Cuestión de pasos
Seguimos a sorprendernos, sempre existe un relato. Percorrer as mostras colectivas de Novos Valores en Pontevedra e Artes Plásticas en Ourense supón atoparse un novo ano co novo pretexto da creación actual en Galicia. Será cuestión de pasos, historias persoais e freadas longas; cada visitante interpreta o seu presente, mentres, os novos artistas levan vantaxe.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
O plano do estudio, da casa, da rúa ou da sala de exposicións. A atmosfera dun cambio. Localizamos diversas traxectorias que conflúen nun pretexto colectivo, buscado e anhelado. Da vivenda de cada un ó territorio colectivo, de presentación. Poñemos os seus nomes nesta folla e saen as súas vidas, como caixas de música. Vemos a Juan Ribas mentres traza nun caderno as liñas da periferia da Coruña, segue a pensar no fondo da galería Trinta onde dispón os seus últimos traballos. Antón Cabaleiro agrupa as súas obras nestes días na sala de exposicións da Comunidade de Madrid, dialoga con Helena Almeida na Mostra Unión Fenosa da Coruña mentres garda no espazo Feedback unha morea de ideas para o futuro; unha produción en proxecto. A lixeireza do traballo de Mar Vicente fai que un amigo percorra de novo a súa mostra na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, lle ensina porqué compón pinturas desde o mínimo, para despois axudarlle a recoller os lenzos. Neves Aldara Seara rele un libro de Ángel Valente mentres prepara unha instalación de nomes e mensaxes; a vida atrápase nas súas obras cheas de cambios. Pasea Miranda Prieto, deixa atrás o Teatro Principal, entra na rúa Chaviño e segue a darlle voltas á nova icona de Rei Centolo cunha PrayStation pouco xacobea.
Todos pensan no momento, mentres traballan no de cada un; agora agrúpanse no certame de Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Ningún deles pensa xa nese presente, seguen a traballar; pensan no seguinte episodio. Observan o seu lugar na sala e percorren os pasos ata á saída, nada máis. Quizais a importancia está nos ollos dos non-artistas que contamos os pasos entre cada obra, entre a súa distancia estética, narrativa e temporal. Definimos o seu momento, impoñemos a etiqueta que mellor a identifique —sempre “en relación a”— e seguimos enchendo o catálogo de “novos valores”. Todo é cuestión de pasos e de historias que agora se xuntan pero que ningunha mira ós lados.
O relato de seu
O tempo detido nunha habitación baleira, mentres un home escapa con chanzos nos pés. Luz de fronte nun sorriso de película e unha morea de metamorfoses propias dunha banda deseñada tola. Xeración narrativa. O tempo, a memoria, xa non teñen un lugar estable, activo. Agora temos a ollada do persoal, do momento, Silvia Sánchez autorretrátase en tres ocasións ou Iván Carlos Franco fai o mesmo nunha figura feminina fronte a unha fiestra. O tempo, insisto, ten un apelido de seu; a verdadeira sorpresa, esa micro partícula dun “chas” de atención nunha mostra colectiva, presentouna a frase “Te quise más que a nadie, hijo de puta”. Unha sentencia que Antía Moure fotografou nunha habitación baleira, esquecida con follas e quilos de tempo. Fogar dun vagabundo ou eterna caixa de lembranzas dun pasado non tan distante, onde un sofá-cama e unha mesa de estudo na esquina falaban nunha historia quizais de amor. Quedou unha enorme mancha de humidade e a súa letra en vermello, nada máis. Aí reside o logro dunha boa fotografía, só importa o presente, volver a recordar para que ti, espectador ilusionado, reconstrúas a súa particular historia.
A ruptura chega ós poucos, fotografías que son pintura e vídeos que son esculturas. A nova chega con Irene González e Diana Lores, un colectivo que ironiza desde a propia fractura de límites cos seus “Platitos. Frame a frame”, nunha composición de pequenos pratos de cerámica, instalados en dous estantes, reproducindo a secuencia dun vídeo, plano a plano.
Por diante
Cambiamos de espazo, pasamos por unha lonxa gótica, unha atarazana, unha industria ou un pazo rehabilitado; as tramas seguen a ser recoñecibles. Pasamos polo certame de Generación 2004 de Caja Madrid, nestes días por Zaragoza, e identificamos a pintura acumulativa-marxes de Carlos Maciá, e seguimos a lembrar as súas pinturas na galería Clérigos ou o premio no certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense o ano pasado, o mesmo que este ano gañou Félix Fernández. O vídeo “Prime time” foi a obra gañadora, neste 2004, “contra todo prognóstico”, como define un xornal. Xa vos digo, menos mal que imos acertando en algo. Todo o que sexa contra-todo-prognóstico asegura unha fractura no discurso, no percorrido previsto e organizado. Pero, tamén insisto, o espectador segue a darlle voltas á súa interpretación, mentres Félix pensa desde Madrid, alí vén de coordinar un taller de vídeo, alí o atopei no seu particular recoñecemento corporal do contorno, nunha selección de traballos audiovisuais en La Casa Encendida, acertando no seu traballo e na súa coherente aposta desde a opción interdisciplinar. Por sorte, sempre van diante.