A ecuación Drake para calcular compañeiros de Galaxia
A busca de vida intelixente fora do noso planeta xa está en marcha mais, qué posibilidades hai de que existan realmente civilizacións extraterrestres cunha tecnoloxía avanzada, con capacidade de comunicación interplanetaria? É posíbel que moitas.
Lección de humildade
É a nosa especie algo extraordinario e excepcional dentro do universo coñecido? As grandes relixións consideran que os seres humanos e o planeta Terra ocupan un lugar privilexiado no Cosmos, que o Universo foi creado hai uns 6.000 anos para deleite do Homo sapiens. Hai tres mil anos non había maneira de contrastar estas ideas, mais agora, grazas á exploración científica do Cosmos, sabemos moito máis: a Terra non está no centro do Universo, nin sequera o Sol; o Sistema Solar está nunha barriada periférica da galaxia Vía Láctea. Esta galaxia tampouco está no centro do Universo, nin é a única, xa que hai centos de miles de millóns de galaxias distribuídas nun Universo de distancias abrumadoras. Tampouco somos importantes en tempo: a nosa especie leva existindo un 0.002 % do tempo que transcorreu desde o Big-Bang. Vivimos nunha insignificante mouta de po que flota nun vasto Universo.
Emperadores da nada
En verbas de Carl Sagan: “Esa mouta de po é a nosa casa. Nela toda a xente que amas, toda a xente que coñeces, toda a xente da que ouviches falar algunha vez, todos os seres humanos que teñen existido, viviron as súas vidas. O conxunto dos nosos praceres e sufrimentos, miles de confiadas relixións, ideoloxías e doutrinas económicas, cada cazador e recolector, cada heroe e covarde, cada creador e destrutor de civilización, cada rei e campesiño, cada parella de namorados, cada nai e pai, e neno esperanzado, inventor e explorador, cada mestre de moral, cada político corrupto, cada “superestrela”, cada “líder supremo”, cada santo e pecador na historia da nosa especie viviu aquí, nunha mouta de po. A Terra e un lugar moi pequeno nun vasto escenario cósmico. Pensa nos ríos de sangue derramados por todos eses xenerais e emperadores que, na súa gloria e triunfo, puideron converterse nos donos momentarios dunha fracción dunha mouta de po. Pensa nas crueldades sen fin feitas polos habitantes dunha esquina deste píxel sobre os dificilmente distinguíbeis habitantes de calquera outra esquina, que frecuentes os seus malentendidos!, que dispostos están a matarse uns a outros!, que ferventes os seus odios!”
(A semana pasada morreron en Beslán (Osetia do Norte) máis de 300 persoas, moitos delas nenos, por unha destas estupideces humanas).
Un intento coa ecuación Drake
Mais volvamos ao principio; cántas posibilidades hai de que existan outras moutas de po similares á nosa? Pode facerse un cálculo aproximado utilizando unha ecuación desenvolvida polo científico Frank Drake en 1961; se trata da simple multiplicación de varios factores: N= N* fp ne fl fi fc fL.
N, o número que andamos a buscar, representa a cantidade de civilizacións na Via Lactea capaces de comunicarse con outros planetas, e depende dos seguintes valores:
- N*: número de estrelas na Via Lactea. A estimación actual é duns 400 mil millóns. (Nalgunhas formulacións da ecuación se utiliza a variábel R en lugar de N*. R é a taxa de formación de estrelas adecuadas para a aparición de vida).
- fp: a fracción de estrelas con sistemas planetarios. Os cosmólogos calculan que entre un 20-50 % das estrelas poden ter planetas dando voltas arredor delas.
- ne: o número de planetas, por cada unha desas estrelas, que son ecoloxicamente propicios para a vida (esa “vida”, por suposto, non ten que se parecer á que existe na Terra). Se calcula que entre 1 e 5.
- fl: a fracción deses planetas nos que, finalmente, se desenvolve a vida. As estimacións van desde o 100 % até perto do 0 %. Carl Sagan, sendo conservador, calculaba un 30 %.
- fi: a fracción dos planetas con vida nos que xurde vida intelixente. Este volve a ser un valor difícil de calcular, polo que as opinións dos científicos volven a estar entre o 100 % e perto do 0 %.
- fc: a fracción dos planetas con vida intelixente que emiten ao espazo sinais detectábeis. Entre un 10-20 %, para ser conservadores.
- fL: a fracción do tempo de existencia dun planeta no que existe vida intelixente con capacidade de se comunicar. Este último factor é moi interesante, xa que a todos os cálculos anteriores hai que engadir o período de tempo no que ocorren; e o tempo, igual que as distancias, é terribelmente inmenso cando falamos en termos cósmicos. Por exemplo, o planeta Terra ten unha esperanza de vida duns 10 mil millóns de anos (dos que xa leva consumidos a metade), mais durante todo ese tempo tan só ten existido vida intelixente que emite sinais ao espazo (ondas de radio) nas últimas décadas; ou sexa, unha fracción de 1/10.000.000 do tempo total.
Cal é o valor de N? Existe vida intelixente aí fora? Sendo moi tacaños e conservadores, temos un resultado final de entre 1 e 10. Mais, por exemplo, simplemente incrementando o período de tempo de existencia das civilizacións, supoñendo que non se autodestrúen pouco despois de alcanzar coñecementos tecnolóxicos (o que, por desgraza, pode pasar con nós), o valor de fL pode ser tranquilamente de 1/100, o que nos daría un valor de N de 10.000.000. Hai moitas combinacións posíbeis das variábeis que acabo de comentar, podes investigar con elas na ligazón indicada abaixo.
Fe cósmica
Agora mesmo poden existir, tan só na galaxia Via Lactea, entre 1 e 10.000.000 de planetas con vida intelixente. Terá cada un deles, como aquí, centos de relixións proclamando sen rubor que o Universo foi feito para o seu deleite? Existirán en todos eses planetas, en todas esas outras moutas de po, guerras estúpidas pola supremacía de cada chauvinismo particular?
Bibliografía
“Cosmos”, Carl Sagan
http://www.editorial.planeta.es/07/07.asp?field=Titulo&Text=cosmos&IDLIBRO=12333
“Un punto azul pálido”, Carl Sagan
http://www.editorial.planeta.es/07/07.asp?field=Autor&Text=carl%20sagan&IDLIBRO=12325
Ligazóns
Proba diferentes combinacións da ecuación Drake:
http://www.seti-inst.edu/seti/seti_science/drake_calculator.html