culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Na curación das imaxes

A fotografía colleu moi cedo a capacidade de travestirse e enfrontarse á propia historia da arte. Roberto Ribao, na súa mostra no Rincón Coruña Arte, demostra o poder da imaxe, do símbolo e da continua necesidade de reler a historia na súa espera reciclada.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Roberto Ribao é un deses autores fascinados pola fotografía, pola súa capacidade de retratar o presente e trazar unha medición perfecta do real, documentando o pulso directo. Por iso mesmo recibe nos seus petos os datos precisos dunha noticia e concentra a pluralidade nun intre de efectividade narrativa. Coñezo poucos autores que precisen tan pouca información ou tan pouca descrición para chegar a unha imaxe inconfundible; calquera que persiga a súa entrega mensual na revista Tempos Novos das súas postais comprende a súa mensaxe social, onde o texto actúa case de reverso dunha imaxe que pretende ser un retrato dun intre do noso presente. A postal, sutil ironía informativa-turística, oferta esa dualidade que describe a obra de Ribao; nunca se pecha un desexo de comunicación sen antes non desvelar un novo pracer na mirada, no contacto intenso, epidérmico, coa terra, co mar, coa beleza. Un BMW vermello invadido por un cesto de verde, un cabalo de pedra que converte en deus, máxico, a unha pedra erosionada ou os ollos femininos nun retrovisor. Poucas veces unha imaxe resiste ó paso dunha lectura textual, Ribao consegue que nunca se perda o fío, encárgase de poñerlle estadas a unha narración directa, efectiva.

Recre(h)arte
Son as postais, imaxes espello do texto, as que serven de laboratorios e, de xeito paralelo, de prólogo á liña de producción na que, desde hai tempo, ocupa parte do seu traballo: a revisión da historia da arte. A chiscadeira informativa despréndese a modo, como despegando unha cartela de memoria, mesmo como quen non deixa de pronunciar todo o refrán ou quen recorta unha fotografía dos nosos pais. O tempo resulta a mellor das medidas. O tempo informativo repousa na emoción dunha escena, cando o espectador pecha o conto. Os seus últimos traballos, que ata finais de mes podemos ver na sala Rincón Arte, rescatan o mellor do Ribao compositor, organizado medidor e arqueólogo do visual. Cando nos achegamos ás obras desta serie denominada “Harte”, comezamos cunha interrogante, que actúa de prólogo de presentación. Ribao queda fascinando por unha determinada imaxe simbólica, eterna, preñada de narracións, que se balancea no trapecio da historia da arte, e queda igual de fascinado polo escenario, polo ámbito de presentación no presente. Dúas ofertas informativas, lugar e historia, claves e definitorias da súa poética.

Obxectos viaxeiros
As obras de Ribao son resultados de apropiacións, readaptacións de obxectos, de motivos, anacos icónico e paradigmáticos, perfectamente identificativos, que resultan ou se reactivan en novas composicións, en novas realidades. Unha dualidade narrativa, sempre irónica e cuestionadora, sempre aberta. O poder das imaxes, que se ofrecen como axentes estraños, ofrécese nas súas cualidade cualificativas: readaptadas para dar luz, como a cabeza ou o gran ollo do Guernika, readaptadas a novos escenarios, imparciais, erosionados. A narración sempre se complementa, se potencia. Do mesmo xeito que se activa unha relectura da pintura ó instalar un Mondrian sobre unha escada de madeira, cor e branco e negro, se activa o azar burlón de Duchamp ó instalar unha cruz na sempre referencial imaxe do urinario —icona espello da narración de Ribao— ou se anuncia acaída das disciplinas na ironía máxima de presentar o negativo da pintura da Gioconda. A nova ollada do barroco máis místico de Murillo na ironía, sensual, de Warhol, o reflexo dun efebo rubio nunha charca, o diván cárnico da Venus de Velázquez ou a cabeza-dor-carne-crueldade de Munch enmarcado en troncos amoreados; formas de adaptación interartísticas. Mentres que a silueta de Magritte no valado branquiazul coruñés ou a serea surrealista na curvatura marítima son soportes de supervivencia compositiva.

O mellor exemplo queda na ausencia, en converter o escenario de presentación nunha ollada sobre o propio producto histórico: o baleirado do cadro das Meninas. Queda un espazo onde aínda non se reubicaron as protagonistas ou nun irónico “tempo de descanso” pero onde xa entrona o can mastín, a mesma atmosfera e onde un espello no fondo da estancia é agora fiestra ó presente, ó reflectir a peza do Guernika. Unha nova trama de intervención, directamente no lugar “histórico”, non desde o obxecto ou a icona e a súa manipulación; unha pretensión pictórica máis evidente na propia resolución materia da obra impresa sobre lenzo, fisicalizando a propia ironía de sentirse pintor. Ribao nunca deixa de perder un fío lúdico na súa manipulación visual.

Toda unha pretensión de reciclaxe crítico, desde a historia e o presente. Ribao entende á perfección a mestizaxe, incluso cando participa neste proxecto expositivo, consistente nunha pequena sala de exposicións e na presentación da obra nun contexto comercial, o que marca e particulariza un comercio de hostalería. Quizais do mesmo xeito que Carl Andre vía a mellor das esculturas no trazo na paisaxe dunha estrada Ribao comprende á perfección a relación híbrida do mundo visual, a continua contaminación, que traslada ás súas obras, patentes da ollada contaminada, interactiva e aberta. Cando a fotografía, igual que a pintura ou a música, aprende a sentirse recreada, revivida; case un Frankenstein con ollos picassianos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org