura, interruptor monográfico
Será o exemplo da Fundación Caixa Galicia, coa obra de Isaac Díaz Pardo, unha iniciativa que sempre resultou interesante. O pretexto é poñerlle un nome e apelidos a unha serie de obras da súa colección para pousarse nas salas da Fundación, analizar a súa figura e integrala nunha determinada reflexión histórica. A verdade grisnegra de Tino Grandío ou a luz fondomariñeira de Lugrís foron escalas pasadas. Mostras que reformulan e cuestionan, por suposto, maiormente entendibles dentro dunha itinerancia polas salas que a fundación posúe nas cidades galegas. No terceiro andar dun edificio na rúa Policarpo Sanz, filtrado na cor surreal de Jorge Castillo, amósanse unha selección de obras, todas incuestionables, da traxectoria de Issac Díaz Pardo. Puntos para revisitar: a acendida pel dun retrato, os ollos dos mariñeiros e a escena heroica, sempre redondeada e firme nos pregues da mitoloxía cotián. Unha iniciativa que perfectamente se podería aplicar a outras institucións, como a propia Caixanova, cunha gran colección, a Barrié ou incluso cos fondos da Xunta de Galicia, das deputacións e de moitos concellos.
Facer pública unha colección, poñela nunha paisaxe de presente, implica e compromete á propia institución na realidade cultural, imbricando as súas raíces nunha historia da que non pode illarse. Rematamos hoxe con Amaya González, que atopamos de volta daquel mercadillo, con novas ideas para a súa participante no “Eu Museo”: “coleccionar é construír unha historia, a nosa historia, a través da dos outros. Unha colección, isto é: expresión do colectivo”.