culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

A mente bilingüe

O cerebro dos bilingües é funcional e estruturalmente distinto ao dos que só manexan unha lingua. Máis rápido para determinadas tarefas, con máis materia gris e cun sistema específico para impedir interferencias; estas son as conclusións de varios traballos de investigación publicados nos últimos anos.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
As persoas bilingües poden, podemos manexar dúas linguas con similar destreza e sen ningunha interferencia aparente; cambiamos dunha a outra coa lixeireza de quen patina sobre xeo. Utilizase a mesma zona do cerebro? Á mesma velocidade? Cos mesmos circuítos cerebrais ou con distinto cableado? Os experimentos están a indicar que hai diferenzas importantes entre os cerebros bilingües e os non-bilingües; e, dentro dos primeiros, tamén hai diferenzas se a segunda lingua se aprende de neno ou de maior.

Ecoloxía cerebral
Hai unha característica que é universal a todos os seres vivos, e incluso aos non vivos: a mestura de mundos distintos –físicos, químicos ou psicolóxicos- produce riqueza, diversidade. En ecoloxía, por exemplo, á zona de confrontación, de unión entre dous ecosistemas se lle chama ecotono. Os ecotonos están entre os lugares do planeta con maior diversidade de especies, con maior capacidade enerxética. Unha auténtica mina. As rías galegas son un excelente exemplo de ecotono: o mar tropeza coa terra nunha xeografía de fractal matemático, producindo condicións óptimas para a riqueza biolóxica. Mais os ecotonos tamén existen na nosa cabeza, e tamén son produtores de riqueza.

Unha cuestión de peso…
Hai algo menos dun mes se publicou un dos traballos máis sorprendentes sobre este bífido tema, no que se comparou a densidade cerebral de persoas bilingües inglés-italiano con outros parámetros como a habilidade para falar a segunda lingua e a idade da súa adquisición. O resultado mostra que coa experiencia de adquirir a segunda lingua se producen modificacións na estrutura do cerebro. En concreto, unha zona da cortiza parietal implicada na fluidez verbal aumenta de densidade, e este incremento é maior nas persoas que teñen máis desenvoltura para falar a nova lingua. O que aínda non se sabe é a qué se debe esa maior densidade de masa pensante: aumento das conexións entre neuronas? aumento do tamaño das células? Hai outro resultado interesante neste traballo, pois ademáis parece que a densidade é maior nos casos de aprendizaxe temprano da segunda lingua; aprender de vellos é menos eficaz para gañar materia gris.

…de organización
O traballo comentado arriba é importante, porque mostra a existencia de cambios estruturais cando se aprende outra lingua. Hai uns anos outro grupo de científicos demostrou que tamén existen diferenzas funcionais, sobre todo nos bilingües “tardíos”, os que aprenden unha segunda lingua na idade adulta. Neste caso cada unha das linguas se procesa de maneira independente, en rexións do cerebro separadas; esta división ocorre na chamada area de Broca, moi importante para articular a fala. Curiosamente, as persoas que aprenden as linguas cando nenos non precisan desta disociación, coma se o cerebro infantil tivese máis recursos para meter todo no mesmo saco. Estes resultados suxiren, en calquera caso, que é preciso buscar unha maneira para que non existan interferencias entre as linguas. No ano 2002 se descubriu, nun estudo con bilingües español-catalán que, de feito, os bilingües usan unha ruta distinta de conexións cerebrais para acceder ao léxico, ao seu vocabulario interno, de xeito que non salten chispas polo cruce de cables. Este tendido eléctrico especial permite que se poida filtrar e eliminar virtualmente o léxico non necesario en cada momento.

…e de velocidade
Mais isto non é todo. Outro descubrimento recente conclúe que as persoas bilingües son máis rápidas realizando determinadas tarefas cognitivas (no experimento se trataba de elixir o cadrado adecuado entre varios cadrados de distinta cor situados en distintas posicións nun monitor de ordenador), e que esta vantaxe se fai máis evidente coa idade, de tal xeito que se suxire que o bilingüismo é unha protección moi eficaz contra o deterioro mental, ou, nas palabras dos autores: “It appears, therefore, that controlled processing is carried out more effectively by bilinguals and that bilingualism helps to offset age-related losses in certain executive processes”.

A inmensa maioría dos galegos saímos cun bilingüismo de serie galego-español, se a isto lle sumamos o aprendizaxe do inglés, a cousa quedaría nun cerebro con máis densidade que a media na cortiza parietal; cunha única zona na área de Broca para manexar o galego e o español, e unha zona distinta para o inglés; con circuítos diferentes de acceso para evitar interferencias; e con menos deterioro mental que a media co paso do tempo.

Pois iso, cheers, salud, saúde.

Ligazóns

Bilingüismo e aumento de materia gris


O cerebro partido dos bilingües


Dous circuitos para dúas linguas


Bilingüismo, velocidade mental e vellez

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org