culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

O proceso de aceptación dos descubrimentos científicos

O progreso científico consiste, en moitos casos, en descubrir e reparar os erros dos investigadores precedentes; poucas teorías son definitivas, a maioría van mudando ou desaparecendo co tempo. Grande parte do camiño se fai demostrando os camiños falsos, a imposibilidade de algunhas teorías, xa que o contrario, a afirmación definitiva de que unha hipótese é verdadeira, é prácticamente imposíbel. Estamos a vivir na actualidade un interesante debate que sirve como exemplo dos mecanismos de validación e aceptación dos descubrimentos pola comunidade científica: resulta que os datos utilizados para demostrar que o quentamento global do planeta é algo sen precedentes na historia son…incorrectos, consecuencia de varios erros nun análise matemático.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
En 1998 un artigo publicado na revista Nature polo estadounidense Michael Mann e dous colaboradores chegaba á conclusión de que “As temperaturas anuais medias do Hemisferio Norte durante tres dos pasados oito anos son maiores que en calquera outra época desde, polo menos, 1400 DC”. Ao ano seguinte os mesmos autores ampliaron o estudo até o 1000 DC, chegando ao mesmo resultado. O efecto da publicación deste traballo foi enorme na prensa e en todos os colectivos e axencias gobernamentais implicadas no estudo ou na toma de decisións sobre o quentamento global, até o punto de que se considera un dos traballos científicos máis influentes dos últimos 10 anos. Agora parece que eses resultados son erróneos.

Novo enfoque para o quentamento global
Ningún investigador dubida que a temperatura media do planeta está aumentando, e que ese incremento se debe en grande parte ao efecto dos gases invernadoiro (fundamentalmente dióxido de carbono) emitidos polas industrias, coches e outros trastos do mundo Occidental. A maioría está de acordo en que este aumento é prexudicial para a vida na Terra – polo menos a vida da especie humana. O que agora se pon en dúbida é que esa flutuación da temperatura sexa algo novedoso na historia do planeta: de feito, os novos análises (estes aparentemente sen erros matemáticos), indican que na Idade Media se alcanzaron temperaturas medias bastante máis altas que as actuais (nese caso os gases invernadoiro, de levar eles a culpa, podían proceder de incendios, erupcións volcánicas, etc).

Parece ser, por tanto, que os datos que levamos manexando nos pasados 5 ou 6 anos son falsos. Desde o punto de vista da ciencia isto non é ningún problema, é máis, e terribelmente común. Un dos piares básicos do exitoso método científico é que as hipóteses deben ser verificábeis, non se debe afirmar nada que non poda ser posto a proba; se alguén fai un experimento, ten que poder ser replicado e, en consecuencia, corroborado ou refutado. E isto foi o que fixeron, dentro da práctica científica máis deportiva e elegante, os canadenses Stephen McIntyre e Ross McKitrick: trataron de replicar a análise de Mann, utilizando os mesmos datos, mais chegaron á conclusión de que a situación actual tivo un precedente entre os anos 1000 e 1400 DC, algo que, debido a unha serie de erros, se lle escapou ao outro grupo. Esta nova se trata, tal e como a cualifica a publicación “Technology Review”, dunha “sorpresa devastadora”; hai que reformularse o concepto de quentamento global e o seu significado na evolución do planeta. Igual que sucedera no ano 1998 co estudo de Mann, o traballo actual está cientificamente aceptado, mais…qué quere dicir isto? Cal é o proceso que seguen os estudos científicos para ser aceptados ou rexeitados?

Autores contra avaliadores, unha loita entre científicos
Un traballo é aceptado pola comunidade científica no momento en que se publica nunha revista especializada na cal o seu consello editorial utiliza como criterio un severo filtro chamado “revisión por pares”. Consiste en que, por cada estudo científico enviado a unha revista, a editorial elixe a un mínimo de dous científicos de prestixio para que realicen a súa avaliación crítica; son os chamados avaliadores, revisores ou “referees”, especializados no campo do traballo que se quere publicar, e sen relación cos autores do mesmo. Estes especialistas, que permanecen en todo tempo no anonimato, examinan con profundidade os argumentos, métodos e datos en cuestión e aconsellan aos editores sobre a pertinencia ou non da publicación dos novos resultados.

Poucos traballos se publican no primeiro intento. Normalmente, no mellor dos casos, os avaliadores disparan unha ráfaga de críticas e suxestións que obrigan aos autores a realizar modificacións e novos análises dos datos; outras veces, pola contra, as críticas son devastadoras e os editores non teñen máis remedio que rexeitar a publicación na súa revista. Un mesmo traballo científico pode pasar polo filtro de tres ou catro revistas antes de conseguir ser publicado. Ese divagar polo mar das editoriais, recibindo críticas por todas partes, leva a unha mellora substancial da calidade da investigación; o diálogo que se estabelece entre autores e avaliadores é un proceso enriquecedor, que vai pulindo e sacando brillo aos datos que se queren comunicar ao resto de científicos. A última palabra a teñen sempre os editores, que tamén son expertos nun determinado campo da ciencia. O tira e afrouxa entre autores, avaliadores e editores se pode prolongar durante meses ou inclusive anos, de tal xeito que cada vez que os medios de comunicación anuncian algún descubrimento científico, están informando de algo que leva bastante tempo rematado. Hai ducias de revistas científicas especializadas que se publican semanal, quincenal, mensual ou anualmente. O proceso que acabo de describir está en continua ebulición e agora mesmo miles de avaliadores se afanan en criticar os traballos doutros colegas que agardan impacientes o resultado.

Este complicado proceso ten unha clara dose de subxectividade pois, aínda que se trate de ciencia pura e dura, a decisión do seu salto á bibliografía depende de avaliadores e editores que tamén cometen erros. Pero non pasa nada, o método da ciencia funciona bastante ben, alomenos a longo prazo, e permite que o tempo e os colegas se encarguen de enderezar posibles zoupadas. Eso é o que acaba de pasar co traballo de Mann e compañía.

O caso do quentamento que sempre existiu
Stephen McIntyre e Ross McKitrick tiveron que loitar durante moito tempo para conseguir publicar os seus controvertidos resultados, xa que se trataba de botar por terra a concepción de quentamento global do planeta asimilada até ese momento pola sociedade. Enviaron o traballo a unha revista de moito impacto, Nature, a mesma na que se publicou o artigo aparentemente erróneo de Mann. Mais os editores de Nature decidiron non publicar eses resultados, logo dun longo intercambio de críticas e modificacións entre os avaliadores anónimos e os autores. Esta correspondencia é privada e raramente se da a coñecer, mais desta vez McIntyre e McKitrick consideraron interesante facer públicas as cartas que recibiron de editores e avaliadores, xunto coas súas réplicas. (Finalmente a revista Nature decidiu publicar unha nota – corrigendum- na que expoñen algúns dos erros encontrados polo grupo canadense). Todo iso se pode ler nunha interesante páxina web (indicada abaixo), exercicio que recomendo para os que non estedes familiarizados co proceso de validación dos descubrimentos científicos. O feito de que a comunidade de investigadores acepte a publicación dun traballo quere dicir que se considera correcto cos datos dispoñíbeis, mais non implica que os resultados sexan verdadeiros e inamovíbeis. Son correctos mentres non se diga o contrario.

McIntyre e McKitrick dixeron o contrario e non conseguiron publicar o seu traballo en Nature, mais si que o fixeron en “Energy & Environment”, que podedes atopar na rede, acompañado da seguinte nota editorial: “Este traballo ten o poder de cambiar radicalmente o debate sobre a influencia humana no quentamento global. Debido á súa importancia potencial, o situamos nun lugar aparte do resto do número de Energy and Environment (volume 14 número 16) no que aparece, e permitimos o acceso libre a el, de maneira que todos os interesados na materia podan lelo e avalialo por si mesmos”.

Ligazóns

Nova en Technology Review

http://www.technologyreview.com/articles/04/10/wo_muller101504.asp?p=1

Paxina de McIntyre e McKitrick na que publican a correspondencia entre eles
e Nature

http://www.uoguelph.ca/~rmckitri/research/fallupdate04/update.fall04.html


O artigo da discordia

http://www.multi-science.co.uk/ee_openaccess.htm

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org