culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A lección ausente

A mostra “Arquitecturas ausentes do século XX”, que até novembro podemos visitar na Sala de Novos Ministerios de Madrid, realiza un atractivo exercicio de ollada ó pasado, unha volta ó esquecido e ó valor da historia como un laboratorio de continua experimentación.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A ausencia defínese mentres se esvaece, nun intre de silencio; a súa narración, a súa imprevisible mensaxe, repousa para sempre. Poñerlle un cualificativo ausente a un produto funciona irremediablemente como un valor de atención, case de sedución. A mostra “Arquitecturas ausentes do século XX”, que podemos ver até o 7 de novembro, preséntase na arquitectura menos ausente e menos imprevisible de Madrid, nos Novos Ministerios, un exercicio de amoblamento institucional no franquismo. O edificio posúe unhas arcadas que reciben ó visitante, pechando unha sorte de patio ó xeito de loxia, onde se formalizou unha sala de exposicións que atende a proxectos de diversas direccións sempre centrada no ámbito da arquitectura e da construción.

Lugares na distancia

A mostra, que a partires de xaneiro se poderá ver na Fundación Pedro Barrié da Coruña, presenta 24 importantes proxectos de recoñecidos arquitectos que posúen dúas características propias: nunca chegaron a construírse ou foron demolidos ou alterados, ben por ser unha obra de carácter efémero ou por cuestións que nada teñen que ver coa arquitectura. A mostra non pretende insistir nesa reflexión da desaparición, aínda que deixa aberta a interpretación de memoria e pasado, senón que se centra na idea experimental e vangardista do propio proxecto na súa historia e presente. Obras, todas elas, que desde a súa ausencia ou fugaz existencia, perviviron na memoria da propia arquitectura, nas súas reflexións teóricas e prácticas, quedando na actualidade como dicionarios de vantaxes e como libros que por moito que relemos seguen a sorprender e aportar na súa orixinalidade.

Obras do século XX que foron recompiladas e seleccionadas por un xurado formado por arquitectos que, en maior ou menor intensidade viviron estas realidades: Mariano Bayón, tamén comisario da mostra, Miguel Fisac, Rafael Moneo, Juan Navarro Baldeweg e Joseph Quetglas e Francisco Javier Sáenz de Oiza. Pero a mostra non remata na propia presenza museística, senón que se pretende que cada proxecto se actualice como un laboratorio de traballo, pretendendo que o produto sexa reflexión, documento e caderno de investigación, e do que se encargaron unha serie de profesionais como Manolo Gallego, Miguel Seguí, Lilia Maure ou Pep Llinás. Admírase esa perspicaz vontade desde o actual.

Obras dicionario
Entre os proxectos presentados sobresae a presenza do galego Alejandro de la Sota, co proxecto non construído das Vivendas en Mallorca (1984); unha obra que pretendía ensinar a construír nun contacto cómplice co territorio, demostrar que os avances non están sempre na técnica, senón en comprender a memoria dun lugar e da propia construción. Tamén sen chegar a realizarse quedou o museo que Utzon proxectou para albergar a obra de Asger Jorn, integrante do grupo CoBrA en Silkeborg ou o marabilloso e sorprendente Garaxe para mil automóbiles que o vangardista Melnikov deseñou para París; como describe o propio arquitecto, “catro espirais-rampa que non se cruzaban entre si. Unha das espirais irrompe no centro da fachada do edificio e os coches pasan rapidamente por ela ante a mirada da multitude de París”; e estamos en 1925, case lembra unha imaxe de Metrópolis. Na mostra, aparte de voces descoñecidas ou pouco investigadas, non se poden esquecer nomes enciclopédicos como Jacobsen, Aalto ou Le Corbusier e a súa Vila Saboye, un dos mellores exercicios de composición espacial, megaobservado ó longo do século XX; o seu é un verdadeiro alarde de perfección. Saltamos a 1969, en Venecia, preto do Arsenale, Louis Khan pretendía realizar un sorprendente pazo de congresos, coa particularidade de ser unha sorte de ponte que voaba sobre unha das canles da cidade. Tamén sen construír, quedaría como un entendemento da tecnoloxía, desde Lina Bo Bardi ata a cuberta de Siza na Expo 98.

Na exposición, entre montaxes certamente imaxinativos e moi coidados, sobresae o proxecto do Pavillón Español na Exposición Universal de Bruselas (1958) realizado por outros arquitectos tamén coñecidos das nosas latitudes, J.A. Corrales e R. Molezún; lembremos que obra do primeiro é o Polígono de Elviña, unha das mellores obras de arquitectura de vivendas plurifamiliares a nivel peninsular. A ausencia, que acompaña ás dúas obras citadas, queda baixo un adorno imperdoable de esquecemento, xa que a primeira foi reinstalada, dun xeito fragmentado, na Casa de Campo de Madrid, onde persiste na actualidade nun estado ruinoso. A ausencia destínase agora a ollar a historia desde o valor do romántico, como se achega á historia desde a ruína, desde a melancolía e o absurdo, nunca desde a imaxinación. Curioso entendemento para a evolución arquitectónica.

Porque, case sen pretendelo, a mostra permite recapacitar sobre o porqué da construción e a súa persistencia nun espazo e nun tempo; o valor do ausente non reside só na non realización, senón tamén no non recoñecemento ou valoración no presente. É preciso entender para evolucionar, incluso nos silencios ou nas ausencia. Porque tamén a historia está integrada por palabras non ditas ou discursos sen ditar.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org