Palabras menores
A disciplina do debuxo contén a confusa etiqueta de arte menor; a mostra “O trazo dos mestres”, que ata setembro podemos ver na Fundación Caixa Galicia da Coruña, demostra a súa maxistral modernidade, a súa valoración no proceso creativo.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Queda sempre o debuxo, a súa práctica, como un exercicio de experimentación, un cálculo de posibilidades creativas. Sempre se significou por estar pendente, por identificarse servil doutras disciplinas, da pintura, da escultura ou da arquitectura. O debuxo foi un exemplo perfecto do proceso, unha eterna tentativa que existía na soidade do artista fronte ó papel ou calquera outro soporte. Queda claro que a súa existencia como elemento de paso deixouno para sempre na inquietante posición de elo ou paso necesario; un status que xogou ó seu favor na lectura da modernidade. Foi nesa sorte de aplicación na que o debuxo comezou a reforzarse na historia, sobre todo a partir da historiografía de finais do século XIX onde o redescubrimento dos debuxos orientais ofertaron un novo xeito de compoñer e describir.
Debuxo xerminal
Vén todo a conto da presencia na Fundación Caixa Galicia da Coruña dunha excelente mostra que reúne unha selección de debuxos entre os séculos XVI e XIX. A exposición, que se reescribe baixo “O trazo dos mestres”, centra o percorrido entre dous fitos da arte universal, de Guercino a Canova, ou o que é o mesmo, dous faros que engloban o pictórico tinguido de teatralidade do barroco e a depuración efectiva, clasicista, do neoclasicismo. Unha paisaxe de artistas que coincidiron en Roma baixo diversos escenarios políticos e sociais.
Queda esta mostra como un exemplo perfecto de achegamento histórico, desde a voz silenciosa. “O trazo dos mestres” crece no itinerario, redescóbrese pouco a pouco. Acértase na cor e iluminación das salas, nun case seductor paseo pola “arte no proceso”, nos trazos, nos esbozos. Cambios o rol de visitante de grandes multitudes e pousamos tempo en cada peza; cada unha das obras presentadas supón un pequeno diario de artista, un determinado día ou estancia, unha ollada sobre a faciana dun neno ou en imaxinarse dentro dunha escena bíblica; mesmo un skyline romano, con vestixios do pasado retratados coa crecente narración do Romanticismo, perfectamente esbozado na obra de Duranti. O debuxo posibilita calquera pensamento, converte a dúbida nun estado de emoción, queda o xesto da man, antes do filtro do óleo, máis público e perenne. Guercino preséntanos unha “Sagrada familia” composta desde as sombras, cuns imperceptibles trazos de pluma que se esvaran na acuarela lavada; entra nesa situación, o autor pode pensar nas súas olladas, nos seus pliegues e peles, céntrase na intensidade dese intre. O autor pode imaxinar. Logo, como digo, chega a ollada pública, política ou relixiosa, pero agora é tempo de pausa e dispersión cotiá.
Pintar debuxos
Atopamos o pintor, pero tamén o escultor, supoñendo unha realidade no papel, aderezado pola acuarela ou a sanguina, no lapis, na tinta ou no albaialde sobre soportes beixes ou marróns. Mengs, no seu estudo para o teito da Sala dos Papiros, ofrece a outra vertente do debuxo, a recreación do espazo final, o esbozo perde significación para centrarse na composición do escenario, gañando en narración. Igual sucede na obra “Resurrección de Lázaro”, un debuxo anónimo da Escola florentina do século XVII, ou no retrato de Urbano VIII en oración, obra de Pietro da Cortona, mestre do barroco heroico.
Queda claro, ollando cada un destes debuxos, que todo o que atopamos no cadro, no lenzo o na escultura de mármore, estivo antes no debuxo. O esfumato pasou primeiro polos roces de pel fronte ó fondo dos debuxos, o mesmo que a ollada “impresionista” ou “romántica” da paisaxe. Percorrer esta mostra, polo menos para un historiador, supón algo así como rachar as marxes da obra en palabras maiores; así debeu de sentirse Fortinato Duranti, coleccionista do que procede esta selección de obras, e que foi tamén pintor e coetáneo de moitos dos presentes nesta mostra. Converter a historia nun retrato de esbozos silenciosos.