O sorprendente parentesco da familia humana
Todos os seres humanos procedemos dun antecesor común, iso xa o sabemos polo menos desde o século XIX. O que poucos dos 6.000 millóns de almas actuais podíamos imaxinar é que non é necesario ir moi atrás no tempo para atopar un parente universal, un antepasado compartido por toda a humanidade actual. Un sorprendente estudo baseado na simulación con computadoras da historia reprodutiva da poboación conclúe que a árbore xenealóxica de todos os humanos actuais ten un punto de confluencia arredor do ano 1500 A.C.
En busca do Padriño
O obxectivo era dar co ancestro común máis recente (ACMR, ou MRCA nas siglas en inglés), ou sexa, a persoa máis próxima, rebobinando na historia da humanidade, que está xenealóxicamente emparentada contigo, comigo, con Bill Gates, o Dalai Lama, Margaret Thatcher, o emir de Qatar, Rigoberta Menchú, o asasino da katana, o emperador de Xapón, Manolo o do bombo e resto da tropa. Podería pensarse que, para atopar a un parente compartido por todos os presentes, faría falla remontarse a tempos perdidos na prehistoria. Cando pensamos na evolución da especie humana e tratamos de imaxinar a un grupo de individuos dos que todos descendemos o intuitivo é remontarse moi atrás no tempo, por exemplo até a época na que esa Australopithecus chamada Lucy brincaba polo África oriental, hai uns 3,5 millóns de anos. Mais, para dar cun antepasado común, non é necesario irse tan lonxe, nin moito menos: a estatística e os computadores indican, querida familia, que estamos moito máis perto uns dos outros do que parece.
Demasiada familia
Cada un de nós ten 2 pais, 4 avós, 8 bisavós, 16 tataravós, 32 tatara tataravós…de tal xeito que o número de antepasados se duplica en cada xeración; o resultado deste crecemento exponencial nos leva a situacións estrañas e asombrosas. Mirando 20 xeracións para atrás (uns 500 anos), resulta que cada un de nós ten arredor de 1 millón de parentes directos; e si nos vamos até as 40 xeracións (hai uns 1.000 anos) o número de familia que nos sae é de… máis de 1 billón de individuos! Mais claro, iso é imposíbel: esa cantidade é maior que o número total de seres humanos que teñen existido en toda a historia do planeta Terra. Aquí hai algo que non cadra. Podemos fixarnos, para por outro exemplo, nos xóvenes galegos actuais: no ano 2003 Galiza tiña 2.751.094 habitantes, dos cales uns 500.000 forman o grupo dos menores de 30 anos. Se ignoramos os irmáns (para non repetir pais e resto de ascendencia), a cousa se quedaría en algo máis de 250.000 xóvenes. Pois ben, hai tan so 12 xeracións, aló polo ano 1700, os antepasados de todos estes galegos sumaban máis de 1.000 millóns! O problema é que nesas datas Europa tiña 95 millóns de habitantes, e o mundo 680 millóns.
Xuntos e ben revoltos
Cómo se soluciona esta contradición? Moi fácil: todos temos parentes comúns e, de acordo con esas cifras, moito máis perto do que podemos intuír. A medida que miramos ao pasado as pólas das árbores xenealóxicas crecen desbocadamente e se mesturan sen pudor unhas coas outras, formando unha tupida rede, tanto como para meter a 1.000 millóns de galegos nunha Europa con menos de 100 millóns de habitantes. Como a poboación humana ten un tamaño finito, non é preciso rebuscar moitas xeracións atrás para atopar un punto de unión entre dúas persoas calquera, ti e mais eu, por exemplo. O feito de dar cun punto de unión de todas as ramas, cun individuo relacionado con toda a humanidade actual é só cuestión de meterse na máquina do tempo e botar un vistazo. Canto hai que mirar para atrás? Asombrosamente, moi pouco.
Para realizar esa experiencia e recrear as pólas do noso pasado, científicos do MIT (Massachusetts Institute of Technology) e da Universidade de Yale, utilizaron simulacións con computadoras alimentadas con todo tipo de datos que puideran dar pistas sobre os patróns de apareamento: xeografía e estrutura das poboacións ao longo da historia, relacións de proximidade, migracións, cultura, linguaxe, clases sociais, etc. O resultado deste traballo, firmado por Douglas Rohde e dous colegas máis, e publicado o 30 de setembro na revista Nature, é fascinante: o parente máis próximo común a todos os humanos actuais, o ACMR, viviu hai tan so uns miles de anos, arredor do 1500 A.C.
Sen medias tintas
Mais hai outro resultado deste traballo que é igualmente sorprendente: este individuo tivo, é claro, 2 pais, 4 avós, 16 tataravós, etc, etc, os cales están igualmente relacionados con nós, de tal xeito que, a medida que imos para atrás do ACMR, vai crecendo o número de habitantes do planeta que eran antecesores comúns a todos os seres humanos actuais. Este número aumenta rapidamente, até que se chega a un punto umbral, un momento da historia, chamado AI ou de “antecesores idénticos”: nese momento, calculado arredor do ano 5300 A.C., cada un dos habitantes do planeta era, ou ben un ancestro común de todos os humanos actuais, ou ben un ancestro de ningún humano actual. A opción intermedia, ser parente de so unha parte da humanidade de hoxe en día, non existe. A conclusión é que todos os seres humanos actuais tivemos exactamente o mesmo grupo de antepasados nese punto da historia, nin un máis, nin un menos. Aínda que os parentes son os mesmos, a mestura dos xenes non, por iso atopamos tanta variabilidade.
As datas do ACMR e AI non son fixas, senón que se deslizan pola historia a medida que avanza o tempo; dentro de mil anos, no 3004, se volverá a calcular a data de existencia do ACMR para os habitantes desa época, que será, claro está, moito máis recente que o valor actual (1500 A.C.); ao mellor sae o ano 2004 e resulta que o ACMR es ti, quen sabe. Isto nos leva a outra conclusión interesante: agora mesmo estamos no punto de “antecesores idénticos” dalgún momento futuro. Cada un de nós, dentro de varios miles de anos, será ou ben un ancestro de toda a raza humana, ou, pola contra, de ninguén. Todo ou nada.
Pequeno mundo
Os resultados do traballo que acabo de comentar veñen a verificar estudos previos da xenealoxía humana nos que xa se apuntaba que estamos máis mesturados do que pode parecer. Mark Humphry, experto en computación e intelixencia artificial da Universidade de Dublín, leva anos estudando as sorprendentes relacións entre os membros da nosa especie tomando como referencia a personaxes históricos. As redes de parentesco son tan tupidas que non dubida en afirmar que “todo o mundo occidental ten algún parentesco con Carlomagno”. Pola súa banda, Rohde e compañía rematan o artigo de Nature coa seguinte síntese: “Os nosos resultados suxiren unha proposta notábel: non importan as linguaxes que falemos ou a cor das nosas peles, compartimos antepasados que plantaron arroz nas ribeiras do Yangtze, que domesticaron cabalos por vez primeira nas estepas de Ukrania, que cazaron preguiceiros xigantes nos bosques de América do Norte e do Sur, e que traballaron na construción da Gran Pirámide de Khufu”.
Ligazóns:
Noticia en Nature News
http://www.nature.com/news/..
Resumo do traballo de Rohde et al.
http://www.ncbi.nlm.nih.gov/...
Artigo de Steve Olson
http://worldroots.com/brigitte/newspaperarticle.htm
Páxina sobre xenealoxía de Mark Humphry
http://www.compapp.dcu.ie/~humphrys/....