culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Cinco millóns de terrícolas á procura da música celestial

Do frescor da bodega do coñecemento rescato, para os que aínda non o degustastes, un gran reserva da divulgación científica. As vacacións de verán poden ser un bo momento para meditar ou para emprender unha nova experiencia. Vou propoñer as dúas cousas, unha reflexión sobre o mundo que habitamos a través dun libro marabilloso, Cosmos de Carl Sagan; e un experimento pouco común, participar no colosal proxecto de busca de vida extraterrestre “SETI at home” da Universidade de Berkeley.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A rutina, as obrigacións diarias, a TV, as présas, a competitividade social, e moitos factores máis, necesarios ou estériles, deixan pouco tempo libre para deterse a pensar nos aspectos realmente esenciais da nosa existencia. Mais nós estamos de noraboa, formamos parte dos habitantes do planeta que temos acceso fácil ao coñecemento e información atesourado pola especie humana: bibliotecas, librarías e Internet están ao noso alcance. Desgraciadamente, poucas veces lle sacamos proveito. Calquera sabio da antigüidade daría a metade da súa vida por poder gozar do coñecemento actual; nós podemos facelo, sabemos que esta aí, mais poucas veces somos realmente conscientes do que significa, por carecer dunha perspectiva global adecuada.

Un libro
Hai un libro que pode axudar a saír do aletargamento histórico, un libro que é capaz de espertar a capacidade de asombro de calquera: Cosmos. Escrito a finais dos anos 70 polo astrónomo e divulgador Carl Sagan, segue a ser a mellor obra de divulgación científica de todos os tempos. Carl Sagan naceu en New York en 1934, estudou física e se doctorou en astronomía e astrofísica. Foi un dos principais impulsores da exploración espacial, profesor da Universidade Cornell (Ithaca, New York) e colaborador da NASA, onde tivo un papel relevante nas expedicións Mariner, Viking, Voyager e Galileo. Sagan morreu o 20 de decembro de 1996, mais a súa pegada no Universo durará bastante máis: foi o encargado do deseño dos discos, con información sobre a Terra, que van a bordo das naves Pioneer e Voyager coa esperanza de que algún día unha civilización extraterrestre as encontre. A pesar da erosión producida polo impacto de po e raios cósmicos, esas placas durarán polo menos 1.000 millóns de anos!

O profesor Sagan viviu seducido pola capacidade dos seres humanos para estudar e explorar a natureza e o universo, encantamento que soubo transmitir con elegancia e eficacia. A obra Cosmos xurdiu como consecuencia da desolación que lle producía o descoñecemento que a maioría da xente tiña –ten- da ciencia e do pensamento humano. Cosmos é unha obra poética, que fala de historia, arte e filosofía, que descubre de maneira poderosa e sinxela a evolución do coñecemento, a situación da nosa especie e do planeta Terra dentro do universo. Toda unha homenaxe á fascinante experiencia de saberse vivos e de sentirse parte dunha evolución prodixiosa.

Un experimento serio e popular
Abraiado pola improbabilidade de habitar no único planeta con vida intelixente do universo, Sagan dedicou grande parte da súa investigación á busca de civilizacións extraterrestres. Os números están da súa parte (ver próximo artigo) e hoxe en día poucos científicos dubidan da existencia de vida intelixente noutros planetas. En 1980 fundou, xunto con outros dous científicos da NASA e do Caltech (California Institute of Technology), a Sociedade Planetaria, para impulsar a exploración do sistema solar e a busca de vida fora do planeta Terra. Cómo se fai para buscar vida extraterrestre? A estratexia principal consiste en “escoitar” as ondas de radio que chegan á Terra procedentes do espazo, coa esperanza de atrapar información emitida por outras civilizacións. Para realizar esta tarefa se utilizan radiotelescopios, como os que aparecen na película Contacto (baseada, por certo, nunha novela do propio Sagan). O maior radiotelescopio do mundo é o de Arecibo, situado en Puerto Rico e administrado pola Universidade Cornell; ten unha antena de 304 metros de diámetro, o que lle permite captar sinais moi débiles que pasan desapercibidas para exploradores do universo de menor tamaño.

Os técnicos do proxecto SETI (“Search for Extraterrestrial Intelligence”, ou sexa, Busca de Intelixencia Extraterrestre) que analizan as sinais captadas polo radiotelescopio de Arecibo teñen un problema: hai demasiados datos. A Terra recibe ondas de radio continuamente, e a tarefa dos científicos consiste en analizar coidadosamente esa información para buscar emisións susceptíbeis de ser producidas por algunha civilización remota. Hai que efectuar millóns de operacións para separar a palla da información con algún valor, e iso require tempo e computadores moi potentes. Para poder analizar en tempo real toda a información que se recibe se precisaría dun supercomputador moito máis potente que os que existen actualmente (como o Earth Simulator de NEC ou o BlueGene de IBM), polo que moitos dos datos simplemente se perden… se perdían.

Todos podemos participar no Contacto
En 1998 dous profesores da Universidade de Berkeley en California –colaboradores do proxecto SETI- tiveron unha idea estupenda: imos construír o maior supercomputador virtual do mundo utilizando centos de miles de ordenadores persoais conectados entre si a través de Internet. E así foi como naceu o proxecto SETI@home, ou sexa, SETI desde casa. O proxecto consiste en tomar prestada a capacidade de computación dos ordenadores persoais de todas as persoas que queiran participar, utilizando soamente a máquina cando non está a traballar noutra cousa (o programa funciona como se fora un protector de pantalla, que se activa debido á inactividade). O proxecto funciona da seguinte maneira: o telescopio de Arecibo recolle información de maneira continua, varrendo todo o ceo cada 9 meses. Os datos de radio son enviados á Universidade de Berkeley, onde se fragmentan en pequenos rexistros de 107 segundos de duración que son distribuídos polos ordenadores dos participantes. O programa que se instala no ordenador persoal está deseñado para buscar sinais sospeitosas de ser artificiais (producidas por algunha intelixencia) e enviar os resultados de volta a Berkeley.

Os impulsores do proxecto estimaron que se unirían ao mesmo entre 200.000 e 300.000 persoas. No momento de escribir este artigo (luns, 26 de xullo), hai inscritos 5.071.177 usuarios. Calquera persoa con ordenador e conexión á rede pode participar no maior experimento de computación xamais desenvolvido, e implicarse directamente na busca científica de vida extraterrestre; non fai falla ter coñecementos científicos nin informáticos, basta con descargar e instalar o software que se ofrece na páxina web do proxecto. No caso de detectarse unha sinal extraterrestre se notificará rapidamente aos gobernos e axencias de prensa, e os computadores implicados serán considerados co-descubridores.

O profesor Sagan sería feliz vendo a cinco millóns de terrícolas analizando os sons que chegan do espazo, na procura de rachar coa soidade cósmica.

Non esquezades o libro Cosmos. Que pasedes un bo verán.

Ligazóns

Cosmos, de Carl Sagan

http://www.editorial.planeta.es/07/07.asp?field=Titulo&Text=cosmos&IDLIBRO=12333




Carl Sagan

http://www.planetary.org/spanish/eSagan_index.html

http://en.wikipedia.org/wiki/Carl_Sagan


http://www.cosmicvoyage.org/cv_sagan.htm



A Sociedade Planetaria

http://www.planetary.org/



SETI@home

http://setiathome.ssl.berkeley.edu/

http://setiathome.ssl.berkeley.edu/totals.html

http://www.querysoft.es/seti/

http://www.querysoft.es/seti/about_seti/about_seti_at_home_1.html

http://seti.astroseti.org/intro.php



As placas dos Pioneer e Voyager

http://en.wikipedia.org/wiki/Pioneer_plaque

http://en.wikipedia.org/wiki/Voyager_Golden_Record



O observatorio de Arecibo

http://www.naic.edu/



Os 500 supercomputadores máis rápidos do planeta (ollo ao posto 475)

http://www.top500.org/list/2004/06/

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org