culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Ética e estética do lume

Árbores, plantas, insectos, aves, mamíferos, e mesmo a calidade do ar e a beleza paisaxística sofren, desaparecen ou morren a causa dos incendios forestais. Loitamos contra o lume para manter toda esa riqueza, mais, as cousas non son sempre como –nos- parecen. Os ecosistemas son moito máis complexos do que acostumamos pensar, e o estudio da evolución dos bosques do planeta Terra está a revelar que, en condicións naturais, o lume pode ser construtivo, e até necesario.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Esas “condicións naturais” son cada vez máis difíciles de encontrar, e a maioría dos bosques que tapizan Galiza son explotacións controladas polos seres humanos co obxectivo de obter beneficios –económicos, paisaxísticos, etc- a curto prazo. Moi curto prazo se falamos en termos bio-xeolóxicos: en estas condicións o lume é, desde logo, devastador e pouco recomendábel. Mais, fagamos o esforzo de observar a natureza desde un punto de vista afastado dos nosos intereses, máis neutral.

Antropocentrismo
A idea xa a introducín en artigos anteriores: o funcionamento dos ecosistemas no planeta non está artillado para que os seres humanos sintamos pracer ou gocemos, simplemente…está. O sentido de beleza e harmonía reside nas conexións neuronais do noso cerebro; os animais depredadores precisan matar a zarpazos lindas criaturas de postal de pelo algodonoso, e os bosques precisan reinventarse continuamente, renovarse e coller forzas, tarefa na que o lume pode tornarse en aliado. O inimigo está nas nosas cabezas. O lume non é necesariamente bo ou mao, simplemente produce un cambio, e o cambio é a materia prima da fascinante diversidade da vida na Terra, necesario para a saúde dos ecosistemas.

Unha receita moi vella
Ao longo dunha vida podemos pasear por moitos bosques sen apreciar cambios importantes, mais, nada é estábel. Unha existencia humana é tan só un fotograma na vida dun bosque. As explotacións forestais actuais son temporais, adaptadas aos nosos requirimentos; se vivísemos entre 1.000 e 10.000 anos non teríamos máis remedio que arrasar de cando en vez os bosques, para revitalizar non só a terra, senón os propios mecanismos biolóxicos de moitos organismos. Os estudos sobre a evolución dos bosques mostran que, en ausencia de incendios – e outras perturbacións importantes como erupcións volcánicas ou conxelacións- a cantidade de fósforo vai diminuindo continuamente, o que leva a un empobrecemento do chan e á desaparición da riqueza vexetal. Moitos organismos vivos están preparados para esas perturbacións: hai plantas, por exemplo, que teñen adaptacións estruturais, tecidos especializados, ou características reprodutivas que se ven favorecidas polo lume. Estes atributos indican que existe unha relación co lume desde hai millóns de anos. As sementes de algúns árbores (por exemplo os pinos Pinus contorta e Pinus banksiana) precisan do lume para liberarse e poderse dispersar, aínda que para elo sexa necesario a morte do árbore que as produce; outras plantas, como a Gentiana autumnalis, só proliferan en zonas queimadas ou con algún tipo de perturbación.

Tómese unha píldora destas cada 1.000 anos
Os científicos están estudando coidadosamente o efecto do lume na estabilidade a longo prazo dos bosques, non só nos ecosistemas salvaxes, senón tamén en explotacións humanas. Nos bosques de moitas rexións do planeta se está a utilizar o lume de maneira controlada; inclusive nalgunhas zonas a lei impide apagar un incendio forestal se as causas son naturais. Á utilización do lume para manter a saúde forestal se lle chama “lume prescrito”, técnica que se usa desde os anos 70. Estes lumes non se fan de maneira indiscriminada, senón que teñen que realizarse por expertos, queimando de maneira controlada para permitir, entre outras cousas, que os animais poidan desprazarse a zonas sen queimar.Todos coñecemos os efectos destrutivos do lume, entón, qué pode ter de bo un incendio forestal? Ademais de incrementar os niveis de fósforo no chan e de favorecer a distribución e crecemento dalgunhas sementes, os lumes controlados poden ter moitos efectos beneficiosos. Un deles é, paradóxicamente, evitar grandes incendios forestais, xa que limpan a superficie de restos vexetais mortos, (á vez que liberan nutrientes e diminúen a posibilidade de pragas) e eliminan un combustíbel que, no caso de acumularse excesivamente, si que pode ser totalmente destrutivo; algúns alerces, abetos e pinos teñen unha cortiza grosa e resistente, que soporta estes lumes de pouca intensidade.

Renovarse ou morrer
Mais, probabelmente o efecto beneficioso máis importante sexa o relacionado coa variabilidade. A mestura de mundos sempre produce riqueza, e a natureza o sabe: os puntos de contacto entre ecosistemas distintos son unha das principias fontes de diversidade, concepto que en ecoloxía se chama efecto de borde (as rías galegas son un bo exemplo). Os lumes poden producir este efecto de borde e favorecer a especies animais como cervos, paxaros carpinteiros, paspallás, tartarugas, serpes, etc. O cambio e a variabilidade son imprescindíbeis para a estabilidade. Un mundo que se aferra a modelos ríxidos e inflexíbeis está condenado á extinción. E, como non, unha vez máis o que aprendemos da natureza se pode aplicar a moitos aspectos das sociedades e estruturas humanas.

Non vén mal, de cando en vez, meterlle lume ás nosas ideas (por moi boas que sexan).

Ligazóns

Os bosques precisan perturbacións
http://www.scienceagogo.com/news/20040523003143data_trunc_sys.shtml

Lume prescrito
http://www.pfmt.org/standman/prescrib.htm
http://www2.uhu.es/03037/doctorado/quemasp.PDF
http://www.uhu.es/03017/Resupacosenra.pdf

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org