No autoespello
Baixo o fármaco histórico da mostra “O retrato español. Do Greco a Picasso” recollemos miles de fíos no presente. O lado máis autobiográfico pousámolo nas obras, vídeos, fotografías e performances de Félix Fernández, recentemente galardoado co primeiro premio no III Certame de Artes Plásticas de Ourense.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Trepamos a pasos melosos polo texto de Ángela Molina despois de reler o de Valeriano Bozal. Sempre relemos o Babelia; igual nos sucede coa revista EXIT. Pasamos ó xesto histórico de Delfín Rodríguez no ABC Cultural e, de esguello, esvaramos nos parágrafos da segunda folla e a lectura traduce, da man de Laura Revuelta, o ton pseudoirónico da colección Taschen. Rematamos a análise, ós poucos, na sempre impecable narración de Elena Vozmediano en El Cultural, o pasado xoves, para volver ó comezo, ós pasos melosos polo retrato que Guillermo Solana, como moitos estes días, lle dedica á exposición no Museo del Prado, “O retrato español. Do Greco a Picasso”. Nos imos en canoas paralelas, tocando cos remos.
Pero o pretexto e a verdade do retrato, cando se achega na cronoloxía, temos que recollela e pasala pola licuadora da historia presente. O exemplo está, como en ningunha outra área, nos medios da fotografía e do vídeo. Igual de fotográficas e videográficas como foron, no seu tempo, a “Muller en azul” ou “Gestrude Stein” de Picasso, a “Muller barbuda” de José de Ribera ou o “Esopo” de Velázquez. Porque, non o esquecemos, “O retrato español” propón claves de seguimento dun xénero que, por estudado, nunca o establecemos na súa máxima coherencia. É un xénero canoa. Por iso non podemos máis que complementar, encher, de nomes esta clasificación, polo menos mentres agardamos as colas e poñemos cada un dos seus ilustres participantes nun lugar no presente. Ver o grado de goyesco que existe en Cincy Sherman ou cánto de Zurbarán hai en Thomas Ruff, incluso cánto das Meninas hai en Manolo Valdés (moito), dos meniños de Murillo en Marie-Jo Lafontaine, ou, insisto, cánto queda do retrato, en vida e esencia, nos xestos biográficos de Félix Fernández. Queda moito. “En torno ó corpo”, unha cita videográfica que tivo lugar en La Casa Encendida de Madrid, a dez minutos do Prado, reflexionaba sobre ese valor corporal, o valor do retrato. Félix Fernández, participante nese proxecto, narra o seu corpo diante dun espello, pon moitas liñas na posible análise da vertente narrativa e do autorretrato.
Paseamos e, ós poucos, as lecturas de Ángela Molina ou de Elena Vozmediano vanse soltando, facendo máis prácticas.
As agullas do retrato
Félix Fernández entende á perfección a realidade da videocreación en España, e por concreción, en Galicia, asimila a súa postura e linguaxe en plena normalidade, localizada nun crecemento de difícil catalogación, con outros nomes e obras nun alto nivel. A videocreación, como ningunha outra área creativa, posúe esa dobre vertente de medio de plena moda, polo tanto moi cuestionable, e aqueloutra postura de ideoloxía persoal, integrada na traxectoria dun determinado autor; aí visitamos a Félix, loitando desde fóra das nosas fronteiras, con destacadas presenzas expositivas.
A súa obra baséase na reflexión corporal, onde é parte e protagonista como pauta de sinceridade. Félix descóbrese nunha anatomía lírica, extremadamente narrativa, por momentos simbólica, querendo amosarnos os dispositivos de comunicación no territorio do interior, sempre inestable. Retratos do que el recoñece como unha “busca pormenorizada do meu eu non recoñecible. Ansia curiosa de ver o que ven os demais”.
Razóns para retratarse
A súa obra goza nunha expansión de fotografías e vídeos, en ocasións dixeridas en performances, estrañamente teatrais, nun minimalismo desbordado; cerimonias e tramos narrativos dunha filosofía de achegamento á identidade. A creación, radicalmente implicada nun asentamento social desde unha plataforma intimista, recrea a loita desde o protagonista, actúa de instrumento de perfección autosocial, fortemente autobiográfica. Micro-historias de feridas abertas, ensaios fóra dos estereotipos conscientes, esencias de memoria e vontades de perfeccións.
Situar ó espectador nun lugar de primeiro diálogo, de presenza-flash, así quere que vaian sucedendo as súas cerimonias. Quizais só a situación do noso corpo na mente e no chan, na nosa identificación co espello, co referente, co exemplo temporal e contextual. Quizais a silueta, a nosa biografía, nunca acaba de concluírse, sempre é dúbida.
Rematamos revivindo a Bill Viola nas súa paixóns na Tate Modern mentres Félix Fernández continúa a intentar poñer pel e ollos ó seu retrato baixo a vixilancia atenta do espello.