O alcume e o bus
A VIII Mostra Unión Fenosa remata a súa andaina bianual, nunha nova localización nas salas remodeladas do MACUF. O pretexto serve para revisar o propio feito expositivo e tomarlle o pulso ó visitante.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Existen unha serie de premisas ou pautas que se seguen cando se entra nunha exposición, dá igual o tipo ou xénero. Miramos ó redor e buscamos un punto de referencia: o folleto de información. Despois amarramos as súas letras na man e percorremos os primeiros pasos da aventura expositiva. Como hai moito tempo recordaba José Miguel G. Cortés, antigo director do EACC, cando entramos nunha mostra, sexa dun museo ou dunha sala independente, toda a realidade que traiamos no lombo debe seguir no seu sitio, non debe limparse nun felpudo nin quedar no gardarroupas. Todo no seu sitio, os vicios e defectos tamén. Seguimos agarrando coas mans o folleto, lemos os titulares ou as marcas caligráficas que definen a filosofía da mostra. Comezan os primeiros comentarios, na primeira ou na segunda obra; se se trata dunha instalación o grao de diálogo increméntase. Tamén, non o esquezamos, estamos nun escenario recreación dunha determinada idea, pódese falar e discutir no sitio, sen agardar a saír, aí reside a capacidade crítica. Un terceiro paso, despois das primeiras valoracións, chega coa incorporación dun determinado ritmo nos pés e pernas, acompañado dun movemento a cada lado dos ollos. Cambian os tránsitos e a lectura divídese en dúas variantes moi claras: o espectador que pasea paralelamente ás obras, pousando olladas, e aquel que as vixía desde a distancia. É cuestión de metros, ou de pasos, como dicíamos o outro día. Cuarta etapa: volver a traspasar a porta de entrada e recoller, algúns, os bultos de memoria que deixaramos na consigna. Por suposto, todo cambia, en intensidade ou tempo, segundo o tipo de espectador; resulta moi útil investigar no manual de Juan Carlos Rico e darse conta das moitas variacións que un espectador pode seguir diante dun produto expositivo. Incluso este que fala pretende que cada visita sexa algo diferente; ou polo menos iso demandamos.
Unha exposición nas aforas
Queda este comentario como un preciso, ou non tan preciso, itinerario experimentado diante dunha serie de visitantes á Mostra Unión Fenosa que acaba de pechar as súas portas no museo do mesmo nome na Coruña. Chegamos en coche, outros en bus, a visita a este museo sempre foi unha experiencia. O escenario: a periferia da cidade, aluminio e ferro, cores planas de rótulos e cristais-espello en fachadas funcionais; no medio, despois dunha piscina cuberta e un paso elevado de peóns, o MACUF. A exposición nas aforas. Os ollos céntranse no destino, non se goza do paseo. Parece que non pasou tempo desde que asistín á inauguración das obras de Luís Gordillo ou a algunha edición dos bolseiros, o mesmo Xoán Anleo ou Murado; despois chegaron Carlos Rial, Mónica Alonso, Lucio Muñoz ou o recente Eduardo Arroyo. Non podemos esquecer que pasar polo museo, por este museo, é sempre un motivo excepcional.
Este verán os visitantes afeitos á Mostra tiveron que cambiar o paseo polo centro da cidade na Estación Marítima, polas salas ampliadas do museo, recentemente remodelado. O visitante atópase cun novo museo, onde sobresae a maior luminosidade e a reconversión da tipoloxía de patio interior. A filosofía da remodelación púxolle quilos de aire ó patio orixinal, para xerar novas estancias e espazos pouco habituais; no fondo, grandes fiestras e nun dos laterais unha loxia aberta, onde agora se instalou un gran mostrador e unha estraña selección de cadeiras e mesas de Coca Cola, acompañada dunha caseta da mesma marca. Unha escultura de Laula Lío entrona un gran ventanal e Teo Soriano resiste cunha pintura espléndida, a Helena Almeida non acabamos de atoparlle o seu sitio, mentres que Javier Aguilera se ríe de Goya, Bosco Caride da propia natureza, Ixone Sádaba fai o mesmo co cine tarantiano ou Antón Cabaleiro cos seus clowns, trasmitindo a sensación de modernidade e atención á innovación galega foránea. Poñéndolle puntos ás disciplinas: a pintura segue a latexar con exemplos moi bos xunto a outros máis previsibles, o mesmo sucede coa escultura, en menor intensidade; o cambio chega coa fotografía que invade todo cunha pel de espazos mínimos, como traslacións de olladas abstractas e o baleiro coa presenza nula de viodeocreacións.
Despois do autobús
Baixa do autobús un grupo de tres turistas, o garda de seguridade indícalles a entrada: ó lado da escultura de Leiro. Poñemos no caderno os catro pasos cuasi-científicos e ningún deles decepciona o itinerario examinado. A Mostra, como sucede na Bienal de Pontevedra ou en calquera exposición que definimos como excepcional (todos os produtos de bienais, Manifesta, Documenta,...), teñen xa un público preparado, que agarda esta iniciativa, dialoga na súa presencia temporal e critica o seu contido; queda tamén o público propio do ámbito de turismo cultural e aquel que se achega en cada mostra, o público de nome e de saúdo.
Non falaremos dos premios nin dos galardóns, nin tan sequera das compras; un dos visitantes tentou primeiro localizar o número de autores que coñecía (esta sería unha quinta pauta de achegamento), sempre un xogo divertido que incluso serve para poñer nun lugar ou noutro a valoración da exposición. Despois mercou o catálogo, Antonio Bonet Correa, Miguel Fernández-Cid ou Pinto de Almdeida serán as lecturas de volta no bus.
Existen outros xeitos de achegarse a unha mostra; esta é unha das posibles. Pautas, moitas máis, pero só existe unha incuestionable: entrar e saír.