Fotografía lama
Pertence Cristina García Rodero ó grupo de artistas que fan do relato un acontecemento excepcional. Cada ingrediente, cada grao de imaxe representa unha condensación de sentimentos. Unha novelista que non perde o fío do relato pero insiste en ser poetisa; así se presenta na exposición que ata setembro poderemos ver no Museo das Peregrinacións de Santiago.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
A mostra, que o visitante atopa curiosamente despois de percorrer salas de obxectos relixiosos e cadros, rodeando un pequeno patio, presentan instantáneas en branco negro das viaxes que Cristina García Rodero (Premio Nacional de Fotografía) realizou á illa de Haití, co motivo de retratar a celebración da peregrinaxe á lagoa de Saint Jacques, localizada na Plaine du Nord. A relación, co museo e coa cidade, chega de inmediato; como sucedeu noutros proxectos expositivos que presenta a institución, ofrécese a vertente paralela, menos directa da opción peregrina. Así pasou con Zhang Huan ou con. Jordi Esteva. Trátase de actuar de espazo de disparidade, concentrar o logro na propia experiencia, non na narración, trátase de organizar en primeira persoa, quizais nun punto máis lírico, digamos metafórico, que as outras mostras que baixo a etiqueta Xacobeo se presentan estes meses en moitas igrexas, museos e colexios da xeografía compostelá. Despois de pasar pola mostra dos relicarios, dos hospitais reais, mesmo da exaltación das artes ou da monarquía, agradécese un tempo de mesura, alí onde se deposita o corpo.
Pel verdade
Un repertorio de imaxes, xestos de peregrinaxe e, sobre todo, de encontro, de realización; comportamentos de verdade. Algunhas das imaxes presentadas son coñecidas, foron presentadas na Bienal de Venecia do 2001, na selección colectiva que fixo o propio Harald Szeemann, curiosamente agora comisario xeral da Bienal de Sevilla, na relación da paisaxe coa platea da humanidade. Todas as fotografías, nun perfecto branco e negro, retratan os instantes de encontro, de realización e dixestión do ritual. A exposición insiste no territorio do home ou da muller, na súa interpretación dentro dun teatro fortemente exaltado; actores na busca dun lugar, guiados polo éxtase, pola mensaxe pararelixiosa, atentos á cámara, ó obxectivo, non tanto de Cristina García senón da veracidade e do sublime, do humano e do divino. Unha narración contundente da encrucillada das dogmas, as vontades das multitudes, perfectamente exemplarizado nas escenas da lama; xente que se dispoñen nun éxtase alucinante, case irreal, molladas nun ámbito ou atmosfera de loucura, de maxia. Parece que morren, parece que resucitan; un camiño de salvación, de evidencia híbrida, o ceo na terra ou a lama no corpo, ollos e dentes brancos e vestixios de pureza. Así se evidencia a intranquilidade de mestizaxe do vodú e do catolicismo.
Unha caravana de homes e mulleres amoréanse nun ferrocarril, parecen sardiñas nunha composición que poderiamos repetir case ate o infinito; un santón preto dun fiel, na beira do camiño. Así é o percorrido, o da maioría dos peregrinos en terras alleas, non nas latitudes lights do primeiro mundo. Falamos de narracións e falamos dunhas fotografías, verdades narrativas, que ofrecen a peregrinación e a súa realidade; Cristina García só actúa de espello, de filtro lene.
Pel terra
A pel terra, o corpo soterrado na lama e o silencio dunha mirada. Se algo nos queda destas escenas é o nivel de entrega de cada individuo, trátase de sentirse cómplice coa situación, de vivir na intensidade. Nada é banal. Agora síntese cos poros da vida; a pel vólvese nai, árbore e auga. Cada imaxe resposta a sentimentos directos, calculados pero expansivos. A dispersión quédase no impulso; será o espectador o que menos conta. Sen embargo, a instalación das imaxes nesta mostra resposta, co equilibrio de escalas e soportes, a unha sinxeleza de resultados documentais fronte ó visitante (acompañados de pequenas sentencias ou música). Deixarse levar polas imaxes, case viaxeiras, da experiencia haití.
Pel lama, ollos carne, árbore nai. A imaxe do home e da natureza, do home e do animal, son un mesmo actor no drama do ritual. Resulta emotiva a escena dun adolescente que acolle nas súas costas unha cabra aínda viva; logo atopará a súa salvación, a súa propia esixencia de súplica transcendental. Sacrificarase. O manierismo case sensual, o roce dos beizos ou a ollada cómplice trasladan ó compromiso directo coa salvación. O silencio do animal e do home formando parte da mesma vida, da mesma morte; a man agarra fortemente mentres aperta o corpo do animal como pregando que non escape, case nun susurro-navalla.