culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Os tenis e o dedo

Un correo electrónico serve para marcar un novo xeito de agrupar a creatividade. Espazos e realidades que os distancian moitos quilómetros, pero que posúen estranos lazos de reciprocidade unha vez que pousamos unha falanxe ou un paso no seu presente. Unha galería de imaxes. Exposicións e obras no territorio galego, que son máis ou menos diverxentes ou parellas coas doutros lugares, todo depende da velocidade do ADSL.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Recibo un correo, “morreu Janet Leigh, a protagonista da ducha en Psicosis”. É un correo rebotado pero serve de recordo dun primeiro medo adolescente e serve tamén para abrir todas aquelas imaxes de berros inutis. Agrupo os berros mudos pola internet, atopo o malogrado Munch, a Thomas Ruff ou a Miguel Hernández, pasando por Dorothea Lange ou toda a xeración Prerrafaelista. Partes diferentes dunha mesma intención, en tempos e espazos, que conclúen coa caída da cortina na bañeira mentres pechamos a icona do Messenger. A anécdota visual serve de travelin cinematográfico-persoal, pero tamén de exemplo dunha nova realidade na etiquetaxe e na clasifición das novas imaxes e dos referentes. Os correos electrónicos, como as páxinas web, teñen un agradable compoñente de perda de tempo, como personaxes illados nunha enorme biblioteca. Deixamos un capítulo para pasar a outro, cun novo índice e un novo epílogo. Deixamos grans para retornar no rastro, pero o libro non quere finalizar. Os links é o que teñen, actúan de tobogáns narrativos que permiten saltar sen cueiros. Cada un reagrupa os seus capítulos, fainos extensos. Navegar por diversos espazos serve para indefinir e enriquecer o campo visual, onde a escala de valores non cambia, só o número de entradas de dicionario. Vemos a obra de Vicente Blanco, agora no Espacio UNO do Reina Sofía e rematamos nunha nova escenografía de Julian Opie en California.

Capítulo pintura
Retomamos a perseverancia xeográfica. Capítulo expresión. Menchu Lamas repousa as súas últimas obras na galería VGO de Vigo. Hai pouco que seguimos os seus pasos na Deputación de Ourense e o próximo mes verémola, nunha amplitude territorial, na Fundación Caixa Galicia de Pontevedra. Quedamos cunha pintura. Os seus referentes visuais son as grandes espirais, as cores invadindo espazos permeables e a figuración que persiste deixando sombras, presenzas universais. Unha serpe-escada define a diagonal dun cadro; nas súas costas un círculo branco. Abrimos un novo capítulo mentres ollamos un referente visual non só narrativo, moi lonxe, na galería Marlborough de Nova York, onde Leiro ofrece as súas últimas esculturas. Expresión figurativa e alimento do actual sen atisbos de Atlántica nin de saúdos colectivos. Nun movemento áxil de falanxe, sempre desde a pintura, pasamos polas pezas de Jessica Stockholder na galería da Universidade de Houston ou polas de Paul Noble en México. Sodio e asfalto.

Cambiamos falanxes por pés, un rato por unhas All Stars vermellas, e atopamos a Ángela de la Cruz inaugurando o espazo Anexo, unha sala de exposicións dependente do MARCO, localizada na parte posterior ó xeito de atractiva trastenda. Unha marabillosa anfitriona. Esta autora, galega de nacemento pero que vive en Londres desde hai anos, vén de ser unha das seleccionadas na criticada pasada Manifesta de San Sebastián. Supón a súa linguaxe unha atinada dixestión da pintura, lonxe de prexuízos. Os seus grandes lenzos invaden as salas, sen alterar estruturas, só quebrando os bastidores e as olladas do visitante que non pode entrar nos espazos da súa pintura. Unha curiosa crítica desde a perpectiva; a filosofía de facer do pictórico unha arte de acción lémbranme a mellor participación, ós mellores resultados, de pintura expansión. Sen perder o fío do remodelado urbanismo post-MARCO, as obras de Ángeles Agrela saltan desde inquedos homeneaxes á banda deseñada e o graffiti, dixeridas nunha galería Ad Hoc que segue a prender con forza no seu novo enderezo na rúa Loriga. A voltas coa pintura e a sociedade, mentres descubro nos fondos da galería a obra de Nano4814, imaxe e narración inmediata, e fago un áxil retrato do traste Paul McCarthy no Vanabbemuseum de Eindhoven.

Espazos e mastros
Capítulo arquitectura. Sen perder un grao de luz de tarde, Ángel Núñez preséntase na galería Bacelos. As súas arquitecturas, como xa indicaba o sabio Camilo Franco, fluctúan entre unha ollada utópica e unha intención moderna. Maquetas que se imaxinan no interior, na perspectiva pop. Arquitectura, curioso, no interior dunha bulba. Anotamos unha nova perspectiva ou etiqueta na arte actual: a ollada oculta. Ángel Núñez recrea unha ambición sensorial, mentres que Mónica Alonso, que nestes día inaugura unha mostra no Museo de Arte Contemporánea de Valdivia, fai da súa poética unha exaltación cromática, de praceres e sempraceres nas láminas da arquitectura, coma peles que falan de cada un de nós. Peles con DNI. Pola contra Roland Fischer instala unha centrifigadora de planos, cores e sombras na galería SCQ. A arquitectura deste alemán namorado da esencia abstracta do espazo queda directamente destinada ó valor pictórico; sensacións de cor, marabillosas liñas, planos e ningunha enrruga de memoria nin de clima ou atmosfera.

Capítulo mastro. Un novo correo quédase ó lado dun anuncio de viaxes: piden que se retire a obra de Maurizio Cattelan da Bienal de Sevilla. Afeitos ás súas fustas de ironía e crítica, máis ou menos efectivas, da sociedade, economía, relixión ou historia, nesta ocasión a obra deste coñecido autor italiano petou de cheo na moralidade sevillana. Efectividade ó máximo. Unha escultura dun neno, cos ollos abertos, pendula no alto dun mastro, preto da igrexa do antigo mosteiro da Cartuja. Existen xeitos, moitos, de anunciar ou de ensinar, o pulso da sociedade, da vida; Cattelan faino como sabe, desde a exaltación directa, co cuspe no ollo, como o fai Santiago Sierra, tamén presente na bienal ou, aínda que non o vexamos, Virxilio Viéitez. Igual que o fai Nancy Spero, agora no CGAC. O acerto interxeracional de Szeemann consegue que o noso coñecido fotógrafo impoña as súas imaxes en branco e negro para sempre no imaxinario colectivo, lembrando unha paisaxe que, por lida, non deixa de petarnos nas costas. Seguimos a abrir capítulos e rematamos con Janet Leigh, coa súa imaxe no tempo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org