culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Puberdade, bacterias e xenética do acne

O estudo do xenoma está a facilitar a loita contra as enfermidades, mais non basta con investigar unicamente ao Homo sapiens, xa que non estamos sos: o noso corpo sirve de residencia a outros organismos, como a bacteria Propionibacterium acnes (P. acnes). Ao mellor nunca ouviches falar antes dela, mais case seguro que coñeces a súa carta de presentación preferida: o acne. Acaba de publicarse na revista Science a secuencia completa dos xenes desta bacteria e, igual que co xenoma humano, este avance mellorará a saúde de todos, pois, en realidade, se trata dunha parte de nós.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Anfitrións sen fronteiras
Agora mesmo miles de pequenos organismos habitan alegremente o teu corpo. Somos unha especie de pequeno planeta para eles. Algúns son necesarios e beneficiosos, como as máis de 400 especies de bacterias que viven nos intestinos; traballan en simbiose con nós sintetizando vitaminas, favorecendo a absorción de nutrientes ou loitando contra outras bacterias perigosas. Moitas veces é recomendábel chimparse unha chea destes animaliños vivos, tomando, por exemplo un iogur, onde viven lactobacilos e bifidobacterias amigas.

Mais tamén hai microorganismos que deciden vivir no planeta Homo sapiens que non son benvidos, producindo coa súa invasión moitas enfermidades. Bacterias, virus, fungos e outros parasitos poden penetrar no corpo e impedir o seu funcionamento normal. Aínda que só unha pequena fracción das bacterias coñecidas orixinan enfermidades nos humanos, a lista é grande dabondo: tuberculose, salmonelose, diarrea, conxuntivite, neumonía, tétanos, botulismo, e moitas outras son causadas polos ataques destes organismos. Os virus, pola súa banda, dan lugar a enfermidades como a gripe, varicela, sarampelo, encefalite, hepatite, poliomielite ou febre amarela. Mais a batalla non está perdida; o corpo humano ten un sistema de defensa extremadamente refinado, o sistema inmune, que é capaz de detectar con precisión aos hóspedes non desexados.

Vivindo co inimigo dentro
Hai outro grupo de seres que viven no noso corpo sen facer ruído e que normalmente non levantan as sospeitas do sistema inmune; non son necesarios mais, normalmente, tampouco fan mal. Este é o caso da bacteria Propionibacterium acnes. Se alimenta de sebo e vive comodamente nos folículos pilosos da pel, xa que en todos eles hai pequenas fábricas de sebo chamadas glándulas sebáceas. Esa graxa non a producimos para alimentar bichos, senón que está aí para lubricar e humedecer os pelos e a pel. Mais, hai veces que a produción de graxa é demasiado grande, abundancia que é recibida con alegría polas bacterias, que aproveitan a cosecha para reproducirse. Tantas bacterias non son ben toleradas polo planeta no que viven, orixinando unha guerra que se chama acne.

O acne, a enfermidade da pel máis común, afecta a practicamente todos os seres humanos nalgún momento das súas vidas. Na puberdade o incremento de produción dunhas hormonas chamadas andróxenos estimula, entre moitas outras cousas, o crecemento dos folículos pilosos e a produción de sebo no seu interior. A graxa sae ao exterior por un conduto do folículo que tamén transporta restos de células mortas; a elevada produción de sebo xunto cos restos celulares poden formar un tapón que impida a saída de todo ese material. Esta mestura é un banquete para os P. acnes, que aumentan en número rapidamente. A grande cantidade de bacterias e as sustancias que producen (encimas para dixerir a graxa e outros produtos) chama a atención do sistema inmune, que pasa a considerar ao hospede como inimigo: agora falamos de infección. A inflamación deses folículos, consecuencia da activación dos sistemas de defensa, da lugar ás típicas erupcións coñecidas como grans de acne. As zonas do corpo con máis folículos son precisamente as máis afectadas: cara, pescozo, peito e parte superior do lombo.

A identidade ao descuberto: unha forma de debilitar ao inimigo
A finais do pasado xullo a revista Science publicou o traballo dun equipo de científicos alemáns no que se describe a secuencia dos 2333 xenes da bacteria. Isto vai permitir coñecer con precisión os mecanismos e as encimas causantes da resposta inflamatoria no acne, e tamén a habilidade da bacteria para colonizar e residir na pel humana, co que se poderán desenvolver novos medicamentos que farán as delicias dos adolescentes e da industria farmacéutica. Non se trata dunha investigación frívola, como poría parecer. Aínda que esta enfermidade non é grave, pode ter consecuencias desagradábeis, tanto estéticas como psicolóxicas (diminución da autoestima, inhibición social, depresión e ansiedade). Ademais, esta bacteria que todos carretamos con nós, e que normalmente é inocua, pode estar implicada en infeccións no corazón, pulmóns, úlceras e outras enfermidades.

Ao mellor dentro duns anos será fácil tratar o acne; daquela poderemos comer chocolate tranquilamente, igual que agora, pois os investigadores non teñen encontrado ningunha relación entre o consumo de chocolate é o acne. Un mito menos.

Ligazón

Resumo do artigo publicado en Science

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org